Escolma de canteiros do Hío (I)

A mediados do século XVIII, segundo o Catastro de Ensenada, había na parroquia canguesa unha quincena de canteiros

Unha vista da igrexa do Hío
 e do seu emblemático 
cruceiro.   | // G.N.

Unha vista da igrexa do Hío e do seu emblemático cruceiro. | // G.N. / Anxo Coya*

Anxo Coya*

Ás familias que colaboraron neste traballo

Neste presente ano (2022), grazas á empatía do escultor mosense Marcos Escudero, xunto coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Cangas, da Asociación de Mulleres da Escola Vella do Hío e a activa participación da asociación de veciños A Fontenova, celebrouse coincidindo co 150 aniversario do monumental Cruceiro do Hío, a desexada reedición da denominada Festa do Canteiro, acaecida en Cerdedo entre os anos 1976 e 1978. Nesta festa rendemos homenaxe a moitos canteiros que traballaron na parroquia do Hío. Algúns achegáronse doutros lugares e moitos ficaron aquí para sempre, en tempos complicados cando se traballaba con ferramenta manual, é dicir coa ausencia de ferramenta eléctrica.

O oficio de canteiro pode cualificarse como un dos máis antigos da historia da humanidade (paleolítico, mesolítico, neolítico, megalítico, etc.).

Dende tempo inmemorial na parroquia de Santo André do Hío, como noutras moitas, reflíctense obras de xente que traballou na pedra con moita arte. No eido da arqueoloxía son proba desta afirmación os gravados rupestres de Mogüelos en Donón, a vila romana de Pipín en Pinténs, as tumbas antropomorfas de Vilanova, as saíñas de Nerga ou as distintas construcións aparecidas no castro do Monte do Facho, entre outras.

Un extracto con nomes dos canteiros do Hío, segundo o Catastro de Ensenada, en 1752,

Un extracto con nomes dos canteiros do Hío, segundo o Catastro de Ensenada, en 1752, / P.A.R.E.S.

A igrexa parroquial do Hío, na súa orixe de estilo románico e erixida no século XII ou XIII segundo os expertos historiadores, é outra importante mostra na que podemos valorar o tremendo labor da cantería. Igrexa que co paso do tempo sufriu varias reformas ou ampliacións. Unha delas foi no 1622, cando o oficial de cantería (sic) Miguel Riveiro, veciño de Redondela, construíu unha sacristía. O documento desta información glosa: “/ ...se devían doscientos Rls (reais) A Miguel Riveiro oficial de cantería vezino de la villa de Redondela de la obra que avía echo en la sacristía.../”.

Máis tarde, no 1723, sendo crego do Hío Juan de Nores y Ulloa, a fachada da igrexa foi reformada polo mestre canteiro Esteban González. No 1788 a ampliación deste templo foi executada maxistralmente polo mestre de cantería e veciño do Hío Esteban Sobreira García. Existe un contrato desta obra, que o crego do Hío José Álvarez de Neira non chegou a ver rematada.

Segundo o Catastro de Ensenada do 1752 os veciños que exercían no Hío o oficio de canteiro eran: Benito de Menduíña, Ciprián Martínez, Domingo García, Domingo de Outeiro de Lubrei, Domingo de Outeiro, Domingo de Cadabón, Fernando Piñeiro, Gabriel González, Juan Piñeiro, Juan Piñeiro (outro), Julián Carballo, José Sotelo, Juan González, Mateo Piñeiro e Santiago de Lemos.

Continuación do extracto cos canteiros do Hío en 1752, segundo o Catastro de Ensenada.

Continuación do extracto cos canteiros do Hío en 1752, segundo o Catastro de Ensenada. / P.A.R.E.S.

Temos constancia doutro mestre de obras que traballou na nosa parroquia. Falamos de Pedro González Rodríguez, natural de San Adrián de Moneixas, freguesía que pertencía ao concello de Lalín e arcebispado de Lugo. Este apelido (González) aínda perdura na familia González- Chamadoira. Pedro casou no Hío con María Teresa Franco no 1837, o que nos fai pensar que debeu ser o artífice dalgunha obra de grande envergadura.

Nós, con cautela e pola proximidade das datas, apuntamos á construción da casa que foi propiedade de don Vicente Pastoriza, cuxo balcón está adobiado en pedra coas siglas D.V.P. (facendo referencia ao seu nome) e no que se pode ler: “LO HIZO D.V.P. ANO 1842”. Nesta época tamén casaron nesta parroquia outros dous canteiros foráneos que consideramos deberon ser contratados por Pedro González: entre outros, Manuel Folgán que casou o 3 de xaneiro de 1842 con María Carmen Piñeiro e Serafín Silva que o fixo con Teresa García o 1 de agosto do mesmo ano sendo este natural de Arbo.

Non podemos pasar por alto ao veciño do Hío Rafael Coya Vázquez, pois aparece documentado como mestre de obra prima no 1868.

O contrato para a ampliación da igrexa do Hío.

