Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De escribáns e notarios en Cangas (I)

Marcas e signos notariais dos séculos XVI ao XX.

Este oficio xa se remonta ao escriba exipcio e logo gregos e romanos perfeccionaron o seu rol como elemento primordial na economía de mercado. A Universidade de Boloña en Italia foi no século XII o berce do notariado profesional cuxas normas foron difundidas na “Summa artis notariae”. O “Fuero General de Xaca” e o “Fuero Real” de Castela de 1255 son os precedentes en España ao lle dar ao documento carimbado polo notario a máxima validez. Nas partidas de Alfonso X El Sabio xa se considera como función pública, regulándose mediante bases que se mantiveron ata 1862.

A Lei Orgánica do Notariado promulgada en 1862 (Gaceta de Madrid. 29 de maio) polo Ministro de Gracia y Justicia Santiago Fernández Negrete, baixo o reinado de Isabel II, veu supor un auténtico fito en canto ao estatus notarial en España ata ese momento, mais na América Latina aínda perdura hoxendía esta profesión co nome de escribáns. Aínda que centralista, esta Lei foi considerada moi innovadora, pois viña ordenar a unificación dos notarios nunha soa clase, o seu nomeamento real, a separación da fe pública xudicial da extraxudicial, a reversión ao Estado dos protocolos e dos oficios alleados e o uso de papel timbrado, suprimindo a venalidade (herdanza) que se daba no cargo.

O notario Manuel Martínez González, autor de “A lúa de Cangas”.

O notario Manuel Martínez González, autor de “A lúa de Cangas”. Xerardo Dasairas

Esta Lei suporía tamén a mudanza no nome da profesión que elimina a designación de escribáns, pasando a denominarse exclusivamente notarios, aínda que esta designación (notario público) tamén tiña referentes antigos nalgunhas zonas. A nova denominación deste oficio como notario tenta, asemade, reafirmar esta figura e desfacerse do término escribán xa moi degradado pola diversidade e corrupción que viña rodeando as prácticas destes servidores públicos. Ata esta data, en todas as partes do reino, coexistían escribáns reais, concelliles, señoriais como os dos Andrade e de número, xa nun tempo en que por decisión real quedaba limitado, segundo a demografía da vila ou cidade, os que podían exercer. Contodo, as corruptelas,connivencias e degradación do oficio, incluso se podía herdar e non exercer directamente senón poñendo no cargo a un tenente de escribán, chegou a tal evidencia que incluso Pérez Galdós difundiu esta caricaturesca imaxe deles: “... Desde Quevedo acá, se ha tenido por corriente que los escribanos sean rapaces, taimados, venales y, por añadidura, feos como demonios, zanquilargos, flacos, largos de nariz y de uñas, sucios y mal educados…”. Porén, os galegos, sempre resignados ante o sino negativo vital, apenas optaron por deixar esta imaxe deles na copla popular: “De escribáns e notarios e daqueles máis altiños, están cheos os infernos como hai pedras nos camiños”.

Nun principio, quen se encargaban de elaborar e darlle validez aos documentos eran os frades, os párrocos e incluso os sancristáns, todos con acceso á lectura e escritura. As xurisdicións señoriais e eclesiásticas contaban cos seus notarios de confianza e con función notarial en portos e poboacións de certa entidade tamén actuarían os xustizas, os chamados “homes bos” entre os que se designaba un “fiel de fechos” e os rexidores e pedáneos. Nun documento testamentario de 1318 alusivo a Coiro xa aparece dando fe testamentaria Domingo Pérez, identificándose como “notario de Morraço”. En documentos posteriores de 1319 e 1329 son notarios xurados de Pontevedra os que asinan e en testamento de 1336 fanno os notarios de Morraço, Gonzalvo Esteves e Ruy Gonçales. Ata o establecemento do porto de Cangas seguen sendo notarios pontevedreses os encargados dos asuntos protocolarios pero en 1454 xa atopamos un destes, asinado por Estevo Gonçalves, que era notario do Morraço nomeado polo arcebispo de Santiago e que figura en varios documentos posteriores.

Relación de notarios e escribáns en Cangas desde 1568.

Relación de notarios e escribáns en Cangas desde 1568. Xerardo Dasairas

Este dato é importante pois ven sinalar xa o control que a Mitra santiaguesa pretendía exercer sobre o porto que estaba baixo xurisdición dos Soutomaior. En maio de 1468, quen asina en Cangas unha restitución dunha propiedade incautada, é o escribán real Andrés Fernándes de Vilaster e en xullo de 1493 vai ser o notario público Bernardus Careta quen asine outro documento de restitución de bens. Noutro documento de reclamación feito en Cangas, recóllese tamén unha demanda feita a través dun escribán e notario público do rei, figura que vai a aparecer en documentos posteriores. Neste caso, acaecido na zona do Hío, hai que entender que nestas datas, aínda que o curato era de presentación señorial, o territorio parroquial era de xurisdición real, sendo Aldán dos condes, Coiro dos Mondragón e Darbo, o seu castelo (xa derruido) e o porto de Cangas estaban baixo o señorío do arcebispado.

