08 de febrero de 2015
08.02.2015
Sociolingüista da Universidade de Vigo

As recompensas do galego

08.02.2015 | 04:19
As recompensas do galego

En Galicia coexisten dúas dinámicas sociolingüísticas relacionadas entre si: a substitución do galego polo castelán e o xurdimento de neofalantes. En boa medida a segunda é unha consecuencia da primeira, malia que os ritmos de ambas son ben diferentes. No caso da substitución, non hai dúbidas sobre a súa progresión; no caso dos neofalantes, aínda está por ver a súa relevancia. En todo caso, estas dinámicas están contribuíndo a mudar a estrutura sociolingüística que coñecemos en Galicia e a súa evolución nas vindeiras décadas vai ser determinante para entender a viabilidade do galego como lingua.

Segundo recentes datos do Instituto Galego de Estatística, o proceso de substitución continúa avanzando e o castelán comeza xa a ter presenza real nunha porcentaxe crecente da poboación das vilas pequenas e do rural. Paralelamente, nas cidades e vilas grandes, nas que dito proceso xa se consolidou, comeza a ser perceptible o uso do galego en persoas que, sen telo como idioma familiar, convertéronse en falantes habituais desta lingua. Dadas as dificultades polas que transita o idioma neste inicio de século, estas e estes neofalantes deben verse como unha oportunidade fundamental para a recuperación da lingua galega. Son persoas con perfís sociais heteroxéneos e con motivacións diferentes pero teñen en común un compromiso, un esforzo e unha perseveranza por viviren en galego, e ven no idioma aprendido unha fonte de recompensas.

Como calquera outra lingua, o galego é unha fonte de recompensas: emocionais, identitarias, culturais, económicas, ideolóxicas, sociais, lúdicas. Todas as persoas vémonos recompensadas polas linguas nas que aprendemos a interaccionar co mundo e, nisto, non hai diferenzas entre unhas e outras. Desde esta óptica, non hai linguas minoritarias nin maioritarias, non hai linguas oficiais nin linguas periféricas, nin tampouco hai linguas locais, nacionais ou internacionais. Todas serven para o mesmo: representar o mundo, comunicar, identificar, actuar.

Onde si hai diferenzas de toda caste é nas linguas que aprendemos posteriormente, unha vez que a primeira lingua está ben asentada. Adoitan ser linguas coas que non temos unha vinculación afectiva e que incorporamos a través da socialización secundaria, na formalidade dos sistemas educativos ou nas relacións da nosa vida de adultos. Nestes casos, unhas linguas achegan máis recompensas ca outras e a valorización das linguas está en consonancia coas recompensas que o esforzo da súa aprendizaxe reporta.

A demanda de saberes relacionados co coñecemento e o uso das linguas está moi relacionada coa percepción desas recompensas. A este respecto, en Galicia pódese establecer unha relación entre a lingua e o mercado laboral, cun dobre sentido para o idioma galego. Por unha banda, o seu coñecemento debe ser un exercicio de responsabilidade no mercado laboral público. Unha oferta pública de emprego que valore favorablemente o dominio das destrezas relacionadas con esta lingua é imprescindible como estratexia motivadora. Pero a aprendizaxe desta lingua por castelanfalantes tería unhas maiores recompensas se, ademais, se percibise unha demanda do seu coñecemento e uso por parte dos sectores empresariais. Así, se na selección de persoal, se lle atribuíse valor o coñecemento do galego, moitas das tensións que agromaron nos últimos anos reduciríanse á súa mínima expresión, a recompensa de aprender galego sería outra e o discurso galegófobo perdería foco.

Xa que logo, é fundamental converter o galego nunha lingua de prosperidade que contribúa á mobilidade social, na medida en que a súa aprendizaxe teña un valor funcional na sociedade de mercado. Unha lingua socialmente prestixiada mobiliza esforzos e investimentos individuais e ten unha notable capacidade de influír na reestruturación dos mercados na dimensión local e, ás veces, traspasando os límites do local.

Polo dito, é preciso que o coñecemento do galego entre na cadea de valor das ofertas de emprego para que se perciban as recompensas que proporciona o galego entre persoas que non o utilizan. En todo caso, hai que ter claro que as actuacións das empresas privadas non operan nun baleiro; ademais dunha mellora necesaria no sector é preciso afondar no valor da lingua tanto nos dominios nos que, tras longos períodos de invisibilidade, se foi construíndo recentemente o seu prestixio, isto é nos medios de comunicación públicos, na administración e no sistema educativo, como en todas as esferas da creación artística e cultural.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook