Por en valor a música galega e dar visibilidade a unha tradición ben arraigada no territorio, os cantos de taberna, é a misión de Traes unha cantiga? o novo programa da Televisión de Galicia (TVG) para as noites dos mércores, que contará con Noelia Rey como presentadora. Na súa estrea –o día 28 ás 22.40 horas– o espazo, realizado por Producións Celta, viaxa ata A Estrada para escoitar a tres grupos da localidade, que interpretarán cadansúa cantiga ante un xurado que, coas súas escollas ao longo das emisións, irá configurando semana a semana unha listaxe coas cancións máis populares das tabernas galegas.

Para valorar as interpretacións, o programa contará de forma permanente coa cantante Sheila Patricia, unha das voces máis prometedoras da música galega, e Alfredo Dourado, membro de A Roda. Ademáis, en cada emisión haberá un padriño ou madriña das agrupacións participantes, un labor que neste caso levará a cabo Pili Pampín.

O Mesón da Estrada será o escenario no que defenderán as súas propostas os primeiros grupos participantes, Os Ke Hai, De Tazas e Regatos, todos eles estradenses.

Os Ke Hai naceu ano 2000 na parroquia de Callobre, no concello da Estrada. Xuntáronse diferentes persoas ás que lles gustaba a música tradicional e buscaron un mestre para aprender cada un a tocar un instrumento. Co pasar do tempo, comezaron a acudir a pequenas festas da zona da Estrada. Contan que inicialmente non tiña un número de membros fixos, e a cada lugar ían os que ese día podían, o que os levou a poñerlle ao grupo o nome de Os Ke Hai. Actualmente, o grupo xa ten unha formación fixa, e tocan gaitas, acordeón, pandeiretas, cunchas e bombo, ademais de contar con cinco voces.

No programan interpretan o tema “Ven bailar Carmiña”, unha das pezas máis populares da música tradicional galega.

De Tazas é un grupo de recente creación, xa que empezaron a actuar xuntos neste mesmo ano, debutando no certame de cantos de taberna que se celebra anualmente na Estrada. Naceron ao redor da escola de música estradense Musikenos, xa que a maioría dos compoñentes do grupo coñecéronse na escola sendo alumnos. Son un grupo moi xenuíno, xa que moitos dos grupos que cantan nas tabernas de Galicia teñen a súa orixe nos grupos folk, pero De Tazas, naceron orixinariamente para ser exclusivamente de taberna, e isto vese na súa instrumentación e o repertorio, e por suposto na intención dos compoñentes do propio grupo. Está composto por nove membros con acordeón, guitarra e percusión de pequen formato, cantando todos os compoñentes.

No programa van interpretar o tema “Meu amor mariñeiro”. Un tema que popularizou o grupo de referencia na música galega Fuxan os Ventos.

Pola súa banda, Regatos son un grupo de folk da parroquia de Callobre que naceu ao abeiro da asociación cultural do mesmo nome hai arredor de 30 anos. Son os organizadores do festival Folk de Raíz de Callobre e tamén dalgunhas edicións dos cantos de taberna da Estrada en colaboración con outros grupos. No 2020 editaron o seu primeiro disco Cousas Nosas, no que hai pezas como “Alalá ós mariñeiros” de Fito de A Roda con arranxos propios, “Coplas de Rebordelo”,“Cantar do Arrieiro”, “Foliada de San Tirso” ou “Alalá das Mariñas” e “Xota da Guía”. Compoñen o grupo 9 persoas, que tocan gaitas, frauta, acordeón, tamboril, bombo, pandeiro, pandeireta e todos cantan.

No programa interpretan un tema recollido polo propio grupo na zona de Forcarei, “Muiñeira de Forcarei”.