Síguenos en redes sociales:

tRIBUNA LIBRE

50 anos de paixón

Lalín celebra esta fin de semana unha data histórica como son as "vodas de ouro" da nosa Feira do Cocido. Son 50 anos de tradición, de xuntanzas de amigos, de familias, diante do prato rei da gastronomía da nosa bendita Galicia.

Ferven as potas nas casas de moitos e moitas, e os restaurantes xa están preparados para recibir a moreas de persoas, que queren pasar un día de felicidade entre cacheiras, grelos, chourizos ceboleiros, e gloriosos lacóns. Somos xa mundialmente coñecidos porque en estas terras acolledoras da capital do Deza, avós, pais e nenos e nenas, son capaces de festexar diante dun espectáculo interxeracional pantagruélico, que o cocido é unha relixión apócrifa, cun exército de devotos que ninguén semella poder parar.Hai moito que agradecer a tanta xente que colaborou en 50 anos para que hoxe sexamos a referencia gastronómica de Galicia. Dende os pioneiros da "Peña do porco", pasando polo querido alcalde Licho, por Xosé Cuiña, ou o goberno anterior, todos colaboraron con traballo arreo para que o cocido sexa un dos alicerces da nosa economía e da nosa identidade como pobo. Dende Álvaro Cunqueiro, ate Victor Freixanes, 50 pregoeiros e pregoeiras cantaron ao mundo, que as cacheiras do nosos cochos son unha bendición, e que os grelos e as patacas son obxecto de devoción.

A Feira foi evolucionando, ata chegar a un punto de modernidade que non dá as costas á tradición. O cartaz deste ano, pon en valor que os lalinenses non esquecemos aos grandes da nosa Historia como Laxeiro, ao que retornamos para ser a visualización desta efeméride histórica. E dicímolo con orgullo, Lalín ten o mellor cocido do mundo, ese do que fixeron referencia poetas, ese do que falan na nosa querida Arxentina, en Venezuela, en Suíza. Ese que latexa en calquera pota dun lalinense que tivo que marchar a buscar mellor vida a outros lares. Este domingo estarán todos eles de algún xeito na casa, en Lalín, ou mirando pola fenda dunha fiestra ou dende a pantalla dun ordenador, como a súa querida terra festexa, e non os esquece. Benvidos a todos e todas a Lalín. Desfrutade dos nosos restaurantes, das nosas carnes afumadas, do pracenteiro amargor dos grelos, do noso delicioso pan... e non esquezades que somos terra de acollida para toda a xente de ben, que sabe que unha celebración de 50 anos, é a demostración da grandeza da tradición dos que estiveron antes, e do compromiso dos que nos toca agora, co pobo de Lalín.

*Alcalde de Lalín

Pulsa para ver más contenido para ti