Ledicia Costas, escritora; colaboradora de FARO DE VIGO, é a invitada de hoxe luns no Club Faro de Vigo. “Os segredos de Golpes de Luz”, é o título de la charla de Ledicia Costas, á que seguirá un coloquio cos asistentes, de hoxe luns, día 10 de xaneiro ás 8 da tarde no Salón de actos do MARCO (C/ Príncipe, 54). A presentación correrá a cargo de Rafa Valero, periodista; e Fran Alonso, director de Edicións Xerais. O acceso á sala é libre ata completar o aforo de 120 persoas.

Xulia é xornalista e acaba de separarse, polo que regresa a Galicia co seu fillo Sebas. O rapaz ten dez anos e está convencido de que a avoa Luz é o deus Thor porque nunca se separa do seu martelo. Malia que agoche polvoróns nas medias, beba Sansón ata ver dobre e diga mentiras sen parar, Sebas adora a súa avoa. Xulia non opina o mesmo. Para ela, volver á casa familiar supón enfrontarse a un pasado cheo de segredos que precisa desvelar. O narcotráfico na Galicia dos anos noventa, o mundo dos coidados e a procura da verdade envolven este melodrama, salvaxe e tenro, habitado por uns personaxes inesquecibles. Despois do éxito de “Infamia”, Ledicia Costas (Vigo, 1979) regresa, dende o seu talento creativo, con “Golpes de luz” (Xerais. Publicada simultaneamente en castelán por Destino) , unha novela sorprendente e divertida. Ledicia Costas é unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas da literatura galega, e os seus libros son constantemente reeditados. Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos, como o Premio Losada Diéguez; o Premio Neira Vilas; o Premio Lazarillo, en dúas ocasións; o Premio Kelvin 505; o Premio Merlín e o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por “Escarlatina, a cociñeira defunta” (Xerais). En 2021 foi recoñecida co Premio da Cultura Galega e no mes de decembro, dese mismo ano, co Premio Merlín de Literatura Infantil con “O neno de lume”.