Música e poesía en Bueu | Xurxo Souto Músico e escritor

“A literatura galega está mal contada: ten moi boa letra, pero fáltalle a música”

O artista volta a Bueu para presentar o seu libro “Somos un pobo de artistas” e confesa un dos seus soños: “Pasear por esa ribeira nunha concentración de ‘botas de Bueu’”

Xurxo Souto co seu novo libro, "Somos un pobo de artistas", que presenta hoxe en Bueu.

Xurxo Souto co seu novo libro, "Somos un pobo de artistas", que presenta hoxe en Bueu. / Carlos Pardellas

O polifacético Xurxo Souto volta hoxe a Bueu, un dos seus lugares fetiche. Desta vez para presentar o seu novo libro, “Somos un pobo de artistas”, no que defende con paixón a primixenia e íntima relación entre música e poesía e con ánimo de derrubar prexuízos académicos. A presentación, organizada pola Librería Miranda, será ás 19.00 horas na sala multiusos do Centro Social do Mar de Bueu e Xurxo Souto estará presentado e conversará coa xornalista Tensi Gesteira.

–Vén a presentar un novo libro, “Somos un pobo de artistas”. Pero máis que un título semella unha declaración de intencións. Unha reafirmación e reivindicación en toda regra.

–Efectivamente o título é un manifesto. Dicía Luís Seoane “queremos facer máis feliz o mundo coa riqueza da nosa diversidade”. A creatividade agroma en Galiza por todas partes. Agora só cómpre que sexamos conscientes disto e que poñamos en valor este patrimonio extraordinario.

–Fai fincapé no método Luísa Villalta e na importancia de abolir esa fronteira e prexuízos entre a música e a literatura. Nas súas orixes a poesía e a literatura eran orais e en Galicia temos ese monumento do que fala vostede das cantigas medievais.

–Si, como indica Luísa Villalta no seu libro “O outro lado da música, a poesía”, na súa orixe –e até a invención da imprenta– as dúas artes foron o mesmo. A literatura galega está mal contada, ten moi boa letra mais falta a música. Como ti dis: as cantigas medievais son letras de cancións. A primeira obra importante do Rexurdimento leva a música no seu propio título: “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro. Así que, como se poden estudar estas materias sen música?

–Como está concebido e estruturado este libro “Somos un pobo de artistas” que vén a presentar a Bueu?

–Por unha banda falo de poetas –Lois Pereiro, Manuel María, a propia Rosalía– que entenderon a súa obra dun xeito musical. “A poesía naceu para ser cantada”, escribiu Celso Emilio Ferreiro. Despois de músicos –velaí Mercedes Peón ou Prudencio Romo– que acoden á palabra para culminar a súa obra. E finalmente ocúpome do marabilloso poder da creatividade popular.

–Quenes son eses “artistas”? Entendo que non se trata só de aquelas persoas que publican libros, gravan canción ou discos… Senón que é algo moito máis amplo

–Certo. Á marxe dos formatos convencionais, o talento creativo agroma en múltiples contextos que normalmente son invisibles para o gran público. Reivindico aquí as cantigas das traballadoras da conserva ou a Charanga do Cuco de Velle que xa facía en Ourense música “mestiza” antes da aparición de Manu Chao. Tamén a Finita Gay, unha artista extraordinaria da parte de Carral: cando volveu da emigración, de Venezuela, en lugar de facer unha casa, abriu un “café-concerto” onde ela era a estrela absoluta.

Algún día cumprirei o meu soño e pasearei por esa ribeira nunha concentración de “botas de Bueu”, famosas en todos os mares. No océano eran magníficas, en terra son indestrutibles

–Ten unha relación especial con Bueu. A Noite do Trasno, a pegada de Urbano Lugrís, a libraría Miranda… e, como vostede di, a Coral Poliocéana de Bueu. Creo que dalgunha maneira o contacto con esa coral está moi vencellado con este novo libro.

–Si, a Poliocéana e as cantigas da conserva teñen capítulo de seu. Como di a canción de Dakidarría, estes son os agasallos que a música, e a literatura, nos dá. Grazas ao seu poder coñecín en Bueu a moitas persoas cargadas de talento. Podería engadir á túa listaxe a Leiro, do mítico local Aturuxo. E á Comparsa Os Mulos. Algún día cumprirei o meu soño e pasearei por esa ribeira nunha concentración de “botas de Bueu”, famosas en todos os mares. No océano eran magníficas, en terra son indestrutibles.

Xurxo Souto, na súa faceta máis musical, co seu acordeón.

Xurxo Souto, na súa faceta máis musical, co seu acordeón. / Casteleiro

–Como vai ser a presentación en Bueu? Polo que avanza han volver a sonar as vellas cantigas de Massó…

–Somos un pobo de artistas e estou certo que o imos demostrar. Seguro que botaremos cantareas da conserva, verdadeiro xénero de canción social até agora descoñecido. Esperanza Freire aprendeunos a cantiga da fábrica Massó de Bueu. No 2019, a Coral Poliocéana recuperouna no festival “Son do Mar” e foi unha verdadeira apoteose.

–Xa sei que me vou polos cerros de Úbeda… ou máis ben ao outro lado do Atlántico e a Minnesota. Dicía con ironía Irene Vallejo en “El infinito en un junco”, case con retranca galega, que a concesión do Premio Nobel de Literatura a Bob Dylan fora un acto revolucionario, de voltar a moitos séculos atrás. A pesar do discutido que foi ese Nobel, cre que pode axudar a botar abaixo eses prexuízos entre a música e literatura?

–Foi un acto revolucionario, abofé. En orixe música e poesía foron o mesmo. Mais aos autores de versos para cancións non se lles considera poetas, chámaselles simplemente “letristas”. Agora vén o paradoxo: cales son os letristas máis prolíficos, isto é as persoas que escribiron máis letras de cancións, na música galega?. Pois precisamente Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María e Álvaro Cunqueiro. Fóra os prexuízos académicos, medre a música e medre a poesía!

Suscríbete para seguir leyendo