Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

Obxectivos principais dun ENIL

O Concello de Lalín ten razóns e motivos suficientes para declarar como ENIL (Espazo Natural de Interese Local) algún dos seus espazos ocupados por bosques pero, para pasar do posible ao real, só é preciso tomar unha decisión. A toma desa decisión pode resultar complicada senon se teñen en conta, asimesmo, os valores que representan cada un deses espazos en función de situacións conxunturais como pode ser unha afectación latente. Este é o caso das fragas de Catasós-Casas Vellas, mortalmente ameazadas pola LAT O Irixo-Lalín.

O obxectivo fundamental dun ENIL é conservar os valores medio ambientais e paisaxísticos dun determinado espazo e para iso hai que adoptar unha serie de medidas consecuentes. No caso do ENIL das fragas de Catasós-Casas Vellas ese obxectivo podería cumprirse recuperando as practicas tradicionais do bosque, no que tanto carballos como castiñeiros estaban integrados no sistema productivo da agricultura de autosubsistencia. Os soutos e as carballeiras proporcionaban leña para consumo doméstico nas lareiras, madeira tanto para a construcción de vivendas como para a elaboración de apeiros de labranza (carros, arados, grades, xugos, soliños, loros, ...) e mobles (camas, armarios, sillas, mesas, chineiros, artesas, huchas, bancos, espeteriras, ...), foitos para consumo humano (castañas) e animal (landres), cascas de carballo para curtido de peles, folla para estrado das cortes onde se elaboraba o esterco, etc.

Outro aspecto moi importante era o entramado parcelario formado por zarras e zancas cercadas por valados, gabias (torroeiros, torreóns) ou chantos, interconectados por unha rede viaria de camiños e carreiros, ... En conxunto, os bosques, os camiños, os agros, os prados e as aldeas formaban parte da paisaxe galega tradicional, que se afunde nunha longa historia milenaria.

Nos tempos de hoxe este sistema de funcionamento tan só se pode manter artificialmente ou voltando á agricultura tradicional, unha práctica totalmente en desuso desde hai varias décadas. No Plan de Conservación do necesario ENIL de Catasós-Casas Vellas deben que terse en conta estes aspectos optando, ao meu entender, por calquera destas dúas opcións: (a) conservar o espazo forestal na medida en que se viña facendo desde tempos pasados ou (b) aplicar os coñecementos da "silvicultura moderna" mellorando a calidade da masa forestal.

Estas dúas formas de actuar deben terse moi en conta pero, elixir a opción máis adecuada, dependerá de varios factores, sendo o máis determinante o investimento económico e iso beneficiará, máis ou menos, aos propietarios das fragas que, a fin de contas, serán os destinatarios finais, porque as actuacións faranse nos seus árbores e nas súas fincas ou parcelas.

En resumen, declarar como ENIL un espazo ocupado por un "bosque antigo" pode non ser necesario en condicións norrmais pero, se estas se ven alteradas por circunstancias alleas como supón, neste caso, o trazado da LAT O Irixo-Lalín, non queda outra elección máis ca de poñer en marcha os mecanismos precisos de defensa lexítimos e legais existentes.

Compartir el artículo

stats