+14 años
Compañía: Teatro do Atlántico
Xénero: teatro drama
Autoría: Hélène Cixous
Dirección e deseño de iluminación: Xúlio Lago
Adaptación: Purificación Cabido
Escenografía: Antonio Simón
Deseño de son e música: Vadim Yukhnevich
Vestiario: Susa Porto
Elenco artístico:
María Barcala, Sheyla Fariña e César Goldi
Sakundeva, bandida, perseguida pola policía e polo exército, acusada do asasinato de máis de trinta homes que a violaran tempo atrás e de numerosos asaltos a man armada, preséntase na humilde morada de
Pandala, unha sabia anciá que a criou cando era nena e que é a única persoa do mundo na que confía.
Pídelle quedar durante dous días agochada na súa casa, para poder meditar con tranquilidade que decisión tomar nunha disxuntiva transcendental que se lle presenta.
Sen tempo para que ela puidese reflexionar, aproxímase xa ao lugar un ministro de Goberno, que fora o provocador da disxuntiva e que ven demandar unha resposta.
A autora inspírase na historia de Phoolan Devi, coñecida como "a raíña dos bandidos", quen foi unha destacada referencia para o feminismo autóctono indio.
Con ese punto de partida, e facendo uso da capacidade extraordinaria que ten o teatro para servir de espello á sociedade que o contempla, Teatro do Atlántico chega a un discurso artístico atractivo e rigoroso poñendo en debate feitos que están a acontecer hoxe en moitos puntos da nosa contorna: as chamadas "manadas"; e ao tempo transitar por outros asuntos principais como: o dereito á educación, o impulso de rebeldía
contra o maltrato, o concepto de liberdade, a complexa dialéctica entre lei e xustiza, o interese persoal e o interese público no exercicio da acción política; e a vinganza: unha viaxe sen final.