Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Pazos de Reis

Escribiamos aquí das eurocidades miñotas de Vilanova de Cerveira/Tomiño e Valença/Tui. Sábese tamén dunha terceira, co Pastor dos Ríos nosos a correr polo medio: a eurocidade Salvaterra/Monção. Teño ouvido decer que, no val do Támega e vella Terra de Baroncelli, Chaves e Verín constituiron a primeira alianza deste tipo; xa non en Galicia e Portugal, senón en Europa. Estaría ben que así fose, para serviren de exemplo. Mormente cando na ponte de Chaves campa o Padrão dos Povos no que o constructor romano eternizou os nomes de bon número de tribos ou xentes daquelas partes da Gallaecia.

En efecto, como lles comentaba esoutra semana, un obstáculo non menor para a habilitación das entidades europeístas de que se trata será a diferencia de réxime administrativo local que rexe en España (con lei atonómica galega) e en Portugal. Naquela República todos os municipios áchanse divididos en freguesías cuxa Junta é eleita por sufraxio universal. En España e en Galicia a creación de entidades locais de ámbito inferior ao municipio é optativa. De feito, en Galicia só existen oito (penso) parroquias administrativas.

Desde logo, unha delas é Pazos de Reis, no municipio de Tui. O resto das parroquias de Tui carecen de órgano administrativo de seu. Así que a eurocidade Tui/Valença só coñece freguesías administrativas na súa porción portuguesa. Elas son Arão, Bolivão, Cerdal, Cristelo Covo, Fontoura, Friestas, Gandra, Gondomil, Ganfei, Sanfins, S. Julião, Silva, S. Pedro da Torre, Verdoejo, e a mesma cidade capital do municipio que tamén, como é regra republicana, dispón desta administración básica. Non sendo en Pazos de Reis, en Tui, nin Areas, nin Baldráns, nin Caldelas, nin Guillarei, nin Malvas, nin Paramos, nin Pexegueiro, nin Randufe, nin Rebordáns, nin Riba de Louro, nin por suposto, a vella capital e cidade histórica gozan de órgano de goberno parroquial.

O fenómeno que supón a existencia dunha "Entidade Local Menor" en Pazos de Reis é, en Galicia, excepcional. Esperemos que a propia dinámica democrática das novas ciudades transfronterizas lle faga sentir á parte galega a necesidade de se homologar no nivel parroquial, coas súas confluencias portuguesas.

Compartir el artículo

stats