Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Vigo e a cultura contemporánea

A pasada fin de semana celebrouse a derradeira edición de ALT

A pasada fin de semana celebrouse a derradeira edición de ALT, o festival alternativo das artes escénicas de Vigo, que dende 2002 desenvolveuse na nosa cidade. Reducido nesta edición a seis actuacións, este ALT 2017, bautizado como "FinALT", ofreceu no Marco os catro espectáculos integrados no "ALT procrea en feminino", programa de apoio ás creadoras galegas da Agadic, onde se presentou "Bailarina", o traballo da catalá Sonia Gómez, reinterpretado pola galega Begoña Cuquejo na súa peza "Bailarina hipnótica", ademais das performances "Sujeto visible - sujeto invisible" de Masu Fajardo e "Wakefield Poole" de Celeste González. Un programa escénico que se completou no auditorio do concello co espectáculo de Matarile Teatro "Antes de la metralla" e no Instituto Camoens co espazo gastronómico "La cuina furtiva", chegado dende Valencia.

Organizado pola asociación Noescafé Teatro e nacido cando en Vigo non existía nin o Teatro Ensalle (2003) da rúa Chile nin fora creada a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD, 2005), o festival ALT apostou cada ano por traer as propostas máis innovadoras da danza e teatro contemporáneos. Máis de duascentas compañías e medio milleiro de artistas participaron nestes dezaseis anos nunha programación que se desenvolveu en instalacións culturais como o Marco ou o Auditorio Municipal, mais tamén nos espazos públicos transformados en escena, dende escaparates de comercios, rúas e prazas até hoteis, a lonxa ou os propios vitrasas. Sempre coa intención, segundo palabras de Lola Correa, a súa directora, de ofrecer "un festival de corte alternativo en pleno século XXI, onde cómpre seguir experimentando, exhibindo, invadindo os terreos desolados dos escenarios polos menos contestatarios para enchelos de irreverencia, que é a fin de contas o lugar onde deben estar os/as artistas".

Segundo os seus responsables, o festival ALT vese obrigado a despedirse pola falta de apoio económico do seu principal patrocinador, o Concello de Vigo, cuxa achega diminuíu de forma traumática nas últimas edicións, dende os 60.000 euros dispoñibles en 2012 aos 10.000 da última edición, cantidade á que se sumaban no orzamento as achegas aínda moito máis cativas da Xunta de Galicia, da Universidade de Vigo e da propia asociación organizadora, ademais dos ingresos por taquilla daqueles espectáculos de pagamento. Unha redución que provoca finalmente o colapso económico do festival e obriga aos organizadores, a pesar do seu voluntarismo entusiasta e de contar cun público incondicional, a abandonar a organización do festival ou a procurarlle unha sede alternativa. Redución orzamentaria que non é allea, tampouco, ao contexto de recortes do sector das artes escénicas que de 2009 a 2015 diminuíu en Galicia os seus orzamentos nun 70 % inviabilizando a actividade dun sector xa de por si moi precarizado, onde apenas o 6 % dos seus integrantes pode vivir do seu traballo.

O ALT engádese a esa longa lista de festivais e eventos culturais vigueses desaparecidos nos últimos anos, dende a inesquecible Fotobienal ao Vigo a Escena, dende o Festiclown ao Vigo Transforma. Como esoutra lista de festivais en perigo de desaparición como o Sinsal de novas músicas, o Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea ou o Imaxina Sons de jazz, que cada ano emiten o seu desesperado s.o.s. Citas todas elas de referencia, nacidas dende a cerna da creación cultural, xestionadas con poucos cartos e cos criterios de calidade e independencia como sinais de identidade. Eventos que proxectan a Vigo no panorama internacional como referente das diversas expresións das artes contemporáneas, afastados dos modelos de espectacularización da industria cultural e do lecer, que sabemos tan efémeros como anodinos.

Cómpre atallar este devalo cultural tan desacougante. Vigo precisa definir de vez o seu modelo cultural estratéxico no marco metropolitano, que oriente a medio e longo prazo as programacións de eventos e o funcionamento das súas redes de bibliotecas, museos e centros culturais. Un modelo onde as expresións da cultura contemporánea, como o ALT ou a Fotobienal, teñan recoñecido o seu peso e a súa viabilidade. Como é imprescindible que as persoas, empresas e institucións vencelladas á creación, difusión e xestión cultural expresen con liberdade e independencia a súa opinión e orienten nun Consello Municipal de Cultura un proxecto asumido de forma corresponsable polas diversas administracións con competencias na cultura viguesa (Concello, Universidade, Deputación, Xunta e Goberno de España). De non facelo con urxencia e con esa altura de miras, Vigo corre o risco de caer na irrelevancia cultural.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats