Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Honor a Fernán-Vello

Puido facelo calquera outro deputado ou deputada de En Maré. Independentista de Anova ou defensor do dereito de autodeterminación arraizado en Esquerda Unida ou en Podemos. "Pro tempore" cadroulle a sorte a Migel Anxo Fernán-Vello.

Tomou este a palabra no semicírculo das Cortes de Madrid, e retomando ecoares de Castelao e Otero Pedrayo alí, dixo palabras verdadeiras. Debullou os males de Galicia como deputado noso. En realidade, no importantísimo debate que culminou coa censura ao PP e co envío de Rajoi e Rivera ás cloacas da Historia, o único orador que falou no nome do pobo e da nación de aquí de onda nosoutros foi Miguel Anxo Fernán-Vello, un altísimo poeta. Aínda, que os círculos do réxime nunca lle asocien á súa figura parlamentaria a súa condición de escritor en lingua galega destinado a perdurar nos séculos por vir.

Se cadra, no futuro haxa algún erudito que precure na prensa de Galicia os ecos do debate parlamentario de que falamos. Eu adiántome. Diciamos que Fernán-Vello, orador de En Maré, asociada a Podemos, foi o único que no debate enumerou con elocuencia os males da Patria Galega, estruchada hoxe a mans do PP. En xusto pago, case todos os xornais de Galicia se referiron en réxime de mínimos á intervención de Fernán-Vello. A única foto de Fernán-Vello que eu vin na prensa galega do día seguinte ao debate foi a que publicou o Faro de Vigo. Nos xornais galegos que eu revisei as palabras atribuídas a Fernán-Vello estaban reducidas en plan xíbaro, por se a dosimetría parlamentaria non fose suficientemente reductora. E víanse nas planas fotografías de todo o mundo. Excepto a de Fernán-Vello.

Esto vén ao caso que estamos tratando unha e outra vez nesta columna. Hai moito interese contra En Maré. Molesta que En Maré sexa a segunda forza parlamentaria na microautonomía do Hórreo. Molesta que teña deputados e deputadas nas cortes de Madrid. E doe moito que o deputado habilitado por En Maré para falar no debate histórico da censura a Rajoi sexa o único que no parlamento español endereitase o seu descurso en defenderse da causa de Galicia en canto que nación colonizada. Media, partidos, cobizas, exteriores, ademais de inimigos internos insidiosos e péritos en intriga, cal son certos galeguistas de dereita, concítanse contra En Maré. Como en Maré existe e sabe actuar, falar e escribir, daquela van e lle mandan tropa de energúmenos a asolar a sede de Maré Atlántica da Coruña. No pasado debate de censura o poeta Fernán-Vello representou el só a Galicia subalterna.

Compartir el artículo

stats