Síguenos en redes sociales:

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

A Streetcar Named Desire

O título desta columna é o do drama duro de Tennesee Wiliams. E mais da película de Elia Kazan na que sae Marlon Brando con outros prodixios. "Streetcar" porque é así como USA e Canadá nomean o tranvía. E "Desire", e non "wish", porque é a Nouvelle-Orleáns, e non New Orleans, onde berran, minten, xogan e se despelexan as personaxes nun marco de corredores de ferro forxado.

Houbo en Vigo unha rede maravillosa e inesquencíbel de tranvías que, en dúas compañías, nos achegaban ao Porriño e a Baiona, alén de unir todos os barrios co centro e o Berbés. O máis peculiar dos tranvías de Vigo era o 4, que apenas circulaba, Calzada mediante, unha vez ou dúas por día. Logo, o alcalde Portanet, con corruptelas famosas, acompañadas de prisión de concellais, desposuiu a compañía de tranvías e meteulle na man o transporte urbano de Vigo a uns certos asturianos comandados polo seestro xeneral Alonso Vega. Houbo escándalo colosal na cidade, que perdeu os tranvías. Instaurouse Vitrasa. Os vellos seguimos a soñar en tranvías "Siboney", en "jardineras", nos amarelos do Porriño, nos "sevillanos".

Acabamos de viaxar en metro desde o aeroporto Sa Carneiro ao centro da cidade do Porto, atravesando diferentes territorios municipais que constitúen a meirande urbe da que foi Gallaecia. Representousenos na imaxinación un Vigo articulado cos seus municipios metropolitanos, cada un deles asentado sobre esteos de Xuntas de Freguesía. Coma no Porto. Tranvías e/ou liñas de metro cruzarían este Gran Vigo que por Otero Pedrayo fora definido como "unha bisbarra atlántica e alpina". Con "alpina" Otero referíase mormente ao galiñeiro, ao Suído, á Fontefría. Ou sexa ás altas serras que son parte constitutiva do "hinterland" de Vigo ou Terra de Turonio. O tranvía que apareceu agora en Vigo é unha ofensa á nosa memoria xuvenil. O que está exposto non é un tranvía de Vigo, senón un cacifro mercado nalgún ferrovello. Pero pode servir de recordatorío de que en Vigo houbo tranvías e de que á comarca debe voltar o transporte eléctrico de persoas e impedimenta. Esta vez, e necesariamente, de propiedade e xestión municipalizada. Hoxe, ao noso Desexo chamámoslle Tranvía.

Pulsa para ver más contenido para ti