Salas de exposición da planta baixa

Comisariado: Miguel Fernández-Cid

Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Presentación

Este proxecto, co que o MARCO continúa a súa liña de exposicións de produción propia, formula unha revisión da obra de Francisco Leiro (Cambados, 1957) ao longo das dúas últimas décadas: un traballo centrado no antropomórfico, que é sen dúbida un dos eixes da súa produción. Deixando a un lado calquera sentido ou intención cronolóxica, artista e comisario buscan trazar a relación das obras cos peculiares espazos da planta baixa do MARCO, recorrendo tanto a obras xa realizadas coma a pezas de nova produción, específicas para esta mostra.

Dende a presenza impoñente da Dama de Navalcarnero, situada no panóptico, as criaturas de Leiro van apropiándose dos espazos da planta baixa. Escorredoiras, Pavitas, Androias, Jaivotas, Homes de pau, Danzantes e Ceboliños poboan as salas, nunha montaxe que permite ir trazando percorridos e descubrindo múltiples conexións entre as pezas, e facilitando o diálogo entre estas e o visitante.

Esculturas en granito, bronce e madeira; maquetas e colaxes dialogan coa monumental arquitectura dos patios, co espazo máxico do panóptico, co formato máis tradicional das galerías, e coas salas perimetrais, de modo que o público perciba os distintos xogos de escala e materiais nos que se desenvolve unha das esculturas máis persoais da arte europea desta época.

A mostra, que supuxo un grande esforzo de produción e montaxe, foi posible grazas ao labor de selección no taller do artista, e ao empréstito de obras por parte de institucións e coleccionistas privados.

Texto Curatorial

“O antropomórfico” reúne unha ampla selección das esculturas nas que Francisco Leiro outorga calidades ou trazos humanos a animais ou cousas, das súas esculturas menos narrativas.

Se ben non é unha exposición retrospectiva, inclúe obras realizadas entre 1986 e hoxe porque, dende hai décadas, as súas exposicións son, á vez, un repaso ás súas claves e unha mostra dos seus últimos traballos. Leiro entende cada ocasión como un reto, un desafío, no que o primeiro que se formula é como ocupar o espazo. Percorrendo as salas imaxina que obras mostrar e mesmo o modo de facelo, e desa primeira imaxe xorde o bosquexo dunha proposta que logo debate pero que adoita axustarse moito ao resultado final.

Leiro deuse a coñecer a finais dos anos setenta, con obras dunha figuración cualificada de surrealizante pola súa liberdade formal e iconográfica, aínda que é nos oitenta cando alcanza un recoñecemento que non deixou de crecer. Nuns anos de exaltación pictórica, expresiva, de xesto, materia e moita facilidade para convocar imaxes, é dos escasos escultores da súa xeración que logra facerse un oco en exposicións e debates. Mentres uns lle recoñecen saber investigar na tradición local para formular unha linguaxe persoal, a súa curiosidade lévao a investigar na orixe de solucións formais moi distintas, empezando polas máis próximas, como son o románico ou o barroco galego, pero sempre en relación coas propostas contemporáneas.

A arquitectura, o deseño ou civilizacións afastadas da súa contorna son tamén obxecto do seu interese, analizando sempre cuestións tridimensionais: a firmeza das edificacións de costa, unha presenza á que o ser ruínas lle engaden un elemento máxico, simbólico; o movemento que introduce Simón Rodríguez nas súas fachadas e retablos, levando os pesos á parte superior; o modo case íntimo co que Asorey conxuga o monumental e o próximo, o seu xeito de traballar as escalas; a brusca monumentalidade da escultura mexicana; o modo de funcionar dos obxectos cotiáns... A actitude de Leiro é de conversa, de diálogo: coa escultura histórica e coa actual, vistas sempre en directo; a súa análise, metódica e visceral.

Ao final, malia a forza local dalgunhas claves para entrar no seu traballo, a obra de Leiro, xunto ás de Juan Muñoz, Thomas Schütte ou Stephan Balkenhol é imprescindible para entender as saídas da mellor escultura figurativa europea do final do século XX.

Entre os elementos que definen e individualizan claramente a súa obra están a presenza dunha especie de tradición oral (tamén visual, por suposto) na orixe de moitas das súas composicións. E da mitoloxía, culta e popular, de ditos e proverbios, do coñecemento dende o rural: poucos escultores teñen a súa capacidade, mesmo a súa facilidade, para levar ao tridimensional esa especie de haikus do paradoxo que son os nomes e historias populares. Menos aínda os que saben radicalizar a súa proposta por defender a súa contemporaneidade.

En 1991, cando realizou un balance da súa obra, agrupouna en tres bloques: figuras, esculturas e cousas. Consciente de que moitas poderían estar amparadas en varias categorías, o que defende son as intencións, os debates que agochan. O sentido máis narrativo das figuras, os problemas tridimensionais resoltos dende a escultura, as obras que teñen moito de obxectos.

As reunidas no “antropomórfico” teñen o seu punto de arranque nas súas viaxes a México, no momento en que decide abrir estudio primeiro en Madrid e despois en Nova York, buscando novos diálogos e estímulos. En México sorpréndelle a escultura azteca, as súas formas quebradas, a súa dureza, mesmo a súa natural crueldade. Empeza a formular obras esquemáticas, que reúnen situacións de enfrontamento, de dor: a loita entre o corpo orgánico e o elemento metálico que o atormenta, nos xamoneiros; o corpo roto, quebrado, ao caer sobre unha pedra, caso de Carroña e orixe de esculturas posteriores. Ou a serie de pavitas, que arrinca con Guajolote, que se apoian en tres puntos, nunha solución que lles dá ao tempo dinamismo e estabilidade.

Nesta exposición, pensada para o MARCO, Leiro preparou obras coas que responder, ás veces dende o paradoxo, aos seus peculiares espazos, non en van é un dos escultores con máis sentido do espazo, con máis soltura urbanística.

Miguel Fernández-Cid

Comisario da exposición