Compañía: A Quinta do Cuadrante

Xénero: teatro drama

Autoría: Charlotte Perkins Gilman

Dirección: Tito Asorey

Adaptación: Tito Asorey e Melania Cruz

Escenografía e iluminación: Laura Iturralde

Deseño de son e música: Xavier Bértolo

Vestiario: Renata Uzal

Elenco artístico: Melania Cruz

Tres nominacións aos Premios María Casares: Mellor Dirección, Mellor Iluminación e Mellor Adaptación

Espectáculo que parte do relato autobiográfico homónimo publicado en 1891. Nel a autora narra, en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora diagnosticado por un

coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla.

Este tratamento consistía basicamente na eliminación de todo tipo de actividade intelectual e creativa, nunha dieta hipercalórica e nun encerro case total no seu fogar. Este remata por converterse nun cárcere onde ela, acostumada a unha intensa actividade social e artística, acabaría por achegarse ao abismo da existencia e ao límite da súa cordura.

A autora utiliza as claves do relato de terror gótico para denunciar os mecanismos de represión propios do heteropatriarcado sobre as mulleres da súa época, privadas de todo tipo de voz pública e pechadas, nun sistema que as facía plenamente dependentes dos seus propios esposos. Rebélase así, sen concesións, contra as convencións da época, apostando por unha radical liberación da muller do xugo masculino e unha defensa da necesidade de conformarse como suxeitos de pleno dereito, empoderándose de xeito absoluto.

Unha das mellores mostras da literatura feminista mundial do século XIX, que aínda hoxe é xerme de diversas interpretacións, revisións e novas lecturas por parte de artistas de todo o mundo, dado o seu carácter fundacional, onde a autora constrúe unha personaxe que representa un arquetipo contemporáneo da loita da muller por acadar a liberdade plena.