Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Algo pouco común, un dobre caso centenario

A veciña de Pinténs Esperanza Gutiérrez cumpriu en Noiteboa 104 anos e ten unha irmá que xa conta con 102

A veciña centenaria de Pinténs, Esperanza Gutiérrez, que acaba de cumprir 104 anos. | // A.COYA

“Ninguén, en realidade, se considera tan vello que non pense que pode vivir un ano máis.” Cicerón, sobre a vellez 7,24.

É unha obriga e tamén unha necesidade reparar e recapacitar na vida actual que levamos e na que pasaron os nosos devanceiros. Para elo, nesta pequena crónica queremos honrar a dúas persoas, Carmen e Esperanza Gutiérrez Gutiérrez, naturais de Donón (O Hío, Cangas), irmáns centenarias desta parroquia, algo extraordinario e pouco común.

Carmen conta con 102 anos e Esperanza cumpriu esta Noiteboa os 104 , pois naceu o 24 de decembro de 1916. O ano pasado demos conta desta nova nun artigo titulado “As 103 noiteboas de Esperanza Gutiérrez” (Faro de Vigo, ed. do Morrazo 24/12/2019) polo que nesta pequena crónica afondamos na súa vida. Esperanza, aínda que nacida en Donón, con poucos anos trasladouse á aldea de Pinténs, porfillada polos seus padriños, Ramón e Esperanza, que non tiñan descendencia. Con tan só 2 anos de vida, tocáronlle tempos duros, a pandemia da gripe que comezou en 1918 e rematou en 1920. De seguido, en 1921 principia a segunda guerra contra Marrocos. Cando Esperanza contaba con 19 anos, comeza a Guerra Civil en 1936, e seu mozo, Juan Portas Alonso, debe ingresar á filas e loitar en Teruel. Pouco despois de rematar a guerra no 1939 Juan e Esperanza casan na igrexa parroquial do Hío.

Eran tempos de pobreza, de miseria e de abusos. Na posguerra incrementouse a penuria pois lémbrase entre os maiores do Hío o “41” como “o ano da fame”. A Segunda Guerra Mundial (1939-1945) non foi amiga de mellorar a calidade de vida.

Unha orla conmerativa desta muller centenaria. | // A. COYA

Esperanza recorda non ter que escoller en roupa e calzado. Lémbrase ir ás feiras de Bueu e de Moaña, iso si, andando. Traballou na aldea de Pinténs na fábrica de conservas de Ameixide. Con que tipo de contrato? E a cotización? E en condicións moi precarias. Despois de rematar a xornada laboral, acudíase ás tarefas de labranza, pois no tempo da uva ían vendimar, no de semente a labrar no campo, a mallar ou ao monte a buscar estrume, leña, etc. Pasou frío, tomou molladuras, viviu o paso de varias guerras e hoxe, un pode comprobar que aínda ten un sorriso na súa faciana. Dá gosto ver a señora Esperanza acompañada dos seus bisnetos: Enma, Alba, Lucía,Rubén, Noelia, Dani, Eva, Hugo e David. Sobran as verbas, pois como engade ela “traballei moito, moito e moi duro filliño, pero aquel tempo que non volva”.

Aínda ten vontade e valor para botar algunha cantiga coas súas bisnetas Eva e Alba que ao son da pandeireta fan resoar coa dozura das súas voces: “Miña nai é miña amigha/ cando coçe faime un bolo/ cando se enfada conmigho, dame coa pá do forno. Sabe Dios de hoxe nun ano/ donde estará o meu corpo/ si aquí ou noutro lado/ ou na sepultura morto. Este cantar era un bolo/ este cantar bolo era/ que mo trouxeron as moças/ da feira de Redondela. O cura máis a criada/ foron sementar feixóns/ toparon a veigha dura/ votáronse aos boleóns.

Os fillos de Esperanza, Ramón e Juan, de xeito alterno coidan dela con esmero e agarimo. Non toma medicación e le o xornal sen os lentes e en voz alta. O vaso de viño á comida é sagrado, quen sabe se cómplice da súa lonxevidade.

A verdade é que ás veces queixámonos por cousas mínimas. Este é un pequeno recoñecemento a dúas irmáns centenarias: Carmen e Esperanza. Dende o pasado 24 de decembro conta con 104 noiteboas. Moitos parabéns.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats