Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Son Goku e Vigo, o comezo dun amor audiovisual: "Non temos por que saber ningún idioma pero o xaponés é máis complicado"

Antón Ruibal e Julio Lorenzo, onte en Vigo, na tenda Mundo Manga.

O universo Son Goku e “As bólas máxicas” foi un terremoto –e segue a selo– que zoupou nos raios catódicos en Galicia nos anos 90 e primeiros do presente século mailos leds das pantallas actuais. O mundo deste personaxe manga incluso transformou a vida de quen se mergullou nas aventuras de “Dragon ball” como dobradores. Onte, en Vigo, Julio Lorenzo e Antón Ruibal atopábanse cos fans do personaxe para rememorar fazañas na dobraxe ao galego da mítica serie de debuxos animados.

En Vigo, foi onde Son Goku comezou a dicir as súas primeiras palabras en galego

decoration

Precisamente, en Vigo, foi onde Son Goku comezou a dicir as súas primeiras palabras en galego, nun estudo de drobraxe ubicado na rúa Torrecedeira e que xa non existe. Chamábase Son de Galicia SA. Alí, comezou Tonia Fuentes, tamén viguesa, a pór voz ao personaxe de neno. Tanto lle gustou que –conta o organizador do acto de onte en Mundo Manga, Carlos Álvarez– que “o primeiro coche que tivo Tonia foi grazas ao seu traballo de dobradora para ‘Dragon ball’. Como era un coche vermello, lembrou o traxe de Son Goku de neno, da mesma cor, e púxolle de nome ao coche O Son Gokiño”.

Pero un día, o director da dobraxe observou que os novos capítulos que proviñan do Xapón introducían un cambio de 360 graos. “Eu participaba na serie dobrando o personaxe de Yagi e o director chamoume ao despacho. Ensinoume un vídeo e vimos que Son Goku medrara dun capítulo para outro. Miroume e díxome: ‘A partir de agora valo facer ti’”, explica o dobrador Julio Lorenzo entre risas.

Consciente de que “As bólas máxicas” gustan tanto a “nenos como a non tan nenos”, lembra que asumir a Son Goku de maior supuxo “unha responsabilidade moi grande” que foi facilitado polo gran traballo anterior de Tonia Fuentes. “Houbo que seguir esa liña do personaxe mentres ela pasaba a poñerlle a voz aos meus dous fillos”, sinala en relación aos descendentes de Son Goku.

Respecto á complexidade de dobrar un personaxe do xaponés, Lorenzo explica que os dobradores “en xeral, non temos por que saber ningún idioma pero o xaponés é máis complicado. Aí houbo moito labor do director, Antón Pazos, na adaptación e axuste dos textos que ía adaptando para coincidir coas bocas, co movemento labial e o ritmo. Foi un traballo arduo e bastante bo”, rememora.

O traballo conectou naquela altura, anos noventa, cos pequenos espectadores que quedaron abraiados coas aventuras pero que gozaban tamén dunha tradución moi traída ao rego do galego. Raro é atopar unha persoa nos seus corenta que non saiba algún verso das cancións ou expresións como “onda vital!” ou “nube Kinton”.

Falar de “Dragon ball” ao galego é falar tamén da historia do audiovisual do país. “Eu –lembra Julio Lorenzo– tiven que deixar a dobraxe da serie porque naquela época, no ano 1995, había moi pouco traballo. Houbo unha criba na dobraxe ao galego moi forte e moita xente quedamos case sen traballo. Emigrei a Alemania para traballar alí un par de anos. Cando me dixeron que chegaba unha nova remesa de debuxos da serie eu díxenlles que marchaba. Xa tiña o billete na man”.

"Agora mesmo, faise o tripla de horas de dobraxe en castelán que en galego aquí”

Julio Lorenzo - Dobrador

decoration

Non obstante, a viaxe non foi definitiva e ao regresar “retomei a dobraxe –explica– e levo xa 33 anos en activo. Non obstante, hai moitos anos que non dobro ao galego. Fixen moitísimas películas dando voz a Kevin Costner, Val Kilmer. Fixen moitas teleseries, mesmo poñendo voz a un actor de ‘Pasión de Gavilanes’. Agora basicamente traballo para os documentais de Discovery Channel, Disney, Marvel... Todo isto faise en Galicia onde hai moita máis dobraxe que antes. Agora mesmo, faise o tripla de horas de dobraxe en castelán que en galego aquí”, detalla un home que entrou na profesión aos 20 anos cando viu un anuncio no FARO DE VIGO pedindo voces maduras para actores de dobraxe. “Eu nin era actor nin tiña unha voz madura pero presenteime. Fixen un curso do Inem e empecei a traballar”, recorda este vigués.

Cando Xulio marchou para Alemania, foi Antón Ruibal quen puxo voz a Son Goku cando se converteu en Super Saiyan, un guerreiro do espazo. “Lembro que naquela época interactuabamos moito con colexios que viñan ver como traballabamos. O bonito do noso traballo era prestixiar o idioma, converter series internacionais en iconas falando galego para así dar visibilidade e poñer en valor a lingua”, sinala o actor.

“Empecei pouco a pouco e hai poucos anos aínda dobrei a última tempada de Son Goku e tamén participei na de Shin Chan"

Antón Ruibal - Dobrador

decoration

Ruibal intuía dende o instituto que quería ser intérprete e cando estudaba na Universidade de Santiago chegoulle a oportunidade ao crearse a TVG xa que pedían actores con dominio da lingua. “Empecei pouco a pouco e hai poucos anos aínda dobrei a última tempada de Son Goku e tamén participei na de Shin Chan (coa voz da viguesa Ana Lemos). Tamén se están a dobrar agora capítulos de Doraemon”, revela a voz do señor Sheffield en a serie “A nani”, personaxe ao que lle ten cariño inda que o actor que máis lle gusta dobrar é Ben Affleck.

Antón Ruibal lembra unha anécdota: “Un día veu un colexio ó estudo e viron como gravabamos a Son Goku. Non esquezo a cara de decepción dos rapaces ao ver un señor normal e corrente en vaqueiros sen pinta de superheroe, sen pelo pincho, pero poñendo a voz do seu personaxe. Deume pena, intentei animalos explicando que no mundo da televisión todo é verdade e todo é mentira”.

Compartir el artículo

stats