Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Daniel Chapela Coordinador de Cultura da executiva do PP de Galicia

Daniel Chapela, o novo brazo de Alfonso Rueda en Bueu: “Vou dar todo de min pola nosa cultura e lingua”

Daniel Chapela, á dereita, xunto a Alfonso Rueda, Elena Estévez e militantes do PP de Bueu.

O veciño de Bueu Daniel Chapela é o novo coordinador de Cultura da recén estreada executiva do PP de Galicia. Ten só 22 anos e estudante de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago (USC), onde forma parte do claustro en representación do estudantado.

–Que significa para vostede que o presidente do PP e da Xunta de Galicia se fixe en vostede para integralo na executiva como coordinador da área de Cultura do PPdeG?

–É, en primeiro lugar, unha honra que o presidente Alfonso Rueda coñeza o meu traballo até o de agora e considere que este me fai merecedor de ser o novo coordinador de Cultura do PPdeG. Só teño palabras de agradecemento para o novo presidente do PPdeG, para as persoas de Cultura da Xunta de Galicia e do PP autonómico–en especial para o conselleiro Román Rodríguez e para o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez–, para Elena Estévez e para os compañeiros do PP de Bueu, por confiar en min e brindarme coa súa confianza e apoio para desenvolver este posto.

–Cando se puxo en contacto con vostede e que razóns lle deu para fixarse en vostede?

–Coido que a atención e a confianza viñeron de moitos factores, como o de levar varios anos comprometido coa lingua e a cultura galega, co feito de traballar sempre en diferentes proxectos culturais, o recoñecemento con premios como o Premio Follas Novas ao proxecto literario na rede que recibimos desde O Arquivo das Trasnas, o meu papel como membro do Claustro da USC e doutros órganos como representante do estudantado. Sorprendeume enormemente que coñecesen e valorasen o meu traballo, mais son consciente do papel de Román Rodríguez, Valentín García Gómez e Elena Estévez nese nomeamento.

Daniel Chapela na entrega do Premio Follas Novas do Libro Galego na categoría de proxecto literario en rede. O premio foi por "O Arquivo das Trasnas", un proxecto conxunto con Sara Piñeiro (á esquerda) e Bea Pedreira. Na esquerda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentin García Gómez.. Cedida

–Cales son as prioridades ou a misión que lle encomendou Alfonso Rueda?

–Actualmente teño o encargo moi recente e aínda se debe celebrar a primeira reunión da nova executiva. A partir dese momento, a miña misión é dar todo de min pola cultura e a lingua galega como sempre fixen.

–Onde cre vostede que habería que centrar esforzos?

–Vaime permitir que diga que os esforzos pola miña parte van ir cara a todos os sectores que compoñen a nosa cultura e a nosa lingua. Desde a danza e o teatro, pasando pola literatura, a música, o cine.... Todos son igual de importantes e mereceran toda a miña atención.

–Que cre que pode achegar vostede a través do seu traballo?

–Creo que podo achegar ideas novas, esforzo diario e ilusión, co obxectivo de seguir avanzando con rumbo firme respecto do traballo que se fixo até o de agora co anterior equipo dirixido por Egerique Mosquera e de referentes como o conselleiro de Cultura, o secretario xeral de Cultura e o secretario xeral de Política Lingüística cos que agardo traballar intensamente e man a man.

–O seu perfil destaca pola súa xuventude: 22 anos, é estudante de Filoloxía Galega e a pesar da súa xuventude desde hai anos caracterizouse por un intenso activismo no eido cultural. Como valora a aposta do partido pola xente moza para formar parte da súa vida orgánica e executiva?

–O PP é un espazo que, se por algo se caracteriza, é por apostar por persoas mozas para mellorar a sociedade galega e para sumar ao partido na súa vida diaria. Hai exemplos enormemente claros, como o de Jorge Cubela, que no 2011 se converteu no alcalde máis mozo de España, capitaneou un proxecto de fusión de municipios como case nunca antes se fixera e hoxe é tamén voceiro na Deputación de Pontevedra. Ou o do meu compañeiro de Lalín, Avelino Souto, que foi elixido coordinador de Medio Rural no anterior congreso e que hoxe repite. Coido que agora mesmo toca esforzarse e traballar arreo para seguir a demostrar, precisamente, a importancia da xente moza e corresponder a confianza que depositan en nós.

Daniel Chapela na época na que se encargou da reapertura da Axencia de Lectura de Meiro, a súa aldea. GONZALO NUNEZ

–Cre que os partidos políticos lle dan a importancia necesaria a cultura, que ao fin e ao cabo tamén constitúe unha industria e fonte de riqueza?

–A cultura, como todas as áreas, sempre require de máis atención, mais creo que actualmente se está a facer unha aposta decidida por ela. Proba diso son proxectos punteiros e innovadores, como o “Proxecto Nós” financiado pola Xunta de Galicia e creado pola USC para que todas as persoas galegas teñan as tecnoloxías e o mundo dixital en galego. Ou, se nos imos máis á nosa zona, co investimento que vai realizar a Consellería de Cultura no Museo Massó e na futura sala arqueolóxica do “Bueu Romano”.

A cultura galega ten un potencial enorme pola súa grandísima calidade e anticipación –a poética dos 90, por exemplo, foi pioneira na reivindicación da muller– e porque como demostran os premios nacionais recibidos por Olga Novo, Alba Cid, Ledicia Costas... temos un forte recoñecemento, tanto dentro como fóra de Galicia. Observámolo tamén co recoñecemento que colleitaron as Tanxugueiras, o talento da nosa música tradicional e cos novos grupos que empregan o galego, o traballo dunha artesá que recupera a tradición como Elena Ferro –recoñecida en toda España e en parte do globo polos seus zocos–. Incluso observamos como a nosa comarca acolle un fortísimo talento con numerosas figuras premiadas e recoñecidas tanto no Morrazo como no resto de Galicia. Ademais, precisamente, falamos dun sector económico chave para Galicia, que supoñía antes da pandemia un 3% do PIB de Galicia e que precisa sempre da coordinación apoio , con iniciativas como o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo.

Daniel Chapela posa no congreso do PP xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e Elena Estévez. Cedida

–Se tivese que facer un diagnóstico do estado de saúde da cultura galega, cales serían as principais conclusións?

–A grandes trazos, coido que a cultura galega vive unha etapa boa grazas aos avances feitos desde a constitución da autonomía galega. O labor realizado no desenvolvemento do marco normativo, como a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, foron fundamentais para contribuír a esa vizosidade da nosa cultura. Coido que vivimos ademais tempos de grande interese, cunha eclosión desde hai uns anos de proxectos, como a gran cantidade de editoriais que arrequentan a nosa cultura. Tamén estamos nun momento no que se está a aumentar o orgullo do pobo galego respecto da nosa cultura, con fenómenos como o das Tanxugueiras, “O que arde”, ou a exportación de literatura de autores como o recentemente falecido Domingo Villar. Con todo, temos que seguir traballando para consolidar a cultura galega con novas propostas e formatos.

–Para rematar, como ve o papel e situación da cultura no “seu” Bueu?

Coido que a cultura en Bueu ten unha situación relativamente sa, froito do magnífico traballo e esforzo do tecido asociativo e empresarial, que lle bota horas, ideas e ilusión para facer que toda a veciñanza poidamos contar coa mellor oferta posible. Porén, creo que Bueu necesita un goberno que confíe máis no potencial e talento de Bueu para seguir incentivando o papel da cultura e da lingua galega na nosa vila.

Compartir el artículo

stats