Lin con atención e gozo no FARO do xoves, 29 de outubro, a entrevista co pintor Mariano Casas quen xunto con Miguel Anxo Varela e Carmen Martín fundaron o movemento fartista, artistas fartos da dificultade para atopar espazos onde os pintores e escultores poidan expoñer a súa obra fronte á preferencia de ofertas que chamaremos vanguardistas, as que eufemísticamente reciben o nome de instalacións. Parece ser que os pintores e escultores de sempre, aqueles que non manexan vídeos ou conciben estructuras con xergóns e fregonas, con roupa vella pendurada, con plumas de galiña aliñadas por tamaños decrecentes, con papeleiras pintadas con diversas cores, con globos con abecedario, con caixóns ao xeito das matriuskas, con clavos revirados fundidos con chaves sobre cartulinas vermellas, caixiñas con moscas de autor, etc, etc, o teñan moi dificil para acceder por exemplo ao CGAC cuxo director, recén nomeado, vén de dicir que a pintura desde o século XX para atrás non aporta nada, ou algo así, e non esaxero. Mariano Casas e os seus non defenden o realismo, defenden a pintura e a escultura, como tampouco os impresionistas, os expresionistas Munch e Nolde, os dadaistas, os do grupo Cobra (Anders Österling, Carl-Hennig Pedersen, Asger Jorn, Corneille e outros/as), os fauvistas, os non aliñados como Zush, os cubistas Braque e Picasso, os abstractos xeométricos, ou os informalistas matéricos pretenderon xamais cargarse a arte anterior senón evolucionar sobre ela, cun inmenso respecto. Ese respecto pola arte maniféstao a poboación, que non ten por qué ser culta, senón puramente sensible e modesta. A poboación emocionada coa que compartín museos e exposicións nas viaxes que tiven o pracer de facer nos tres últimos anos a Holanda, Bélxica, Francia, Alemaña, Suiza, Sicilia, Portugal e moitos lugares de España (a derradeira visita foi ao Museo de Arte Contemporánea de Palma de Mallorca, impresionante), esas persoas sinxelas(repito) e emocionadas diante das obras dos/das que forxaron a Arte, con maiúsculas, moitas veces puñan caras apampadas mentres tentaban comprender unha instalación de catrocentas bombillas en liña recta, ou vintedúas paxariñas de papel enriba dun baúl, ou un despacho horrible cun maniquí aínda máis horrible, ou o vídeo dunha boca que ensinaba os dentes e asubiaba sen parar. A xente miraba aquelas cousas e saía da estancia a fume de carozo. Fóra do recinto, artistas de todas as idades ofrecían a súa obra pictórica, boa e menos boa, para min sempre notable pola sinceridade e o esforzo, quizais tentando explicarse o porqué de tanta falsidade. A poboación emocionada, novos e vellos, xamais saiu a fume de carozo do Musée d´Orsay, dos impresionistas de París, nin despois de ver os cadros do xenial Miró na Fundación que leva o seu nome.

A peor destas experiencias tívena en Porto, cando despois de admirar a obra grandiosa de Henrique Poussao e de Porto Silva, dous extraordinarios paixasistas e retratistas que de seren, por exemplo, franceses, serían internacionalmente recoñecidos, asistín á inauguración dunha instalacíón elaborada por un artista non portugués, un timo de caixas postas ao chou e dúas fregonas, unha de pau vermello e outra de pau azul, con grandes e falsas explicacións de espazos e intencións por parte do autor, todo desanimado por unha horrible música minimalista. Mais iso non foi o peor. O peor foron os esnobistas que farfallaban despois auténticas barbaridades culturetas sobre a trascendencia da arte e as novas ideas.

Eu son cocidoréxico, e son fartista, e adoro a Beethoven, a Schubert, a Camile Saint Saens, a Grieg, a Tchaikovsky, a Antonín, Dvorak, a Vivaldi, aos Beatles, a Mercedes Sosa ou a Simon e Garfunkel, entre moitos/as. En definitiva, adoro a pintura e a escultura, a música de verdade e as patacas recheas de carne picada da miña nai María Luisa Cáccamo que, sen hidróxeno, estractos de copihue, e fervura de rabo de morcego con espírito de canela flambeada, saben a groria, todo iso porque a miña nai nunca foi a depositar euros e a padecer semifame aos restaurantes de Ferrán Adriá, candidato ao Premio das Artes, o Dalí da cociña, segundo teño lido. E fico pasmado dediante dos cadros de Antonio Fernández ou da intervención de Barceló na Catedral de Palma mentres escoito un sherzo de Rachmaninov sobre un tema de Paganini. Nunca se erizará a miña pel diante dunha instalación con trescentos botes de cervexa pintadas de rosa cun fondo, digamos que musical, de pitidos, e agudas notas soltas e secas, sen melodía, dun desacougante piano eléctrico aporreado. A verdade é que tamén odio os canapés, sobretodo se están rodeados de esnobistas a solucionarnos espazos, molduras e estructuras ao par que salfiren farangullas e beben viño branco, malo e quente, en vasos de plástico.