Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Vigo amurallado

Tres meses despois do pasamento do arquitecto Xaime Garrido, apareceu nas librarías "Vigo amurallado. Origen y evolución histórica" (Instituto de Estudios Vigueses 2019), o libro no que recolleu o seu coñecemento sobre o Vigo Vello. Unha das obras sobre a historia de Vigo máis completas e novidosas das publicadas nas últimas tres décadas. Un auténtico libro de referencia sobre Vigo, unha peza indispensable en calquera biblioteca viguesa, tanto pola calidade dunha edición de 472 páxinas, en encadernación acartonada e formato de mesa, como polo despregue documental de planos e fotografías para explicar con espírito didáctico e afervoada paixón pola cidade nosa as raíces primixenias do Vigo actual chantado naquela primeira poboación castrexa, asentada no monte do Castro á altura do século VII antes de Cristo.

Un paseo pola historia viguesa que Garrido continúa pola poboación romana dos séculos I e II, xa con considerable actividade marítima e exportadora da industria de salgadura de peixe, e pola vila que a finais do século XVI contaba con 4.500 habitantes, fixada no plano de Leonardo Turriano, o primeiro coñecido de Vigo e do seu porto (1597), onde xa se identifica o centro da vila arredor da actual praza da Constitución. Cidade a nosa que, despois da segunda incursión de Francis Drake (1589), na que sería destruída e incendiada, comezou a configurarse coa fasquía actual ao longo do século XVII, cando se iniciou a construción das murallas (1656), as súas portas, fortes, baterías e baluartes, que dous séculos despois (1868) comezarían a ser derrubadas. Cidade amurallada que aparece reconstruída con todo detalle por Xaime Garrido a partir do "Plano de Vigo con sus contornos" de xaneiro de 1773, rescatado no Instituto de Historia e Cultura Militar.

Froito de toda unha vida dedicada á investigación teimuda e minuciosa no Arquivo Municipal de Vigo e en calquera outro no que aparecesen documentos relacionados coa historia viguesa, Garrido reconstrúe un formidable plano (despregable) do Vigo da primeira metade do século XIX e da súa toponimia, no que ademais de trazar o rueiro da cidade amurallada e dos seus barrios (Outeiro, Buraquiño, Campucha, Fonte de Vigo...) identifica xa os arrabaldes da Falperra, da Ribeira do Berbés, da Gamboa ou do Salgueiral sobre os que a finais do dezanove se desenvolverían os primeiros ensanches. Unha proeza do investigador urbanístico que vai moito máis alá cando Garrido reconstrúe, a partir dos proxectos de obra presentados no concello, a aliñación e apertura de prazas e rúas principais deste período decisivo, incluídas as rúas dos novos ensanches, poñendo así os alicerces do que é o urbanismo vigués contemporáneo. Un traballo impresionante presentado con apoio fotográfico, tanto documental (postais e fotos antigas) como actual, que permite ao lectorado facerse cargo das mudanzas, das perdas e das recuperacións do que debemos denominar como Vigo Vello.

Complétase o libro cun inventario dos edificios e dos elementos arquitectónicos anexos (elementos decorativos, escudos, reloxos de sol...) máis destacados da cidade antiga viguesa, así como na reprodución do nomenclator do rueiro dos anos 1862 e 1877, que convida ao lectorado a redescubrir a súa cidade identificando detalles no seu paseo demorado. Como fixera en obras anteriores, como "Vigo. La ciudad que se perdió. Arquitectura Desaparecida. Arquitectura no realizada" (1991) ou "El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo" (2011), Xaime Garrido nesta obra sobre o Vigo do Casco Vello e dos seus ensanches convida ao seu lectorado a percorrer a cidade amada coma el o fixo, subindo e baixando costas e escaleiras, procurando os mellores ángulos para contemplar e fotografar cada edificio. Libros concibidos por Xaime para ler e para camiñar procurando así as raíces dunha cidade un chisco esquecedeira que non sempre respecta a herdanza do seu patrimonio.

Xaime loitou coma un auténtico heroe civil para que o Vigo futuro se reconciliase coa súa memoria, para que se parase a desfeita irresponsable da súa arquitectura civil e industrial. Traballou coma un xigante para dotar a Vigo dunha historia urbanística, da que probablemente este libro "Vigo amurallado", sexa o froito máis conseguido, consciente de que unha cidade non ten futuro se esquece as orixes do seu patrimonio. O seu labor didáctico e afán cívico foron extraordinarios, como tamén é moi valioso o seu arquivo documental, milleiros de planos e fotografías, que deberían formar parte do patrimonio da cidade. Garrido, a quen nin sequera se lle nomeou vigués distinguido, para vergonza da clase política viguesa, merece polo menos que o seu arquivo sexa mimado, xa que alí se gardan cincuenta anos de investigación da historia de Vigo.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats