“O Morrazo para min foi o paraíso na terra, o lugar que elexín para escribir”

O autor, Premio Johan Carballeira e Premio Nacional de Poesía Joven, está mañá en Bueu

Ismael Ramos, á dereita, na presentación de hai uns días na libraría Wells de Cangas, onde traballou hai anos.   | // C.G.

Ismael Ramos, á dereita, na presentación de hai uns días na libraría Wells de Cangas, onde traballou hai anos. | // C.G. / david garcía

O poeta Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) regresa mañá sábado a Bueu, ao lugar no que (case) comezou todo. No ano 2015 gañou o Premio Johan Carballeira de Poesía, o que lle permitiu ver publicado o seu primeiro libro. Foi o principio dunha estreita relación co Morrazo, que tamén se plasma en “Lixeiro”, o poemario co que o Ministerio de Cultura lle concedeu en 2022 o Premio Joven de Poesía “Miguel Hernández”. Agora volta para presentar “A parte fácil”, o seu primeiro libro de relatos, nun acto organizado pola Librería Miranda, na sala multiusos do Centro Social do Mar ás 12.00 horas e presentado pola poeta bueuesa Míriam Ferradáns.

–Esta mesma semana acaban de cumprirse oito anos da concesión do Premio Johan Carballeira de Poesía por “Os fillos da fame”. Como senta voltar a Bueu para a presentación do seu novo libro?

–É emocionante. “Os fillos da fame” foi o meu primeiro libro publicado e estoulle moi agradecido a Bueu por ese premio e por manter vivos o nome e o legado de Johan Carballeira. En realidade, levo regresando a Bueu todas e cada unha das veces que publiquei un libro dende entón... e xa van catro! Sempre coa Libraría Miranda e da man da poeta Míriam Ferradáns. É un pracer e tamén case, case unha tradición.

–Os relatos de “A parte fácil” falan de personaxes que “están medrando ou que quizais non se decaten que deixaron de medrar”. Como medrou vostede desde aquel Premio Johan Carballeira ata a actualidade?

–Diría que a distancia que hai entre a persoa que son hoxe e a que era entón está recollida nos meus libros, en todo canto escribo. Cada novo proxecto é unha oportunidade de aprendizaxe, de confrontación coa realidade. Medrar ás veces consiste en saber cada vez menos cousas, pero estar máis seguro das que si se saben.

–Entendo que dalgunha maneira O Morrazo ten sido clave nese proceso de crecemento. Creo que xusto despois dese premio estivo vivindo durante algún anos en Cangas por motivos de traballo, algo que se reflicte en “Lixeiro”. Cal é pegada do Morrazo na súa obra e traxectoria vital?

Moita. O Morrazo e máis concretamente Cangas forman parte fundamental da paisaxe dos meus libros, tamén en “Os fillos da fame”. Fun enormemente feliz vivindo aquí. Traballar na libraría Wells, por exemplo, deume a oportunidade de coñecer xente sen a cal non imaxino a miña traxectoria, unha sorte de segunda ou terceira familia. Durante moito tempo, O Morrazo foi o paraíso na terra, o lugar onde quixen quedar a escribir. Quen sabe se regresarei algún día!

Ese poemario valeulle un dos recoñecementos máis importantes da súa traxectoria, o Premio Nacional de Poesía Joven “Miguel Hernández”. Que supuxo para vostede ese recoñecemento a nivel estatal?

–É unha honra e unha oportunidade. O mellor, diría eu, é a repercusión que está tendo o premio en Galicia: a oportunidade de que nos sintamos máis orgullosos da nosa literatura e da nosa lingua, de que as valoremos como é debido. O meu premio, igual ca moitos outros recoñecementos estatais, son en realidade o froito dun traballo colectivo, dunha tradición.

–Agora vén de publicar o seu primeiro libro de narrativa, unha selección de relatos. Como foi o proceso para decidirse a probar neste xénero?

Coma case sempre neste casos, foi algo casual. Comecei a escribir “A parte fácil” durante o confinamento, como un reto da miña editora en español, Elena Medel, coa que estaba traballando naquel momento correxindo a tradución de “Lixeiro”. Despois unha cousa levou á outra e atopeime traballando nun libro de relatos. Sempre me gustou o xénero breve, moito máis que a novela. Admiro moito a autores como Méndez Ferrín, Fleur Jaeggy ou Amy Hempel.

A que alude ese título de “A parte fácil”?

–A parte fácil fai referencia ao lugar que ocupan os personaxes do libro nas súas respectivas narrativas. Eles son sempre secundarios. O drama principal aféctalles de maneira colateral e, polo tanto, parecen ocupar “a parte fácil” da situación. Pero axiña descubrimos que non é así, que é moito o que acontece nas marxes desas historia ou na supervivencia á gama de grises das súas rutinas. Son precisamente tamén as personaxes, que van reaparecendo e medrando nos distintos contos, as que dotan o libro de unidade.

–Cando lle concederon o Premio Johan Carballeira dicía na entrevista posterior a FARO que adicarse á cultura é un acto de valentía e facelo en galego unha inconsciencia. A día de hoxe a situación é igual… ou peor?

Obxectivamente a situación é peor: só oito de cada 100 libros vendidos en Galicia están en galego. Xa non diría que dedicarse á literatura así sexa valente ou inconsciente, senón que falaría de resistencia, dun traballo silencioso, pero constante. Traballamos literalmente contra a desaparición, en favor dunha lingua e unha literatura non só vivas, senón tamén visibles.

Suscríbete para seguir leyendo