A incapacidade do actual Goberno galego para impulsar a área metropolitana de Vigo é unha das decepcións da presente lexislatura. Un fracaso que constitúe, ademais, un claro incumprimento dos acordos do pacto de goberno asinado polo PSdeG-PSOE e polo BNG, asinados hai agora tres anos, que establecía con rotundidade que "o Goberno galego impulsará unha nova organización administrativa do territorio galego baseada en comarcas, rexións e áreas metropolitanas" e que se produciría un "impulso das áreas metropolitanas e mais das rexións urbanas e semiurbanas como espazo de planificación" do territorio.

A este fracaso non foi allea a desconfianza polo proxecto expresada abertamente por José Luis Méndez Romeu, o conselleiro de Presidencia, nin tampouco o fracaso da reforma do Estatuto de Galicia (que debería establecer un novo modelo de organización territorial) nin a ausencia de políticas transversais sobre ordenación política e administrativa do territorio dos socios deste bipartito bipolar. O anuncio electoralista dunhas "Directrices de Ordenación do Territorio", realizado recentemente polo presidente Touriño e pola conselleira Caride, propoñendo a creación da "metrópole das Rías Baixas" (incluíndo as cidades de Vigo e Pontevedra, o que semella dificilmente xustificable), só ven engadir maior confusión ao proceso, ao tempo que liquida o modelo consensuado en 1999 na "Declaración de Soutomaior" (non o esquezamos, por populares, socialistas e nacionalistas) da "Área metropolitana de Vigo", conformada por catorce concellos e máis de medio millón de habitantes. Estragouse, outra volta, como recoñecen todos os alcaldes da actual mancomunidade, a posibilidade de recoñecemento no ámbito representativo e institucional do complexo entramado metropolitano vigués.

É imprescindible volver a insistir, como xa temos feito outras veces neste espazo, na necesidade de recoñecer que o continuo urbano artellado por Vigo e a súa ría, teña no século XXI unha entidade administrativa e política. É unha evidencia histórica e unha urxencia competitiva. Xa don Ramón Otero Pedrayo intuía hai máis de oitenta anos anos na súa "Guía de Galicia", a existencia do "Gran Vigo", esa cidade en bisbarra que "se perfecciona e medra con todos os núcleos da baía". Vigo, para quen o visionario arquitecto Antonio Palacios redactara en 1932 un primeiro Plan Comarcal, é hoxe capital dunha metrópole, a primeira de Galicia, que vertebra diariamente a actividade económica e a mobilidade de máis de medio millón de persoas. Vigo é o centro dun anel urbano que abrangue os doce concellos da súa mancomunidade e das comarcas limítrofes do Morrazo, do Baixo Miño, do Condado e do Paradanta. Vigo é o eixo que artella a actividade industrial e comercial, a rede de transportes e os servizos comunitarios básicos de trinta concellos e trescentas parroquias. Vigo, ademais, xoga tamén un papel central no artellamento da eurorrexión Galicia e Norte de Portugal de máis de seis millóns de habitantes, funcionando como polo equilibrador entre as rexións urbanas do "Gran Porto" e A Coruña e Santiago.

Mais tamén é innegable que para acometer ese recoñecemento é indispensable que o Parlamento Galego acade un grande acordo nacional arredor da nova organización territorial, o que constituiría unha das maiores revolucións modernizadoras da Galicia contemporánea. A inevitable redución do número de concellos (seguramente, para deixalos case na metade e asegurar así a viabilidade dos servizos que proporcionan), o recoñecemento do papel das parroquias no medio rural, a creación dunha organización comarcal e das áreas ou rexións metropolitanas como entidades de xestión administrativa e participación política, así como a reconsideración do papel das catro deputacións provinciais (entidades que moi pouco pintarían no novo modelo) son as verdadeiras cuestións a acordar (por consenso) nun debate que quedará (como o da reforma estatutaria) para a vindeira lexislatura.

As razóns do fracaso da posta en marcha da área metropolitana viguesa están, pois, nesa escasa coraxe das forzas políticas galegas para abordar con toda a súa complexidade e transcedencia tema tan espiñento para todas elas como é o da ordenación do territorio. Equivócase a Federación de Asociación de Veciños de Vigo "Eduardo Chao" propoñendo unilateral e demagoxicamente unha iniciativa lexislativa popular de espírito localista que recoñeza a "Área metropolitana de Vigo". Os límites, as competencias administrativas e políticas e os recursos financieiros das futuras áreas metropolitanas ou rexións urbanas (o nome non tanto ten) corresponde fixalos ao Parlamento de Galicia. Aí é onde residiu o fracaso e aí é onde debe ser enmendado.

bretemas@gmail.com