Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Eixo Vigo/Ferrol

Díaz Castro, Álvaro Cunqueiro e Xohana Torres escribiron senllos poemas referidos a Penélope, os tres soberbios. No seu discurso nas Cortes de Madrid do día 2 pasado, Alexandra Fernández escolleu como lema versos de Xohana. A chamada á viaxe e á emancipación que fai a poeta de Ferrol foi asumida con acerto pola emerxente deputada de Vigo. Ou como dirían os veteranos do 72, unha vez máis funcionou a chamada do Eixo.

En cinco minutos, a voz nova de En Maré desconcertou os máis dos deputados e deputadas de nación galega que non representan a Galicia. Despois de facer resoar a mellor lingua literaria galega naquelas abóbadas hostís, Alexandra Fernández foi falando no nome da súa patria, e das víctimas moi especialmente. Para o nacionalismo que ela representa non é separábel a autodeterminación da equidade social. Recoñecendo que leva na fronte a estrela dun programa de máximos, foi valente e pidiulle, por favor, ao PSOE, unha farangulla de socialdemocracia.

A esquerda realmente existente de Galicia merecía un discurso coma este. Especialmente foi agradecido en Vigo onde a candidatura En Maré resultou a máis votada. Cando falamos de emerxencia, de nova política, non debemos esquencer que o comportamento electoral de Vigo non é unha rareza cantonal, como intenta que sexa Abel Caballero, senón que vai acompasado ao crecemento da Maré que se observa como imparábel en toda Galicia.

Pasou revista Alexandra aos problemas elementais e urxentes de Galicia, naturalmente aos relativos á pesca e ao agro. Non dubidou en facer fumegar as cheminés de Lourizán diante dos narices de Raxoi. Recordou que as cloacas do Estado están a ocultar a catástrofe ferroviaria de Angrois, ocorrida en territorio galego. Por parte, se se me permite expresarme en modo aristotélico-tomista, as partes ordenáronse harmónicamente e sometéronse ao sentido central, de modo que a aprehensión do discurso gostou.

O candidato do PSOE, queixouse amarguemente: "Tamén en Galicia piden a autodeterminación! Tamén os galegos queren romper España!". Ou polas mans ou polos pés has de amosar de quen vés, reza o dito dos vellos.

Compartir el artículo

stats