Estampas do Hío: unha ollada ao pasado (II)

Un veciño do Igrexario co carro de vacas cargado con madeira diante do Cruceiro, no ano 1960. / atopo.gal
Anxo Coya*
Aos membros da Asociación Cultural “A Cepa”.
No Igrexario:
O Cruceiro do Hío aparece en numerosas fotografías antigas: eliximos unha de Damián Arbulo do ano 1909. Nela, afírmase que é obra do Mestre Cerviño. Damos por feito que se refire ao citado escultor Ignacio Cerviño, pois no 1872, ano no que se ergueu o Cruceiro, bautizou a súa filla María Carmen de los Remedios na igrexa parroquial do Hío, verificado polo feito de que existen outros tres documentos que acreditan a súa estadía nesta parroquia entre os anos 1869 e 1872, coincidindo así coa labra deste fermoso Cruceiro.

Unha imaxe do Cruceiro do Hío en 1909. / Damián Arbulo
Trala consulta do Arquivo Pacheco non podemos pasar por alto ao citado Cruceiro. Así que amosamos a existencia dun desaparecido panteón que pertenceu ao párroco Juan Manuel Míguez Alonso, quen mandou construír a bóveda central da igrexa parroquial do Hío en 1852 ao mestre de obras Antonio Cerviño, pai do excelso escultor Ignacio Cerviño, que vinte anos despois erguería o famoso Cruceiro do Hío por orden e mandato do mesmo párroco.

O Igrexario, co Cruceiro do Hío e á dereita o panteón, xa desaparecido, do crego Juan Manuel Míguez, R.A.I.G. 1935 / Foto Pacheco
De non desaparecer do seu carón o panteón do crego, obra do mesmo “Mestre Cerviño”, hoxe sen lugar a dúbidas, o conxunto monumental aumentaría o seu valor. Tan só se conservan dúas figuras deste mausoleo, A Fe e un fermoso Calvario que se atopan na inmediata Casa Reitoral do Hío. Tamén observamos a antiga situación do esmoleiro, xusto no eixo entre o Cruceiro e a porta principal da igrexa parroquial. O esmoleiro e o dito panteón tamén son atribuídos á habelencia de Ignacio Cerviño.

Fonte da casa reitoral do Hío, en 1911. / Vida Gallega
Próxima ao ano 1960 mostramos outra fermosa imaxe onde aparece o Cruceiro do Hío. Nela observamos como un veciño do Hío pousa a carón das vacas xunguidas ao carro cargado de madeira.
No ano 1911, Jaime Solá, xunto con outros camaradas, coa pretensión de investigar o denominado “Forno da Tella” deixou varias imaxes da aldea do Igrexario. Nos eliximos a que representa a preciosa fonte, construída no 1677, da Casa Reitoral do Hío. É curiosa a estampa e non deixa de selo o feito de que os rapaces que se atopan descalzos están a un lado e os nenos calzados están na outra beira. Tamén destacamos a viña de parra que se atopaba no lugar.

A Lontreira. Atando redes na praia de Vilariño no ano 1925. | // FOTO PACHECO / Anxo Coya*
En Vilariño:
A aldea de Vilariño e a súa praia foron escenario na prensa antiga en distintas ocasións da súa beleza. Tal vez a situación desta aldea deu pé a que sexa unha das máis fotografadas no que en décadas atrás se refire. As fotografías que recompilamos da revista “Vida Gallega” son excelentes e reflicten o amor que os autores dalgunhas delas, Damián Arbulo e Jaime Solá, director da revista, sentían polo noso patrimonio.

A aldea de Vilariño en 1909. | // VIDA GALLEGA / Anxo Coya*
No ano 1909 inmortalizouse unha estampa de Vilariño e nela observamos dous hórreos que aínda existen na actualidade. Tamén damos conta das embarcacións da época e dunha praia que semellaba estar moito máis empinada ca na actualidade, sen lugar a dúbidas pola bravura do mar e polos asiduos temporais do noroeste que zorregaban na Ría de Aldán. O mesmo fixo Jaime Pacheco noutra imaxe de Vilariño e seu areal coas atadeiras, incansables compañeiras das tarefas mariñeiras, reparando ou confeccionando as artes de pesca, cun pano de fondo estupendo como son dous hórreos á beira do mar que hoxe seguen no mesmo lugar da Lontreira.

Mariñeiros na praia de Vilariño, 1941. | // GALICIA:O OFICIO DE VIVIR / Anxo Coya*
Unha terceira imaxe de Vilariño recollida do libro “Galicia: O oficio de vivir”, de Gonzalo Allegue, amósanos que nas xentes do Hío existía unha grande tradición mariñeira. A data aproximada desta imaxe xira arredor do ano 1941.
Rematamos esta pequena recompilación agardando que fose do agrado, pois como se acostuma dicir: “Unha imaxe vale máis que mil palabras”.
*Veciño do Hío

Anxo Coya
Suscríbete para seguir leyendo
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- Aparece abandonado un coche en A Fraga, en Moaña, con los airbags disparados y con vertido de aceite
- El gobierno cangués programa un cambio estructural en la cúpula de la Policía Local
- Adega denuncia la tala en la isla de Ons de plantas protegidas y en peligro de extinción durante los trabajos de la Xunta
- La Mancomunidad de O Morrazo refuerza la inspección de los composteros domésticos con 157 visitas a hogares