A RAG homenaxea con agarimo a Bernardino Graña en Nigrán

Recibiu a distinción de fillo predilecto de Cangas

Freixanes e o alcalde de Nigrán, con Bernardino, onte.   | // R. GROBAS

Freixanes e o alcalde de Nigrán, con Bernardino, onte. | // R. GROBAS / M. M.

M. M.

Nigrán acolleu onte a homenaxe da Real Academia Galega (RAG) ao poeta Bernardino Graña pola celebración o luns do Día Mundial da Poesía. Foi o presidente da mesma, Víctor Freixanes quen abriuo acto xunto ao alcalde, Juan González, e foron os dous tamén os que o pecharon.

“Celebramos hoxe o noso poeta e a súa ollada luminosa sobre o mundo”, sinalou Freixanes.

Dende as cinco da tarde ata case as sete, doce poetas –entre os que se atopaban Ana Romaní, Lucía Novas, Marta Dacosta, Xosé María Álvarez Cáccamo ou Héitor Mera– declamaron un poema de Bernardino mentres facía de condutora do evento Marilar Aleixandre.

Ramón Lorenzo, por exemplo, elixiu “O gato da tasca mariñeira” por retratar o ambiente dun establecemento da costa e polo seu rico léxico do mar.

Esa escolma xunto coa laudatio pronunciada por Xesús Alonso Montero –quen explicou que coñeceu de neno no colexio a Bernardino– forman un libriño que editou a RAG e que foi repartido entre os asistentes á homenaxe e que acompañaron ao mesmo Bernardino Graña –quen vive arestora na vila do Val Miñor– quen amosou agradecemento e cariño.

O acto rematou coa actuación do grupo Gelria que interpretou varios poemas e coa entrega dunha figura en forma de gamela a Graña e outro como faro a Freixanes. A edil de Cultura de Cangas, Aurora Prieto, outorgoulle a Bernardino a placa da distinción de fillo predilecto de Cangas.