Varalonga canta a Bernardino Graña, “Sempre mar”

Sae á luz o segundo disco do grupo cangués, con poemas do insigne “poeta e veciño”

Varalonga musica poemas de Bernardino Graña

Gonzalo Núñez

G.M.P.

“Velaquí están musicados os versos do mestre e do poeta amigo Bernardino Graña, unha das figuras máis importantes da literatura galega. Sempre nos quedarán na memoria os seus libros e este fermoso traballo discográfico que hoxe presenta o grupo Varalonga. Versos dos mariñeiros, de Tirán, de Cangas e das terras do Morrazo”. Son palabras de Fernando Cuñarro, da asociación cultural A Cepa, que se encargou de seleccionar os 11 poemas que conforman “Sempre Mar”, interpretados por “xente amiga”, como tamén o é a que os acompañou onte no concerto presentación que tivo lugar na Casa do Pobo.

O lanzamento dixital de “Sempre Mar” foi o 23 de marzo, entre outros motivos por ser o Día da Poesía e polo empeño de Varalonga e A Cepa en dar a coñecer a obra de autores desta terra. Tamén porque se cumpren 30 anos desde que Bernardino Graña recibiu o premio Merlín pola súa obra de literatura infantil “O quirico lambón”, e un da homenaxe co que o insigne autor foi agasallado pola RAG no Auditorio de Nigrán, municipio donde vive nunha residencia desde hai tempo.

O disco “Sempre Mar” suma 11 poemas musicados, con escolma de Fernando Cuñarro, e dirección artística, arreglos e produción de Pablo Costas, que tamén pon a súa voz en O gato da tasca mariñeira. Entre eses temas figuran Oda aos mariñeiros de Cangas, Canción para ir ao mar de pesca (“unha canción moi didáctica para ensinar aos nenos os nomes dos peixes en galego”), Para beber auga e viño e estarmos xuntos (premio “Lingua de amor” da Consellería de Cultura da Xunta), ou Sempre Mar, tema que da nome e remata o traballo discográfico, auspiciado por A Cepa e grabado co selo Tribu Musical.

Os compoñentes de Varalonga son Rafa Carballo (guitarra eléctrica e harmónica), Toño Parcero (guitarra acústica, percusión, baixo e voz), Nandi Pintos (teclados), Píter Parcero (baixo, percusión e voz), Paco Juan (batería e voz) e Hono Parcero (guitarra acústica, cabaquinho e voz). José Luis Lorenzo, “Colón”, en nome de A Cepa, repasou máis dun cuarto de século de labor cultural da asociación e agradeceu o traballo de Varalonga.

Suscríbete para seguir leyendo