Kevin González Santiago | Número 5 da candidatura do BNG de Moaña

“O descontento enfróntase participando da vida política e os movementos sociais”

“Fun unha cara visible da traxedia do ‘Villa de Pitanxo’, pero a miña incorporación á candidatura era un paso lóxico, levo once anos de militancia en Galiza Nova”

Kevin González, esta semana en Meira.   | // DIEGO SANTOMÉ

Kevin González, esta semana en Meira. | // DIEGO SANTOMÉ / L. Graña

Lara Graña

Lara Graña

Adestrador, remeiro. E sempre rebulindo. Kevin González Santiago (Meira, 1994) entrou en tromba nos fogares de boa parte dos galegos tras o afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo, no que ía embarcado seu pai, Fernando. Concorrerá como número 5 na candidatura do BNG á alcaldía de Moaña.

– Que leva a un rapaz coma vostede presentarse nunha candidatura como a do BNG de Moaña?

–Levo desde o día do meu 18 aniversario afiliado a Galiza Nova, e polo tanto ao BNG. Son unha persoa á que lle interesa axudar aos veciños e veciñas, e creo que é unha boa oportunidade para amosar as miñas capacidades en beneficio de toda a vila.

– Por que cre que chamaron á súa porta para formar parte da candidatura, e previsiblemente ademáis nun posto que o permitirá acadar unha concellalía?

– Polo que me teñen trasladado, foi unha decisión do Consello Local, de xeito que foi validada por todos os membros. Teño unha moi boa relación coa alcaldesa, Leticia Santos.

– Como foi a aterraxe?

– Non participaba nas asembleas, pero colaboraba e colaboro con moitos membros do actual goberno. Por parte da asemblea de militantes, a acollida foi excelente. Estou moi contento.

– Que vai aportar Kevin González?

– O equipo é moi amplo, con moitos puntos de vista, que sempre aspira á renovación. Estou vencellado a múltiples colectivos, culturais ou deportivos, e sei traballar en equipo. Esta maneira de traballar xa é a que funciona en Moaña, cuns resultados que están á vista da veciñanza. Eu veño a sumarme a ela.

– Antes da súa fichaxe, que vínculos o unían co BNG, ou co abano ideolóxico do nacionalismo galego?

– Eu son moi curioso, desde ben pequeno. Encántame a historia, o porqué das cousas. A meu pai encántabanlle os debates políticos, creo que foi daquela cando empecei a collerlle o gusto á política e á xestión municipal. Para min, as directrices de goberno dun concello ou unha autonomía se deben determinar desde ese concello ou ese executivo autonómico, e non en base decisións que se adopten a 600 kilómetros de distancia. Temos que ter a soberanía suficiente para administrar os nosos recursos. Aí temos a sanidade pública, que está a ser vilipendiada, ou a autopista AP-9, cunhas peaxes que están entre as máis caras do Estado.

– Ademáis de en Moaña, é unha cara coñecida para boa parte da ciudadanía galega. Entende que incorporación dun familiar das vítimas do Villa de Pitanxo á lista electoral do BNG poida xerar acusacións de certo oportunismo?

– Levo once anos militando no BNG, participando coa formación de múltiples maneiras. Claro que este ano fun a cara visible da miña familia e do conxunto das familias dos falecidos do Villa de Pitanxo, e iso me deu a coñecer entre moitas persoas. Pero, á marxe diso, este era un paso lóxico persoal no eido político.

– Que lle aportou esta dura experiencia persoal que cre que lle poida servir, de ser así, para o seu futuro como concelleiro?

– Tocounos vivir unha desgraza. Pero, para min, ten sido a mellor experiencia de aprendizaxe da miña vida. Estou aprendendo a xestionar cousas non só a nivel público, senón tamén persoal e anímico. Son unha persoa moito máis madura, reflexiva, cauta… En certo sentido está dándome fortaleza para encarar os retos que teño por diante. Particularmente, a partir do 28 de maio.

– Hai unha notable muda nos cabezas de carteis. Que cre que vai aportar a continuidade de Leticia Santos?

– Leticia é o corazón de Moaña, a que bombea todo tipo de iniciativas e melloras para conseguir que a vila sexa un referente e que o modelo do BNG funcione. Como o fai tamén en Pontevedra, por exemplo. Os veciños e veciñas puideron ver a transformación de Moaña nestes anos, nun plano urbano, ecolóxico e de igualdade. A continuidade do equipo é o mellor punto de partida para conseguir catro anos de máis melloras.

– Que impacto cre que terá a irrupción de Carro como número 1 do Partido Popular?

– O PP está sufrindo unha ruptura, e están tratando de unir dereita e extrema dereita en todos os concellos para recuperar alcaldías ou a Deputación de Pontevedra, nomeadamente. É unha aposta arriscada e garantista ao mesmo tempo.

– De forma recorrente, un dos problemas que diagnostican as enquisas, cando preguntan á cidadanía, son os partidos políticos. Sofreu algunha vez, como persoa nova, esa tentación de descrédito? Aprecia esa sensación entre a xente nova?

– O mellor consello que podo dar a alguén da miña idade e que pense desta maneira é que veña falar coa xente do BNG. Somos próximos, pragmáticos, gústanos escoitar… É certo que existe ese descontento a nivel xeral, esa desconexión. A maneira de enfrontalo é participando en movementos sociais, da vida política ou en calquera iniciativa que busque mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.