Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pe do farelo

De políticos e eleccións

Pois nada amigos, que xa estamos metidos en faena ata as cachas e asomando aí mesmiño xa temos as eleccións municipais, agora nós todos temos a palabra e a oportunidade de quitar ou poñer rei, despois no bar está moi ben e resulta moi doado poñer verde ao alcalde, ao conselleiro ou a quen faga falla, pero cando hai que pensar e dar a cara é agora.

Temos que recordar cos concellos e os alcaldes están para servir, non para servirse. Que son os nosos cartos os que manexan e gastan, as veces dilapidan e polo tanto teñen a obriga legal e moral de facelo con honestidade e claridade. Pensar e meditar dos servizos que desfrutamos e dos que nos privaron; educación, seguridade, comunicación, subministros etc...non nas copas pagadas no bar cando buscan o noso voto.

Hai que poñer sobre a mesa as mentiras e enganos dos que fomos vítimas nos todos, como veciños durante estes catro anos; os impostos de bens inmobles non bonificados, as pistas non asfaltadas, os investimentos inútiles, o que perdimos e o que deixaron de facer por desidia, incapacidade ou simplemente mala praxe. E sobre todo acordarvos do que dicía o meu amigo aquel "O Casiano", con mais razón que un santo; Hai cousas, e cousas, e outras cousas que son e non son, e polo tanto non se poden aceptar, nin comprender.

Eu, se me apuras, falaba con aquela voz aguardentosa, mesmo estou disposto a chegar a admitir, aceptar de bo grado ca muller me dixera un día que estaba embarazada e iamos ter un fillo, e mesmo podería ter chegado a aceptar co fillo era meu e crialo e querelo como algo meu, un anaco de min, aínda que dende novo por un sen querer tiveron que facerme a vasectomía, si, xa sabes o que, así que sonche estéril, inda que a ninguén xamais o dixen. Pero o que nunca, nunca, nunca, xamais dos xemeses vou crer é o que me poda dicir ou diga o alcalde, ou o que me prometa un deses profesionais da política e a mentira, que chegan a servirse de, non a servir os demais, con todo baseado na falsidade e o engano, e aínda peor se o que me din ou prometen fora durante unha deses campañas electorais.

Xa ves ti. Eu recoñezo que sonche pouco listo, mais non gilipollas, e sei ben que estes tipos sonche Pinochos ao cubo e teñen a cara máis dura co formigón da ponte nova, e despois que ti non entendiches ben, e non soubeches comprender o que eles che dixeron, e onde dixen, digo, Diego e a vivir que son catro días.

Algúns destes tipos sonche mentireiros profesionais, recalcitrantes e incorrixibles, coa desvergoña absoluta dos que o fan para medrar. Líbreme deus destes amigos, porque dos meus inimigos xa me libro eu.

Compartir el artículo

stats