Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

1918

Anda Europa memorizando o armisticio que puxo punto e seguido á Grande Guerra do 14 ao 18. Parentes meus morreron coa gripe, pero o meu pai non foi a eses frentes lamecentos e espantosos porque España, coma case sempre, non fixo parte de Europa.

Portugal estivo no conflicto, o que lle valeu conservar as colonias. A España xa os EEUU lle quitaran os restos do imperio en 1898, cousa da que non quere lembrarse ninguén en Madrid. O Imperio Otomano estoupou. O imperio austríaco desapareceu e no mapa de Europa pintáronse estados independentes que nunca o foran, coma Checoslovaia, e formáronse dúas federacións baseadas no dereito de autodeterminación das nacións: a URSS e o que sería Igusolavia. Estas terminaron destruídas dediante dos nosos ollos polo imperio norteamericano.

A Grande Guerra fixo posíbel unha realidade soñada polos máis idealistas: a Sociedade de Nacións, que un día tivo en conta a Galicia, polo que lle estaremos sempre agradecidos. As artes de vangarda fixeron magas e destituiron toda estética anterior. As vangardas pasaron e Rusia a Alemaña, a Hungría independente e socialista, a todo o resto de Europa. E o que foi importantísimo: a Grande Guerra deixou paso á revolución en Rusia, cuxos efectos non parece que ninguén sexa capaz de borrar. Vexan a recente viaxe de Díaz-Canel por Asía e as bandeiras que non foron, tamén non, arriadas nin en China nin noutros lugares do planeta. No centenario de Marx, podemos velo, se non nos deforma a vista a ideoloxía: un mundo que é xa multipolar. Até esa cousa mínima e pomposa que atende por Macron recoñeceu no esoutro día, ao pedir un exército europeo.

E aí está o perigo. Que volva haber potencias capitalistas armadas e dispostas a enfrontarse entre elas pola hexemonía. Ou sexa que o perigo é o regreso a 1914-1918. De xeito non hai outro esconxuro para tal ameaza que o asalto ao palacio dos ceos que representa socialismo e os dereitos do ser humano respectados, incluso dereitos colectivos coma o de autodeterminación. Se volvemos a Marx veremos que, el, un día acordouse de algo indubidábel: a historia nunca se repite. E, se alguén o intenta, converte a historia en farsa.

"O conflicto é o pai de toda cousa, o rei de toda cousa. A uns fainos deuses, a outros fainos humanos. Fixo libres a uns e escravos a outros". Esto deixou escrito Heráclito o Escuro varias centurias antes de que comezara a correr a Era Cristiá.

Compartir el artículo

stats