O libro proposto polo Club de lectura para o mes de marzo é As malas mulleres, de Marilar Aleixandre. A xuntanza terá lugar o mércores 3 de abril, ás 18.30 horas, no espazo Ateneo.

As malas mulleres, Galaxia, 2021

A través das páxinas de As malas mulleres, asistimos a unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX, nunha historia a varias voces, a de Sisca, de 15 anos, presa por non seren as mulleres donas do seu corpo; as de mulleres como Concepción Arenal, visitadora de prisións; e Juana de Vega, cruciais para entendermos a nosa historia e as do "mudo coro das malas mulleres", que entoa prantos sobre encontros cos predadores sexuais.

A novela está escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863. Unha atención ás excluídas onde Arenal e Juana de Vega, traballando a prol da dignificación das persoas, foron pioneiras. Asemade é un canto ao papel dos libros e a lectura en mellorar a vida das persoas, en dar esperanza ás desesperadas.

Como é habitual na obra de Marilar Aleixandre, a novela vai enmarcada nun ton poético e, sobre todo, nunha trama ben armada e chea de rexistros literariamente moi potentes.

As malas mulleres obtivo o premio Blanco Amor de 2020 e o Premio Nacional de Narrativa 2022.

Marilar Aleixandre

(Madrid, 1947) é feminista, narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega desde 2017. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega.

Desenvolveu un extenso labor académico na Universidade de Santiago e Compostela, centrando a súa investigación na argumentación e no pensamento crítico. Editorial Galaxia publicou o libro Mudanzas e outros velenos (2017), que reúne parte da súa obra poética; na colección Costa Oeste, Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros (2017) e A filla do minotauro (2018, Premio Raíña Lupa); na colección Literaria, A compañía Clandestina de Contrapublicidade (1998, Premio Álvaro Cunqueiro) e As malas mulleres (2021, Premio Eduardo Blanco Amor 2020 e Premio Nacional de Narrativa 2022); e, na colección Feminismos, Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto con María López Sández.

Os textos pertencen á ficha da novela na Editorial Galaxia