Xosé Luís Mosquera e Lois Pérez, novos Premios Johan Carballeira
O galardón de poesía foi para o poemario "Trece maneiras de mirar un almanaque" e o de xornalismo para a reportaxe "Eloxio do apenovismo"

A reunión do xurado de poesía no Concello de Bueu. / T.G.
Os Premios Johan Carballeira de Bueu xa teñen novos gañadores: Xosé Luís Mosquera no certame poético e Lois Pérez Díaz na categoría de xornalismo. Os xurados reuníronse esta semana e a entrega dos galardóns está prevista para o longo do mes de maio, co gallo dos actos do Día das Letras Galegas.
O premio de poesía contaba con 55 poemarios participantes e o xurado estaba composto polo gañador da edición do ano pasado, Manuel López; a poeta e crítica literaria Oriana Méndez; e polo profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e escritor Xosé Henrique Costas. O texto premiado é “Trece maneiras de mirar un almanaque” de Xosé Luís Mosquera e os integrantes do xurado destacaron a súa “madurez literaria e contemporaneidade, que se amosa coa fluída integración de múltiples rexistros textuais e culturais no propio devir do poemario”. Nese fallo tamén se fai mención a que se trata dunha “proposta poética que destaca por combinar con habelencia múltiples rexistros dende o culto ao popular, con imaxes inesperadas e fragmentos de maior narratividade”. A conclusión final do xurado desta nova edición do Premio Johan Carballeira de Poesía e que “Trece maneiras de mirar un almanaque” vén a ser un “resultado exitoso que contribúe a consolidar o panorama poético das nosas Letras”.
O gañador, Xosé Luís Mosquera Camba, é natural de Guísamo (A Coruña) e exerce como profesor de Secundaria desde 1990. Xa ten publicado varios libros que foron premiados nalgúns dos certames poéticos máis importantes de Galicia, como “Nadja c'est moi”, que recibiu o X Premio Concello de Carral; “Amebas”, cun accésit do XXVII Premio Esquío de Poesía; “Das árbores tropicais e do amor”, XX Premio Concello de Carral; “A traxedia da arquitectura”, IV Premio Xosé María Díaz Castro; ou “Parhelio”, XX Premio Fiz Vergara Vilariño.

A reunión do xurado de xornalismo, no Concello de Bueu. / T.G.
No tocante ao Premio Johan Carballeira de Xornalismo o xurado decantouse por “Eloxio do apenovismo”, de Lois Pérez Díaz e que orixinalmente foi publicado na revista “Luzes”. Trátase dunha reportaxe na que se aborda a interrelación entre a cultura e a construción da autoestrada AP-9. Neste caso destácase a “orixinalidade á hora de abordar unha temática árida como as infraestruturas e capta a atención do lector/a dende o primeiro momento, facendo atractiva este tipo de información”. O xurado estaba composto polo presidente da Asociación Amigos de Johan Carballeira, Manuel García Mosteiro; o gañador da edición do ano pasado, Héctor Pena de Nós Diario; e a xornalista de FARO DE VIGO Carolina Sertal. No seu ditame abundan en que a reportaxe supón un “interesante percorrido de Norte a Sur que fai o autor recollendo espazos e momentos históricos moi ben imputados co trazado da AP-9”.
Lois Pérez Díaz é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista e ten publicado diversas obras de literatura e poesía infantil. Con “A gruta da torre” gañou o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade e con "A tribo do mar” o XVI Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.
- Dos jóvenes de Cangas denuncian por estafa al propietario del piso que habían alquilado en la villa
- Denuncia al exnovio de su hija por la okupación de su casa y su bajo comercial para abrir un negocio en Moaña
- Localizan en una casa okupa de Vigo a la mujer que iba en el coche en el que se produjo el supuesto rapto del hombre que apareció con una paliza en Meira
- Aparece un hombre de Vigo ensangrentado en el enlace de la Autovía do Morrazo en Meira y dice que fue secuestrado
- Inquilinos de Morrazo denuncian más casos de presuntas estafas con dueños que se niegan a devolver la fianza
- Ingresan en prisión los tres detenidos por el secuestro del vigués que apareció con una paliza junto a la Autovía do Morrazo en Moaña
- Una inmobiliaria con futuro en Moaña
- Ara Malikian, uno de los mejores violinistas del mundo, tocará en Cangas en septiembre