Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Lume Un

Sempre no mundo haberá un Outubro de horizontes vermellos. Nós témolas pinturas de Xosé Lodeiro. O 5 de Outubro, ou do Outono, de 1957, axuntáronse amigos no Café Gran Vía das Travesas. Non era a loita final, pero algo tiña que ver con ela. Rufo Pérez, Fernando Gallego, e outros que non me acorda, pedíronlle champán ao patrón. Acodiu, con aquel seu sorriso libre e cauto, Magariños. Erguéronse as copas. Á saúde da ciencia, do progreso e da Unión Soviética. O lume que ardía alá moi lonxe, como reza o poema de Celso Emilio, depurárase en ciencia e técnica proletaria. Acababa de porse en órbita o Sputnik 1.

Ou sexa, o primeiro satélite artificial da historia da humanidade. Eu, daquela, lembrei Da Terra á Lua, seguramente a primeira novela en portugués que me fora dado ler. Ao redor do mundo foron innumerabeis as persoas que vitorearon a fazaña técnica. Teño entendido que a palabra rusa sputnik significa "compañeiro de viaxe". A ciencia soviética, como estaba no programa comunista, apropiábase da ciencia burguesa. Os traballadores e as traballadoras non deben aspirar ao regreso da maxia, nin da barbarie, nin do bosco primitivo que representan as pseudociencias "alternativas". Deben aspirar ao control do coñecemento para polo ao servizo de todo o pobo. Acordeime daquel estado de ánimo político e sentimental de 1957 ao coñecer a noticia do Lume 1. Un pequeno artefacto espacial ideado pola Universidade de Vigo foi lanzado ao exterior da atmósfera e posto no punto de gravitación universal preciso para que dea voltas e máis voltas arredor do noso planeta ao tempo que emite información que nos resulta conveniente. Neste caso, sobre os incendios forestais causados por unha loucura e unha ideoloxía fundamentada na forestación frenética. O satélite foi lanzado en Rusia. Non nos EEUU nin na UE. Foi lanzado nun estado político e de cousas que non é o do imperialismo e si está dentro da nova lóxica internacional da multilateridade. O satélite galego leva un nome galego. Chámase Lume 1. Usa dunha palabra galega que, no máis lontano da súa xénese, contén a raíz indoeuropea LEUK- "brillar, emitir luz".

Eu agradézolle á Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, e a todos os organismos coadxuvantes, que batizasen o seu ilusionante enxeño co nome, en galego, LUME, que é a luz, a intelixencia que queima as barreiras que pretenden coutar os avances do saber.

Compartir el artículo

stats