Tamén hai que suliñar que xa desde estas datas o oficio de escribán ou notario era incompatible con outros cargos públicos e o seu traballo consistía en elaborar testamentos, cartas de aforamento, compravendas, reclamacións... ata que Cangas, ao medrar como porto e vila xa conta cun notario pois ás encomendas anteriores tiña que engadir agora as dos fletes de peixe e os contratos e convenios que esixían as compañías dos cercos, o reparto da sua pesca, os quiñóns de rede, as zonas de pesca...

Un dos primeiros escribáns ou notarios oficiais do porto e vila de Cangas, desde antes de 1568, foi Gabriel de Nogueira que ao facerse exportador e arrendador do décimo do mar e alcabalas (impostos) deixaría o cargo en mans do seu irmán Francisco Nogueira, recuperándoo logo en 1602. Outros escribáns que tamén alternan esta función coa de arrendadores e comerciantes foron Juan Lavado Franco, Juan de Oitavén, Gabriel Fandiño, escribán real con capela na colexiata, o seu neto Gregorio Fandiño Valladares, escribán dos condes de Maceda no Morrazo ou Juan da Veiga (logo de Vega), escribán de ayuntamiento a quen os turcos lle queimaron todos os rexistros oficiais e o levaron a Arxel onde morreu en cautividade. O 15 de xuño de 1618 asinaría alí un testamento que fixo chegar a Cangas no que figuran moitas testemuñas da vila, así como un particular relatorio do asalto dos turcos.

Sinaturas de varios noatrios de Cangas.

Ao escribán Jerónimo Núñez tocaríalle recoller as testemuñas daquel asalto a Cangas en 1617 e neste sentido, desde que se exhumou a finais do século XIX o documento por el asinado, podemos considerar a este notario, ao menos desde o punto de vista dos investigadores, como un dos máis coñecidos da historia da vila. Nesta aciaga data tamén exercían en Cangas os escribáns Alonso de Roade, Juan de Oitavén, Juan Gonzalo de Soto e Gabriel Fandiño Nogueira, tendo residencia aquí Álvaro Pérez e Juan da Veiga. Non é moi propio da función notarial o alcanzar a notoriedade histórica, salvo por acontecementos de gran relevancia ou trascendencia do que son partícipes pola sua función protocolaria e na maioría dos que exerceron e exercen, predominaría a función críptica e silandeira inherente ao seu traballo. Contodo e a pesar da exclusividade do cargo que se lles supuña, atopamos a escribáns compartindo os cargos de rexedor e incluso de ministro do Santo Oficio como Juan Fernández Rodríguez.

Un escribán que deixaría a sua impronta en Cangas foi Diego Ramírez Montejano de orixe nobiliaria conquense, que señoreou a casa do Telleiro en Coiro, foi rexidor de Cangas e edificou en 1705 a capela chamada de San Cosme. A mediados do século XVIII Cangas contaba tamén co escribán real Joseph Benito Bermúdez de Castro, tamén rexidor perpetuo, sendo que Melchor Antonio Blanco de Pastoriza, residente no couto de Bon e Vilar, exercía como de número e ayuntamiento, labor na que estaba acompañado de Joseph Ignacio de Porto. Estes escribáns, moi ben remunerados, alternábanse anualmente no seu labor e o seu nomeamento recaía directamente no arcebispo de Santiago.

Tamén existía a chamada Escribanía de Millones del Partido exercida por Benito de la Rúa de Bueu e logo polo seu fillo Joseph deixando a cargo dela a Sebastián de Sistro. Esta escribanía saía a subhasta cada ano e era unha oficina recadatoria do Rei sobre o consumo de seis especies: viño, vinagre, aceite, carne, xabón e candeas de sebo, produtos moi consumidos en celebracións, festas e romarías. Dalgúns destes escribáns ou notarios cabería destacar a sua raigaña nesta terra pois algúns como Pérez Montoto, Bermúdez de Castro ou Dos Santos Reygossa, escribán real residente en Coiro, botarían aquí máis de cincuenta anos no exercicio da sua profesión. Porén, o escribán do arcebispo Benito Antonio García Guardado vai manter tirapuxas nobiliarias co seu homólogo J. M. Bermúdez de Castro y Aldao e con Joseph Sequeiros que pedían o seu cesamento. Na súa requisitoria alegaban estes que non lle correspondía o oficio de escribán pola sua falta de alcurnia, negándolle o título de don.

Houbo notarios que destacaron tamén por unha actividade paralela ao seu oficio como Manuel Martínez González, xenro do médico Leonardo Arnaud, que foi poeta loureado e que publicou en 1882 un libro de poemas en galego no que se incluía “A lúa de Cangas” que posteriormente foi musicado e estreado na Habana en 1911. E tamén melómano e consumado violinista era o notario Julio Alonso Sánchez que chegaría a Cangas en decembro de 1893 onde constituiu ademais, unha sociedade de xestión en 1900 e entre 1906 e 1915 estableceu unha Caixa de Aforros para que os veciños non tivesen que recorrer aos altos intereses dos prestamistas locais. Julio Alonso faleceu en Cangas prematuramente en xaneiro de 1916 e deixaría vacante a praza que sería ocupada por Carlos Valle Peña.

Xerardo Dasairas

*Investigador e historiador

Compartir el artículo

stats