Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Parecen lobos, pero non o son

Á pregunta sobre a miña opinión no tocante á foto duns supostos lobos na estrada en Bodaño insistín moito na data na que se sacou. Que había un elemento clave da fotografía que de maneira automática invitaba a descartar que o foran: o tamaño dos cadelos. Unha de dúas, ou ben a foto era realmente de finais do verán, ou simplemente non se trata de lobos, por moitísimo que se asemellen. Máis non vou poñer en dúbida, nin cuestionar eu, a autenticidade do día que foi tirada a foto, pero si que sexan lobos.

O certo é que esta fotografía debería ser empregada nas facultades de bioloxía, para explicar os problemas de identificación que ás veces depara a observación de lobos. Incluso para os expertos con moitas horas de dedicación. Recordo un caso dunha loba melánica, completamente negra (algo extraordinariamente raro na subespecie de lobo ibérico, e non tanto no lobo europeo), tal cal era unha pastora belga negra, que apareceu xunto con outros lobos novos dentro dunha manada, para o que foi posible obter e remitir mostras xenéticas ao CBIO (Centro para a investigación en Biodiversidade e Recursos Xenéticos de Portugal) e determinar finalmente que se trataba dunha loba (quen queira vela está neste vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=wEV_SPhsUiM).

Neste caso a foto, e a pesar da escasa resolución, e aínda non sendo lobos, permite falar de moitos aspectos relacionados coa bioloxía da especie. E ten o seu valor, polo feito de que se fora tirada no remate do verán sería máis difícil cuestionar que non foran lobos.

O lobo ten o seu celo entre xaneiro e abril e xestación de 63 días. A diferenza do can, a loba só ten un estro (período no que é fértil), e o seu apareamento ten lugar sempre en inverno para que as crías nazan co verán. Este parámetro non pasa nos cans, onde a femia presenta dun a dous períodos fértiles (dependendo da raza) e sen estacionalidade algunha. Co cal nos atopamos que é entre abril a xuño cando nacen os lobeznos. Aos tres meses de vida comezan os paseos polas proximidades do cubil e progresivamente inician, xunto cos adultos, paseos exploratorios e correrías de aprendizaxe (algo así coma o que se ve na foto). Os exemplares novos da foto virían tendo uns 4 ou 5 meses. A morfoloxía neste sentido é moi clara e coñecida. En outubro e novembro, xa con seis meses, sorprende xa o tamaño que teñen, acrecentado aínda máis pola súa borra ou pelo "lanoso". Aos dez meses o tamaño xa é equiparable á dun pastor alemán. Ese sería o tamaño que debería verse na foto dos lobeznos, onde ademais aparecen lampos ou lambidos (con pouco pelo) cando aínda a capa de borra é importante. Outro feito, a maiores, é que a taxa de mortalidade dos cachorros é moi elevada, e son moi poucos os que sobreviven ao inverno, polo que a presenza de cinco cachorros de lobo sería tamén algo pouco frecuente nesta época en lugares tan humanizados.

A curiosidade da foto levoume a contrastala opinión con varios especialistas e todos coinciden no mesmo diagnóstico: Que son cans. Pero teño o presentimento que para a opinión pública xa están bautizados coma lobos, por moito que poidamos dicir algúns.

Rematar dicindo que ultimamente parece existir certa obsesión co tema de que se ven moitísimo lobos por aí, e non por moito repetirse vai ter que ser certo. Para Pontevedra fálase que o último censo do 2013 indica uns 13 grupos. O anterior, do 2003. recollía 15. Son números que indican unha tendencia de estabilidade, máis non de mellora ou aumento.En Galicia serían uns 70. Cun número de reprodutores que se sitúa na fronteira de manter unha aceptable preservación xenética da especie. Motivo máis que preocupante como para demandar á Xunta que, dunha vez, se poña as pilas para aplicar un "Plan do lobo" que ten gardado nun caixón dende fai anos.

*Biólogo de Lalín

Compartir el artículo

stats