Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Relatos de Luís Chapela sobre a memoria de Berducedo

Luís Chapela, onte, cun exemplar do seu novo libro de relatos. | GONZALO NÚÑEZ

Os anos 60 na aldea moañesa de Berducedo eran un mundo por descubrir cada día para os nenos. Alí, no lugar da Peroxa, naceu o escritor moañés Luís Chapela Bermúdez, que este venres presenta o seu novo libro “Peroxo, un rapaz da aldea”, no que percorre, a través de relatos curtos, precisamente a memoria de tantos veciños de Berducedo que medraron na segunda metade do século pasado.

O libro, vistosamente ilustrado por Evaristo Pereira e prologado por Dani Costas busca “que os rapaces pequenos poidan pintar os debuxos e os maiores recoñezan estas vivencias de hai anos”. As festas de Meira, ou a chegada do “augardenteiro” son algunhas das lembranzas que dan forma aos relatos. Chapela percorre tamén as historias de medo que lle contaban de neno e trae á actualidade a personaxes característicos da aldea coma Manolito “O Coxo”.

Tamén dan forma ao libro algunhas falcatruadas en eventos sociais coma unha voda, protagonizadas polo propio Chapela ou por amizades da súa infancia.

“Peroxo, un rapaz da aldea” é o segundo libro de relatos de Luís Chapela tras o publicado no 2017 e titulado “Á calor da lareira”, que “se vendeu moi ben, a verdade”, confesa o propio autor. A súa produción literaria está marcada tamén polas súas investigacións sobre a memoria histórica e, sobre todo, por libros de poesía como “Sementeira de orballo”, “Sendeiros” e “Fendas”.

Con esta obra, agora, o pasado de Berducedo quedará fixado negro sobre branco para transmitirlle o xeito de vida dos seus pais e avós.

A presentación do libro será este venres, 29 de outubro, ás 19.00 horas no salón de plenos do Concello de Moaña. Intervirán o propio autor, ademais de Dani Costas, Evaristo Pereira e Héitor Mera, que se encargou das correccións da obra. O evento contará con música de arpa a cargo de Paulino da Seara.

Dende o propio venres os exemplares poderán mercarse en librerías como Nobel de Moaña, Miranda de Bueu ou Vilafer e Maraxe de Cangas.

Compartir el artículo

stats