Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Asociación do Padroado do Museo do Pobo Galego, eixo do espazo “A porta aberta”

A emisión de esta noite na TVG2 centrarase nestes gardiáns da memoria desta comunidade

Manuel Vilar, Lino Lema, María Xosé Bóveda e Concha Losada. P.C.

O espazo “A porta aberta” desta noite (TVG2, 21.30 horas) céntrase na historia e a actualidade da Asociación do Padroado do Museo do Pobo Galego, nunha emisión na que Concha Losada (presidenta), Lino Lema (tesoureiro), María Xosé Bóveda (representante dos socios na directiva do padroado) e Manuel Vilar (director do Museo do Pobo Galego) mergúllanse na actualidade e historia deste colectivo.

A cultura galega, tanto material como inmaterial, transmítese ao mundo a través de moi variadas manifestacións e, no seu conxunto, vén de percorrer un camiño moi longo. Somos unha terra e un mar que se sustenta sobre unha profunda tradición. O compendio máis representativo desta cultura atopámolo no museo que pertence á Asociación do Padroado do Museo do Pobo Galego.

Este museo ten unha vocación universal, de transmisión da cultura galega. Trátase dunha idea expresado por Luís Saoane: “Os galegos queremos enriquecer ao mundo coa nosa singularidade”; pero tamén amosar ao propio pobo galego a valía de toda a nosa tradición cultural. Poñer a cultura galega en igualdade con calquera outra cultura e facer sentir aos galegos e galegas orgullo pola nosa forma de estar no mundo.

O Museo do Pobo Galego pretende expresar o que é a alma galega como colectivo, e represéntanos a través do que historicamente fomos construíndo, como base do que hoxe somos e do que seremos no futuro. Foi o soño de figuras tan emblemática da nosa cultura como Xaquín Lorenzo ou Antonio Fraguas, fundadores da Asociación do Padroado do Museo do Pobo Galego. Un soño que ao longo do tempo foi construíndo realidades, pero que segue soñándose, porque aínda queda moito traballo por facer.

A memoria forma parte imprescindible do ser dun pobo. O Museo do Pobo Galego garda, restaura e transmite a nosa memoria colectiva, coa intención de que esta sirva para construír o futuro. E todo este traballo feito polos membros da asociación cristaliza na emoción colectiva de ser un territorio con voz singular que contribúe a un planeta máis humano. Un territorio que converteu a cultura do traballo na súa cultura representativa.

Compartir el artículo

stats