Escolma de canteiros do Hío (II)

O autor pon en valor o traballo duns homes que tiñan que traballar con ferramenta rudimentaria e sen maquinaria eléctrica

Manuel Fernández Figueroa nunha canteira. | // CESIÓN DA FAMILIA FERNÁNDEZ FIGUEROA

Manuel Fernández Figueroa nunha canteira. | // CESIÓN DA FAMILIA FERNÁNDEZ FIGUEROA / Anxo Coya*

Anxo Coya*

Non podemos pasar por alto a presenza de canteiros da nosa parroquia que noutrora defenderon con esforzo e penurias ás súas familias cando o oficio era realizado con ferramentas rudimentarias e sen maquinaria eléctrica algunha. Notificaremos algúns datos achegados polas propias familias dos mesmos.

Parécenos de recibo citar dun xeito especial a dous grandes profesionais que destacaron no eido artístico da escultura.

Xoán Piñeiro Nogueira (O Hío 1920- Porriño 1980). De neno pastoreaba no monte o gando mentres facía figuras coa navalla. No 1944 ingresa na Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde se forma co escultor Camilo Nogueira. No 1947 estuda en Santander e ao seguinte ano trasládase a Madrid onde asiste á Escola de Bellas Artes de San Fernando sendo seu mestre José Capuz. Montou o seu taller definitivo en Goián en 1965. Na súa obra escultórica abondan moitos monumentos relixiosos e civís. Dende 1999 existe o Padroado da Fundación Xoán Piñeiro a través dos seus representantes máximos.

Os Rabuxos, Celestino Novas e outros nunha obra.

Os Rabuxos, Celestino Novas e outros nunha obra. / Cesión Familia Fernández Figueroa

Manuel Coia Franco naceu no Hío o 17 de marzo de 1933. Estudou na Escola de Artes e Oficios de Vigo no 1955 e en 1960 trasladouse a Madrid. Da súa biografía podemos ler: “A finales de 1960 su estilo, novedoso y rompedor dentro del panorama tradicional en que se desarrollaba el arte gallego, lo hizo merecedor de una pensión de la diputaciónde pontevedra, con la que pretendía estudiar Bellas Artes en Madrid. Pero su carácter inconformista le impedía someterse a la disciplina académica y esta negativa a realizar estudios oficiales supuso que sólo disfrutase de dos años de la pensión”. Traballou en pedra e tamén na madeira. Ten numerosas obras extraordinarias espalladas polo país.

Paco o canteiro exercendo no oficio.

Paco o canteiro exercendo no oficio. / Foto Familia Piñeiro Coya

Citemos ademais a Albino Fontán, natural de Xeve, parroquia cunha longa tradición de canteiros, casou con Josefa Soliño e eran veciños de Cima de Vila (Darbo). Tiveron por fillos a Benigno, Alfonso, Albino, Bernardo (defunto nos tempos da guerra civil) e Hipólito. Os dous primeiros foron uns canteiros destacados que viviron no lugar da Barreira en Liméns e eran coñecidos co alcume de “Os Rabuxos”. Tiñan un avanzado coñecemento e moita habelencia sobre o granito e extraían pedra das canteiras dos lugares de Fenteiras, na Abilleira (Nerga) e na de Varalonga.

De Nerga era o veciño José María Novas Otero coñecido popularmente como “Dentes”, quen desenvolveu este oficio durante parte da súa vida traballando en ocasións en compaña dos citados “Rabuxos”. Son numerosas as obras nas que traballou: hórreos, nichos, muros, etc. Naceu o 19 de xuño de 1925, casou con Josefa Otero Gutiérrez o 20 de maio de 1950. En ocasións traballou ás ordes de Benigno e Alfonso, os mencionados “ Rabuxos”.

Luciano Figueroa, canteiro de Vilanova.

Luciano Figueroa, canteiro de Vilanova. / Foto familia Figueroa Otero

Celestino Novas Portela, de Nerga. Home cunha altura e condición física destacada. Casou á idade de 23 anos con Manuela Piñeiro Martínez o 2 de xullo de 1932. Traballou con distintos canteiros da parroquia do Hío.

Luciano Figueroa Otero (1914-1992). Con el traballaron en varias obras Antonio Vaqueiro e Juan Lorenzo, de Vilanova.

Manuel Fernández Figueroa, natural de Donón, aprendeu o oficio e traballou na construción de moitas vivendas. Incluso chegou a forrar interiormente o pozo da súa propiedade en pedra.

José María Novas Otero, canteiro de Nerga.

José María Novas Otero, canteiro de Nerga. / Cesion da familia

Francisco Piñeiro Otero, máis coñecido como Paco “ O canteiro”, naceu o 5 de setembro de 1930 en Donón. Traballou na construción de numerosas vivendas na parroquia do Hío e tamén na obra da capela de Donón que comezara o mestre canteiro Alfonso Riveiro e que se rematou en 1972. Demostrou ter gran coñecemento nas labores do granito. Finou no 1975.

Algúns destes canteiros tiñan unha fragua da súa propiedade na que apuntaban a ferramenta cos coñecementos que adquiriron na infancia. Estes profesionais, eran axudados por peóns entre os que lembramos a Juan Lorenzo, Benjamín Sotelo ou Apolinar, entre outros.

Documento de Benigno Fontán.

Documento de Benigno Fontán. / Cesión da familia

A intención deste apuntamento non é outra que recoñecer a dificultade da xente que traballou de canteiro en tempos moi difíciles. Uns dunha maneira de ser e outros doutra, con intelixencia e moito valor, con máis ou menos xenio, cada quen á súa maneira. Pois como é sabido; no monte non hai dúas pedras iguais.

*Veciño do Hío

Anxo Coya

Anxo Coya

Suscríbete para seguir leyendo