Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

No País dos Ananos

Celso Emilio Ferreiro publicou un libro, moi poderoso, de poemas: Viaxe ao País dos Ananos. O título facía referencia a Jonathan Swift, pero era outra a intención crítica a que movía o autor de Celanova. No libro de Celso inclúese unha censura aos galegos franquistas cos cales o autor estivo enfrontado no tempo no que residiu na república hoxe bolivariana de Venezuela. Poido escoller Celso a forma galega "anaos", en vez de ananos; pero achou a segunda máis rotunda e eficaz na función satírica da linguaxe poética. Na actualidade circula moito no campo científico-técnico a forma nano- como elemento de palabras usadas internacionalmente en adaptacións ás diversas linguas. Así: "nanosegundo", "nanometro", "nanoplankton" ou "nanotecnoloxía". Esa compoñente inicial, nano-, provén do latín nanus, -i e este, á súa vez, do grego nános. Significa "anano"; persoa, animal ou pranta que interrompe o seu crecemento antes de acadar as proporcións e tamaño medio da súa especie.

Na lingua científica indica que aquilo de que se fala é moi pequeno. É curioso que Alfred Ernout nos diga que, en época clásica, nanus pasaba por vulgar. E Meyer-Lübke asegúranos que derivados de nanus hainos en todas as linguas neolatinas, salvo en Romanés. Nos meus tempos de estudante de bacharelato, os cultismos científicos, encabezados por nano- ou non, existían aínda ou aínda non chegaran aos libros de texto. A min dame no corpo que foron introducidos máis tarde. Ao non haber nanotecnoloxía no mundo, tamén a palabra non existía. Vexo que, nun intre indefinido da evolución da ciencia e da técnica, o compoñente léxico micro-"pequeno" foi substituído por nano- para dar unha impresión de novidade que nunca está de máis no progreso e difusión dos coñecementos. Como pode ser observado, o latín e o grego clásicos, son linguas que deixaron de ser faladas e escritas pro que seguen a ter unha vitalidade sorprendente na ciencia. O inglés é considerado, e mesmo idolatrado, como lingua de conveniencia e de contacto universal. Ben: do inglés proceden a mor parte, ou todos, os neoloxismos do campo das innovacións técnicas máis vulgarizadas e usuais. Pero nos recintos esclusivos e altos do coñecemento seguen o grego e o latín clásicos a producir léxico.

Coido que un dos errores educacionais do noso tempo está sendo o retirar as linguas clásicas do ensino básico. É agora cando vén á miña memoria un Otero Pedrayo no seu leito de morte, en Ourense, entristecido polo enfeblecemento do latín e do grego nos programas do Ensino Medio no que el fora formado e no que exerceu como catedrático ben anos.

Compartir el artículo

stats