Síguenos en redes sociales:

Sí Home Sí

Haití e a neve

Xosé Manuel Pereiro

Non querería facer demagoxia sobre as consecuencias das forzas da natureza aquí e en Haití. O temporal de frío no que andamos eses días pasados e o terremoto que arrasou o país caribeño. Non querería comparar en concreto as consecuencias de cada fenómeno, senón o tratamento mediático que recibiu cada un. Non querería pero non vou ter outra que facelo. Porque desde o temporal teño, ademais da friaxe nos pés que é herdanza paterna, a cabeza quente por como se poden facer informativos monográficos sobre que neva. E porque a inmensa desgraza de Haití non contribúe a que teña mellor opinión do que se informa, ou mellor de cómo se informa. Así que non me teñan en conta. É un desafogo.

Non sei cando os medios, particularmente as televisións, experimentaron un frechazo pola meteoroloxía, pero o caso é que acabou derivando no actual estado de amor pasional e descontrolado por todo canto fenómeno atmosférico se produza, sexa en grao de tentativa, coa súas alertas de coloríns, sexa efectivamente perpetrado, con agravantes ou sen elas. O caso é que, á mínima alteración das isóbaras, as pantallas inzan de arriscados reporteiros, rapazas pizpiretas de sorriso perenne ou mozallóns de aspecto sanote e decidido, que irrompen aló onde faga falta. De acordo coa tendencia reporteiril imperante, son omnipresentes e aparecen en todas as imaxes, facendo dengues e espaventos, entoando igual que as megafonías dos grandes almacéns, e en definitiva, facendo que a noticia sexa que eles están alí, non polo que están alí. "Llegamos a este pueblo incomunicado" pon o foco no mérito de chegar, non que o lugar estea incomunicado (que non o está, xa que se pode chegar). De feito, os presuntos cidadáns afectados actúan de comparsas do protagonista real. "¿Nieva mucho, no?", "¿qué frío, no?", pregúntanlles. "Pues sí", non teñen máis remedio que contestar. Iso no caso dos lugareños. Os urbanitas adoitan protestar porque Alguén fallou. Un ente impersoal e xenérico que vén sendo o Estado, a alcaldía ou Protección Civil, é dicir, o substituto da protectora figura paterna neste sociedade infantilizada e a-responsable. Un Alguén que "nos debería haber avisado de esto", ou que "no ha tomado las medidas necesarias". En canto chega o inverno, toda canta institución sospeitosa de ser ese Alguén vive nun sinvivir, disparando avisos contra todo o que se mova. En propoño que a mediados de novembro se promulgue de serie unha alerta beige ou branco roto, e quede vixente polo menos ata que abril dea sinais de que non vai ser chuvioso de máis.

Nos periódicos comporten espazo estes días as queixas porque non se avisou de que ía ventar, esa excitación mixiriqueira da invernía como estado alterado, co relato do drama haitiano, ese desgraciado país que non precisa de terremotos para ser un inferno. E nas teles, onde antes soamente había paisaxes nevadas, agora hai imaxes da traxedia co mesmo tratamento: un sinfín de imaxes descontextualizadas, un fondo para tertulias e para informacións a medio cociñar e a medio contrastar. Un recurso emocional e gráfico que se aproveitará ata que non renda máis ou chegue ao punto de sobresaturación, o que pase antes. Eu diría que no medio de tanto brinco na neve podería reservarse un chisco de tempo e de esforzo a informar de vez en cando como están as cousas por eses mundos que soamente saen nas noticias cando producen máis mortos da dose habitual. Neses sitios nos que teñen Alguéns de sobra a quen botarlle a culpa do que pasa, desde as inxerencias de fóra ás clases dirixentes propias que se bastan e se sobran para arruinar o país. Pero case non o vou dicir para non facer demagoxia.

Pulsa para ver más contenido para ti