Síguenos en redes sociales:

Próxima estación: esperanza

Desde logo, coido que non cabe a menor dúbida de que os Estados Unidos de América constitúen un grande e poderoso país; tanto é así que non falta mesmo quen considere que habemos de enxergar neles un verdadeiro exemplo para seguirmos arreo. De aí, pois, que, declarados admiradores como son dos xeitos do American way of life, non sexa de extrañar que os actuais dirixentes do PP procuren adaptar... acomodar, adecuar formas made in Usa á nosa realidade cotiá. Hillary Clinton contra Barack Obama: a translación de tal modelo cara a esoutra desputa que viven agora mesmo Dna. Esperanza Aguirre e mais D. Mariano Rajoy parece doada. Non obstante, aínda tanto, ou máis, que a semellante proxección, talvez teñamos que acudir a esoutra referencia de New York e Manhattan; e é que, agora mesmo, Broadway e mais a Gran Vía madrileña viven nesa mesma ilusión, nesa idéntica euforia perante os grandes espectáculos musicais. Así as cousas, a singular estrea de "Próxima estación: Esperanza" non pode máis que cadrar con tal perspectiva. Iso si, o que para algúns ten acentos de revista de frívolo desenfado ben pode resultar auténtica música de Réquiem para os outros; todo depende da cor coa que se contemple o escenario e/ou do papel que corresponda representar nel.

"Musicall", "Quisiera ser", "Hoy no me puedo levantar..." E agora tamén "Próxima estación: Esperanza". Sexan liberais ou conservadores, galgos ou podencos, chulapos de Chamberí ou simples paletos -pailarocos, vaia- de provincias, velaí que, quen máis quen menos, todos eles procuran encher o teatro e acadar, daquela, o favor do público e mais da crítica. Contando na produción coa presenza inigualable de Pedro J.; con libreto de Antonio Burgos e, xa na dirección artística, con esoutro magnífico labor de parte do grande e inimitable -por fortuna!- Federico, "Próxima Estación: Esperanza" -vaia o título, claro é, con perdón de Monsieur Manu Chao- amosa o mellor do mellor na imperecedeira tradición dos Tomas Zori, Fernando Santos e Manolo Codeso. Todo un revival dos máis espléndidos fragmentos de zarzuela e revista ao noso alcance!

"¿Dónde vas con mantón de Manila/Dónde vas con vestido chinés?" -pregúntalle Mariano a Espe nun dos momentos senlleiros da actuación-: "A lucirme y a andar p´al congreso y acaso liderar el PP" -retrúcalle ela, castiza-"¿Y si a mí no me diera la gana de que tú te acercases a él?" -volve, tipo duro que é, Mariano-. "Pues me iría pa otro partido y a los toros de Carabanchel" -replica, chulapona total, Esperanza-. E así un longo repaso, xa que logo, do máis selecto do musical hispano. A destacar, por exemplo, esoutra escena na que a protagonista pasea, desafiante, pola rúa de Alcalá ao compás de: "Por la calle de Alcalá, con la falda almidoná y los votos bien guardaos en la cartera/la lideresa viene y va y sonrie descará por la acera de la calle de Alcalá..." Ou esoutro no que Soraya tenta acougar a un Mariano alporizadísimo diante das impertinencias dun tal Cascos: "Mariano, contente/que pasa gente/y ese es un tío gilí..." En fin; señoras y señores, ¡pasen y vean!

"Próxima estación: Esperanza". Este modesto cronista ignora por completo, nin que dicir ten, que opinará do conto D. Jose-Manuel Thomas Arthur Chao toda vez que, sabido é, o título do xitoso cedé procede apenas da estación do metro dos Madriles que leva ese mesmo nome -por máis sinais, situada por debaixo da rúa Ulises, distrito de Hortaleza- e non participa, precisamente, dunha suposta homenaxe á persoa e milagres de Dna. Esperanza Aguirre Gil de Biedma por moi moito que esta castigue, en plan vedette total a cantar "Pichi", del Portillo a la Arganzuela. En todo caso, o que si non cabe pensar é que o Sr. Rajoy se aveña a interpretar, dirixadas a ela, esoutras estrofas que proclaman: "Me gusta la canela, me gustás tú/me gusta Malasaña, me gustas tú". Máis ben, desde a súa óptica, na vez da apoteose con plumas, mallas, boys e vicetiples o que de veras lle cumpre ao espectáculo é un ritmo diferente: "Esperanza, Esperanza, tan graciosa, pero no eres buena/Esperanza, Esperanza, sólo sabes bailar cha-cha-cha".

Pulsa para ver más contenido para ti