Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Ianua Coeli

Eu non sei se Jordi Évole era ou non consciente do alcance dunha das súas preguntas ao Papa, pero este si que sabía (home non!) de que falaba. Refírome á presenza da muller, en verdade ancilar, na igrexa católica. Dixo Francisco que a dimensión feminina era inseparábel da igrexa da que el é cabeza. Pero eludiu precisar o feito de que muller ningunha ocupou nin, ao parecer, ocupará a cadeira de San Pedro. Ouvindo o Papa, viñeron á miña mente, en enxurrada, as belísimas verbas lauretanas da letanía que aprendimos de memoria, cos primeiros latíns, na nenez: Turris Davídica, Stella Matutina, Salus Infirmorum? Ianua Coeli! Porta do Ceo: o que nos leva a que María, alén de nai de Deus home, é mediadora universal de todas as Grazas e, con Cristo, habita polos séculos dos séculos o Ceo en corpo e alma. Os eloxios de Francisco á muller non son de hoxe. Fúndanse na vella tradición chamada antes mariana. Agora, polos teólogos contemporáneos, mesmo se fala en "marioloxía".

A min acórdame a poesía medieval de Gautier de Coincy, de Gonzalo de Berceo, e, sobre todo, as Cántigas de Santa María escritas en galego por Afonso X o Sabio. É un cántico permanente a María que se converte en exaltación do "Eterno Feminino" que enche partes fundamentais do Fausto de Goethe. Claro que a igrexa católica posúe unha dimensión fiminina profunda e devocionalmente vivísima, fundada na presenza de María no seu sistema de crenzas e no seu relato mítico. Pero a pregunta de Jordi Évole, ao meu ver, debería ser algunha deste teor: por qué as mulleres católicas non poden recibir o sacramento da orde, instituído segundo a dogmática por Cristo? Por qué están elas excluídas dun dos sacramentos da igrexa católica é algo que esa confisión explica polo segunte feito: Cando Deus quixo redimir a Humanidade escolleu ser varón e non femia. Cristo amistou con María Magdalena e foi fillo de María, da torgueira de Davide. Pero abriulles o sacerdocio só aos seus 12 apóstolos e discípulos dos seus apóstolos, de condición masculina.

A muller consagrada a Deus nunca poderá consagrar ou sexa converter o pan en corpo e o viño en sangue de Cristo. Non houbo mulleres sentadas á mesa da derradeira cea e, por iso, no haberá "presbiteras". Francisco Papa, que é sabio e experimentado cos xornalistas, eludiu con moi boas palabras a pregunta, cuxo contido seguramente estaba pactado con anterioridade, como é habitual en entrevistas de tanta altura. Ou sexa, que veremos presbiteros casados exercendo o ministerio e a eucaristía como os hai nas igrexas orientais (mesmo nas fraccións de obediencia romana). Pero nunca veremos mulleres pronunciando as palabras eucarísticas na parte central da misa. Ou sexa, que a igrexa católica ten en mente perpetuar a inferiorización da muller no seu seo.

Compartir el artículo

stats