Sinopse: Ana e as súas irmás xermolou coma unha homenaxe á comedia dialogada de Woody Allen. O título fai referencia á longametraxe Hannah and her sisters. Mais as intencións non sempre están en relación directa cos obxectivos acadados e, no proceso de escritura, o argumento foi transformándose de tal xeito que perdeu o diálogo e case toda a comedia.

A protagonista desta historia, Ana, naceu con espiña bífida e serios danos no ril. O libro comeza no momento en que recibe a chamada para someterse ao segundo transplante. Mentres vai camiño do hospital, a ambulancia convértese nun faro que alumea a negrura da noite e as lembranzas da protagonista. Para enfrontarse a esa batalla, Ana conta cunha arma poderosa: o amor incondicional das súas irmás.

Autor:

Os programas de Félix Rodríguez de la Fuente abríronme os ollos ao mundo que me rodeaba. Descubrín que existían moitos máis animais dos que eu podía imaxinar. E, así, decidín o que quería ser de maior: zoólogo. Pero non deses que andan só con cans e gatos, senón dos que cazan serpes xigantes en selvas amazónicas, estudan o hábitat do lobo estepario e seguen as pegadas do oso panda até a profundidade dos bosques de bambú.

Despois, licencieime en Ciencias da Información, doutoreime en Belas Artes e non parei de escribir até hoxe. No ano 2018 publiquei o álbum ilustrado A raíña das tortas na colección Verdemar da editorial Alvarellos. Con Indómita e a semente da inmortalidade gañei o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil "Muíño do Vento", libro publicado pola editorial Bululú. En 2020 obtiven o 3º premio no Certame de narracións breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira (Foto de familia). E, no ano 2021, publico Ana e as súas irmás na editorial Do Peirao.

A EDITORIAIS: Edicións Do Peirao nace en verán de 2017 coa idea de dar unha alternativa de corte xeneralista aos creadores en lingua galega fóra dos grandes selos editoriais en Galicia. Centrados na ficción principalmente e con anos de experiencia no sector, agardamos poder ofrecer aos lectores obras de calidade que non deixen indiferentes. Agora forma parte da editorial Tandaia. Dende o seu inicio, en 2014, Tandaia tiña o seu obxectivo perfectamente claro; dar unha oportunidade a quen, malgastando a calidade, outras editoriais o negan. Seguindo esta liña, en só un par de anos temos catro coleccións de ficción dirixidas a diferentes xéneros —desde a novela histórica ata a literatura xuvenil, pasando polo noir ou alt-lit— e unha de non ficción.

Neste momento, mantendo o noso espírito inicial, Tandaia ábrese a novos mercados sen perder de vista o obxectivo de buscar novos valores para que vós, lectores e lectores, aos que buscamos agradar cun catálogo plural e de calidade, poidades accede aos nosos títulos en diferentes formatos e cada vez desde máis lonxe.

Así, temos presenza en América Latina e cos nosos libros en formato dixital nas diferentes plataformas de venda de libros electrónicos.

Confiamos en que, se xa nos coñeciches, poidamos seguir compartindo todo isto contigo ... e se acabas de atoparnos, esperamos que o compromiso de Tandaia lle permita ser o comezo dunha gran amizade.