Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Orzamentos para un devalo

As contas expresan a escasa importancia de Galicia

A pesar de que o PP non ten garantidos os apoios suficientes para aprobar os Orzamentos Xerais do Estado para 2018, o documento entregado no Congreso polo ministro de Facenda expresa a escasa importancia que Galicia ten para o goberno de Rajoy. Lonxe de agravios comparativos entre comunidades, a proposta orzamentaria de Montoro supón, probablemente, as peores contas para Galicia dos últimos quince anos, tanto polo feito de que se reducise o investimento do Estado por baixo dos mil millóns de euros, o que dende 2004 só sucedeu o pasado ano, como polo feito de que esta cantidade de 936,79 millóns de euros supoña unha redución de case un terzo dos 1.363,9 millóns consignados no documento de 2016. Devalo que leva a que Galicia se sitúe entre as comunidades nas que menos se incrementa o investimento real territorializado (apenas un 1,3%), cando esta porcentaxe media é do 15% e acada incrementos en Andalucía do 27%, Madrid do 24% ou no País Vasco do 33,4%, cifra á que non é tampouco allea á contribución decisiva que as cinco actas do PNV puidesen ter á hora da aprobación dos Orzamentos.

Devalo orzamentario do Estado en Galicia no que moito ten que ver a diminución das partidas que o Ministerio de Fomento destina á finalización das obras do AVE (406 millóns de euros), investimentos ferroviarios que supoñen case á metade das achegas para Galicia. Diminucións que se consideramos o investimento real, o efectivamente gastado, se veñen producindo xa dende 2013, e que aventuran que unha vez rematadas ás obras do AVE até Ourense (a data actual prevista de finalización deste tren rápido é 2020), as cantidades orzamentarias para Galicia regresarían aos niveis dos Gobernos de Aznar, anteriores á crise do Prestige. Abonda para prevelo repasar as cantidades previstas por Fomento para outras obras como a finalización da Autovía Lugo-Santiago (47 millóns), a continuidade do polémico Porto exterior da Coruña (30 millóns) e do Porto Seco de Salvaterra-As Neves (13 millóns) ou as partidas do Ministerio de Defensa destinadas á construción de novas fragatas F-100 por parte de Navantia, nun exercicio no que os programas especiais de armamento teñen asignada unha partida de 2.164 millóns de euros e o gasto militar superará os 9.000 millóns, o que supón unha suba do 6,9% con respecto ao ano anterior.

Repaso das partidas asignadas por Montoro para 2018 nas que se detecta que os novos proxectos de infraestruturas galegas, como as actuacións imprescindibles a acometer nas contornas metropolitanas de Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña e Ourense quedan adiadas para os exercicios de 2019 ou 2020, mesmo a pesar de anuncios estridentes con intención electoral como a prolongación da A-52 do Porriño até Vigo por medio dun túnel ou da A-8 pola Mariña Lucense até o porto de San Cibrao, que reciben partidas pequenas apenas para iniciar os estudos previos. Como tamén se adían outras infraestruturas ferroviarias, longamente demandadas, como a mellora do tren a Lugo, a mellora do Feve na costa norte, ou a liña entre Ourense en Vigo por Cerdedo, cuxo custe de máis de dous mil millóns de euros, semella obrigará a deixala como "asignatura pendente" no cartafol dos proxectos adiados sine die, mesmo a pesar da insistencia das forzas sociais e cidadás en reclamala como estratéxica para o desenvolvemento da Galicia sur.

Secasí, o que o documento orzamentario de Montoro asigna á Área Metropolitana de Vigo para 2018, coa excepción dos 24 millóns previstos para o Porto de Vigo, os 32 para diversas actuacións da Zona Franca e os cinco destinados ao remate da nova depuradora, semella propio dunha pedrea destinada a que os xogadores non desistan na ilusión de recibir algún día un dos premios gordos. Así debemos considerar os 20.000 euros destinados polo Gobierno de España á recuperación da muralla do Castro ou os 35.000 euros para o Marco, cantidades ridículas destinadas a proxectos culturais, onde se bota en falta sequera algunha partida simbólica para a construción da Biblioteca do Estado, fose na Panificadora ou nos terreos das Travesas na zona actual dos Xulgados.

Cifras en devalo do goberno Rajoy para Galicia que sabemos serán aínda máis baixas no proceso real de execución orzamentaria, como demostran os estudos da execución na última década das partidas nos diversos treitos do AVE, nas que poucas veces se superou o gasto do 50% do orzamentado, o que obrigou a súa prórroga, desenvolvéndose así un endiañado exercicio de política orzamentaria de ficción. Un proceso moi pernicioso que acumula á débeda histórica que o Estado mantén con Galicia, mais que tampouco é reclamada coa convicción requerida polo Goberno galego presidido por Feijoo, que non quere incomodar a Rajoy nin acaba de decidir se pretende ou non dar o salto a Madrid.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats