Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O tímpano de don Moisés

Vigo é unha cidade cuxas autoridades teñen demostrado sempre pouco amor pola Historia. O tímpano da igrexa do edificio de Santa María anterior ao actual andou por aí por mans de non se sabe quen. Finalmente foi parar ao museu de Pontevedra, onde sempre admiramos tal tímpano no depósito arqueolóxico das arruínas de San ou Santo Domingos. É posibel que xa fora Casto Sampedro Folgar, co concurso dos señores da Sociedade Arqueolóxica, quen acolleu o tímpano de Santa María de Vigo en Pontevedra e o salvou da destrucción. No museo Arqueológico Nacional de Madrid custódiase unha magnífica escultura medieval que se axusta ao tipo de "Salvador", da que sempre se dixo oficialmente que procedía de Vigo. De cal igrexa ou edificio de Vigo procede o Salvador de Madrid?

Eu nunca o souben e nin pensó que haxe alguén no mundo que o saiba. Os tesouros da arte medieval de Vigo (Castrelos, Coruxo, Bembrive?) viven nunha especie de nimbo clandestino e nas escolas da cidade non se educa os nenos no seu aprezo. O magnífico libro de Ocaña Eiroa non se reedita. Sen retroceder á Idade Media, aínda viven milleiros de vigueses que coñeceron as Avenidas antes da súa reinvención por parte do audaz arquitecto Vázquez Consuegra. Daquela desapareceu a varanda de ferro forxado do Naútico e ninguén coñece actualmente o sitio onde foi parar esta relíquia do pasado vigués. Moita xente acorda, con precisión, a fonte luminosa que lle doou á cidade Cesáreo González. Emulaba, para os viguistas, a da Palloza da Coruña. E ben, a da Coruña segue a lanzar os seus xorros ao ar ártabro pero a de Vigo desapareceu. Onde está agora as súas pedras, os seus tornos, os seus canos, o seu mecanismo automático?

Ía falar dun palco da música que, esta vez só os vellos, recordamos na Alameda. Pero ninguén confía xa en recuperalo. No caso do tímpano de Santa María de Vigo, hai diferentes apreciacións sobre a súa datación. Uns inclínanse polo século XV e hai quen ve, na imaxinería inxenuista e no conservador medio punto, unha amósega moi bela da escultura e da arquitectura popular galega do XIV. Durante moitos anos don Moisés Alonso Valverde, reitor da actual concatedral de Santa María e inesquencibel compañeiro noso no claustro do Instituto Santa Irene, estivo na teima de instalar na súa igrexa unha copia digna do orixinal perdido. Xa a ten: as miñas noraboas. E tamén á Escola de Canteiros de Poio.

Compartir el artículo

stats