O contrato para a ampliación da igrexa do Hío. / Familysearch

Existe outro contrato, que trata da construción da bóveda da nave central da igrexa parroquial do Hío que foi adxudicada ao mestre de cantería Antonio Cerviño Couceiro, pai do excelso escultor Ignacio Cerviño Quinteiro. Este contrato terá efecto a partir de outubro de 1852 notificándose nel que a poxa da obra foi en xullo dese ano (data do protocolo notarial), e está asinado polo crego e reitor do Hío Juan Manuel Míguez Alonso. O mesmo crego que manda a construción do máis fermoso cruceiro de Galicia: o Cruceiro do Hío, labrado polo escultor Ignacio Cerviño Quinteiro ( Peroselo, Aguasantas, Cerdedo-Cotobade 14/06/1834- O Porriño, 28/10/1905).

Non deixa de ser curioso a presenza de varios mestres canteiros na parroquia en anos que coinciden coa labra deste cruceiro do Hío, e que incluso podemos chegar a pensar que formaron parte do equipo que o Mestre Cerviño contratou para esta obra. Reparemos con interese na procedencia destes canteiros, pois eran veciños de parroquias próximas á cidade de Pontevedra, lugares con moita tradición neste oficio. Damos conta da pegada dalgúns profesionais:

Ignacio Calvo Piñeiro, natural de San Pedro de Campañó, que casou o 27 de maio de 1867 á idade de 25 anos con Celeste Pastoriza Carballo.

José Torres García, natural de San Andrés de Xeve, casou aos 30 anos con María del Carmen Gago o 6 de outubro de 1867.

–José Villaverde Muíños casou mozo, con 21 anos, sendo natural de Santa María de Mourente, e fíxoo con Dorotea Pastoriza o 23 de febreiro de 1870. Enviuvou e casou en segundas nupcias con Venancia Pastoriza Carballo. Seu fillo Eulogio tamén aprendeu este oficio.

En Vilariño, a capela baixo a advocación de san Bartolomé data do ano 1593 e foi mandada construír polo mercader Juan Lavado e a súa muller Aldonça Franco. En 1798 esta ermida require a nova construción do campanario, polo que se notifica no Libro de contas: “/ ...Doscientos quarenta Rs. Q Percivieron quatro cantteros en hacer nuebamente la espadaña a dicha capilla, y el apunte de Picos, y seis Rs que se debían de vino.../”. Segundo as anotacións existentes foi construído polos canteiros Santiago de Lemos e Domingo de Otero.

O contrato para a construción da bóveda central da igrexa do Hío.

O contrato para a construción da bóveda central da igrexa do Hío. / Familysearch

Destacamos a construción do cemiterio municipal do Hío en 1908, coincidindo coa chegada de numerosos canteiros nesta data procedentes, de novo, de parroquias próximas á cidade de Pontevedra e tamén do veciño Portugal. Optamos por amosar algunhas profesións de varios persoeiros foráneos que se achegaron á nosa parroquia e aquí votaron raíces. Tales profesionais foron:

Manuel Estévez, zapateiro natural de San Salvador de Arnoia (Ourense), quen casou con Josefa Novas Menduíña en 1873. José Sorey de Santa María de Mourente casou en 1890 con María Dorinda Calvo Pastoriza. Avelino Solla Sobral, Manuel Dios Tato, José Dios Sobral e Juan Morgade Outón, canteiros de San Martiño de Berducido fíxérono con Carmen Menduíña, Isolina Prieto Gago, Silveria Martínez e Adelina Portas Franco respectivamente. O canteiro de Xeve Eulogio Villaverde contrae matrimonio con Josefa Costas Vaqueiro en 1895.

Os serradores de Leiría (Portugal) José Joaquín Joao Mendes e Custodio Gregorio Vicenza casaron en 1902 con Carmen Vaqueiro Gutiérrez e Josefa Gutiérrez Menduíña de Pinténs. Algúns canteiros portugueses de Ponte de Lima e doutros lugares foron: Albino Alves Matos, Daniel Antonio Fernandes, José Juan Saco Rodríguez, Domingo Mendoça de Jesús (de San Xiao de Moreira) e Antonio Tomás Carbalho ( de Pena) emparentaron con Josefa Iglesias Herbello, Carmen Iglesias Herbello, Juana Rosa Otero Costas, Carmen Acuña Piñeiro e Carmen Otero García en 1910, 1912, 1913,1915 e 1930.

As mozas de Nerga: Sara Paz Blanco e Amable Portela Otero casaron cos canteiros José Andrade de Moreira de Santa María de Mourente e con Prudencio Abalde Conde de San Andrés de Comesaña en 1926 e 1928.

Outros profesionais que emparentaron no Hío foron: José Fernández Gómez ferreiro en Donón que casou con Benita Engracia Malvido Vaqueiro, José Lores con Consuelo Pastoriza, José Meneses Silva con Josefa Coya Gago, o forneiro Antonio Carral Cacharrón natural de San Pedro de Pígara (Lugo) con Lina Piñeiro Martínez ou Alfredo Rodríguez Lima, zapateiro, natural de Santa Leocadia en Viana do Castelo que desposou con Sofía González Ríos de Liméns.

Anxo Coya

Anxo Coya

*Veciño do Hío

Suscríbete para seguir leyendo