Debido á situación sanitaria e seguindo as limitacións establecidas polas autoridades sanitarias, haberá un aforo máximo de 50 persoas. Para evitar a mobilidade xeográfica, as butacas sortearanse entre as persoas empadroadas no Rosal que xa reservaran a súa entrada para o concerto que se ía celebrar o mes pasado

O Concello do Rosal aposta por unha cultura segura na que se priorice a saúde das persoas. Debido á actual situación epidemiolóxica, o Concello optou por reinventar e adaptar á nova realidade o concerto que a artista Sés dará este venres 13 de novembro no Auditorio Municipal (20.00 horas): será en vivo para un aforo reducido e vía streaming en aberto para o resto do público. "Nestes intres o que máis nos preocupa é a saúde de todos e todas, por iso seguimos apostando pola cultura, pero por unha cultura segura que nos permita seguir desfrutando pero minimizando calquera risco de contaxio. É momento de ser responsables en todos os eidos", asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Nun momento no que as autoridades sanitarias manteñen restricións de acceso en moitos municipios e no que se están aplicando diferentes limitacións para minimizar o risco de contaxio, o Concello do Rosal limitará o aforo do concerto a un máximo de 50 persoas empadroadas no Rosal, medida coa que se pretende evitar a mobilidade xeográfica de todo público asistente.

Ao longo do día de hoxe sortearanse os boletos entre todas as persoas empadroadas no municipio que tiñan reservada a súa entrada para o concerto que se ía celebrar o pasado mes de outubro e que tivera que adiarse por motivos de saúde da cantareira. Persoal municipal poñerase en contacto telefónico con cada unha das persoas gañadoras para informarlles da resolución e confirmar a asistencia. En caso de non poder asistir ao concerto a entrada, que será nominativa, pasará á seguinte persoa da lista de agarda. Todos estes cambios tamén se notificarán vía correo electrónico a todas as persoas que tiñan reservada entrada para o concerto do mes de outubro.

O concerto poderá seguirse en directo vía streaming a través das redes sociais do Concello e da canle de Youtube da artista.