Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esperanza e Carmen: irmáns, centenarias e tataravoas

Á esquerda, Esperanza Gutiérrez con Valentina e o resto da saga familiar. Á dereita, Carmen, xunto a súa tataraneta Sofía, e a súa familia. J.M. Paredes / Cedida

Esperanza e Carmen son dúas irmáns da parroquia do Hío e ambas teñen varias cousas máis en común. A primeira é que xa superan o século de vida. Esperanza cumpre nada menos que 105 Noiteboas, mentras que Carmen xa cumpriu os 103 anos. Un peculiar caso de lonxevidade na mesma familia. Unha familia na que coinciden os seus fillos, netos, bisnetos e agora ata senllas tataranetas. As últimas en chegar a esta extensa saga familiar da parroquia canguesa son Valentina e Sofía, ambas nadas con poucos meses de diferencia

A Valentina Paredes Piñeiro e a Sofía Lorenzo Santomé, pola quinta xeración en vida

Di o refrán: “Bisneto serás, a tataravó non chegarás”. Vai ser que nesta ocasión non se cumpre o dito, e faino por partida dobre. Felicitamos a Esperanza (105 anos) e a súa irmán Carmen (103 anos) pola longa vida acadada, pois as dúas son centenarias, e tamén por darlle as costas a este dito. Parece pois que se puxeron de acordo en negar tal cousa. Neste ano de 2021, conseguiron ser tataravoas. Ámbalas dúas centenarias naceron cando a pandemia da gripe de 1918 amosaba o seu lado máis escuro, e ámbalas dúas tataranetas naceron coa pandemia do Covid-19 que tan forte nos está a golpear social e animicamente.

Fai uns meses, en distinta data, naceron Valentina e Sofía. Non é unha novidade que se dea publicidade ao nacemento de dúas cativas se non fose porque, como dicíamos, Valentina vén sendo a quinta xeración en vida do tronco familiar de Esperanza Gutiérrez e Sofía descendente co mesmo grao de tataraneta de Carmen. Ademais disto merece especial atención que Esperanza, hoxe 24 de decembro, cumpre 105 anos, feito pouco común chegar a esta idade, que ás veces acontece moi de cando en cando. Aínda son moi cativas mais algún día terán coñecemento desta noticia, pois no futuro será máis difícil acadar este “título” de tataravoas.

Ademais da pandemia gripal do 1918, sufriron a Guerra Civil e o período famento e miserable da posguerra. Xusto despois chegou a Segunda Guerra Mundial que seguiu dificultando as cousas. Empeorando aínda máis cun longo tempo de ditadura no noso país.

Mulleres duras que traballaron de sol a sol labrando nos campos, lavando a roupa a man nos ríos e fontes de auga fría, atando aparellos, indo á feira descalzas, coidando dos fillos e tamén dos familiares maiores e outras moitas penurias que se lle presentaron na vida.

Mulleres, polo demais, que merecen algo máis que unha desinteresada crónica nun xornal. Mulleres que deberían ser galardoadas cando menos cun aplauso unánime por todo o que levan loitado nesta vida.

A nosa humilde felicitación. Moitos parabéns polo 105 aniversario de Esperanza. E moitos parabéns a Carmen. Tamén a Valentina e a Sofía. Desexamos que loiten e que acaden unha longa vida. Quitámonos o sombreiro, vaia por diante, a admiración dos veciños/as.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats