Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A proclamación da II República en Moaña

Entrega do bastón de mando a Ernesto Carballo como novo alcalde no ano 1924. | //FOTO PACHECO/ARQUIVO A.C.NÓS

Días despois da chegada da ditadura de Primo de Rivera, o 29 de setembro de 1923 clausúranse as Sociedades Agrícolas de Moaña, Meira e Domaio así como Defensa Marinera de Domaio e Alianza Marinera de Moaña e antes de cumprirse os tres meses un capitán de artillería destitúe a Corporación mandando prender a tres concelleiros, entre eles a José Romero Piñeiro. Son nomeados novos corporativos e estes elixen ao conserveiro e propietario da Fábrica do Con Ernesto Carballo García como alcalde. Durante o seu mandato celebráronse grandes eventos como a homenaxe a Méndez Núñez (polo centenario do seu nacemento) outro a Concepción Arenal e incluso a visita do mismísimo Miguel Primo de Rivera. Inaugura o alumeado público e o servizo telefónico, tamén cambia a feira de Abelendo para a Xunqueira o que provocou un gran conflito tendo que voltar a instalala de novo en Abelendo. Multaba con frecuencia aos veciños e creou un somatén. Nos seus discursos e actos públicos arengaba en nome de Unión Patriótica (partido único) mostrando unha postura moi conservadora. Pecha a escola de Tirán e di que é imposible absolutamente atopar unha casa onde instalala. Dous anos despois foi destituído entre fortes controversias.

A ditadura caracterizouse pola represión da maioría dos grupos sociais, o sindicato La Alianza Marinera, Pescadores de Moaña y sus contornos, que fora fundada en febreiro de 1919 e nos anos vinte integrárase na UGT tendo como líder a José Romero Piñeiro (de influenza republicana) e despois da súa clausura, a súa actividade foi perdendo influenza sendo refundada co nome de Sociedad de Marineros del Puerto de Moaña y contornos Solidaridad Marinera o 26 de xaneiro de 1930 e con carácter autónomo, sendo nomeado presidente José Romero de novo.

Aínda non pasara un mes e tanto o presidente como Balbino Costas, vicepresidente, son despedidos iniciándose un forte conflito social.

En maio de 1930 constituíuse a Unión de Armadores Comerciantes y Patronos de Moaña, apoiada polo alcalde Ernesto Carballo, e que estivo en permanente conflito cos mariñeiros polo descanso dominical, as bases do traballo ou as pólizas de seguro

decoration

En maio do mesmo ano constituíuse a Unión de Armadores Comerciantes y Patronos de Moaña que presidiría Jesús Seoane (Botatronos). Un mes antes, en abril fora nomeado alcalde de novo Ernesto Carballo e a primeira medida que tomou foi mandar un telegrama de adhesión á monarquía e ao goberno, que é rexeitado polo edil socialista Adolfo Cordero. Carballo vólcase a favor da Unión de Armadores, estando en constante conflito cos mariñeiros ata o fin do seu mandato. Os principais puntos de desencontro entre Solidaridad e os armadores eran: o descanso dominical, as bases do traballo pesqueiro, as pólizas de seguro e a maquiniña.

Outro tema conflitivo na vila era o abandono das escolas. En outubro, hai una epidemia de xarampón e tifus cunha grande mortalidade infantil que os mestres achacaban ao alcalde polo mal estado das escolas, das fontes e dos lavadoiros e o alcalde culpaba aos mestres por non ensinar aos pais coñecementos sobre alimentación e crianza dos fillos. A Inspección pecha a escola de nenos e nenas número 1, o grupo de Tirán recén construído comeza a destartalase e con Carballo que xa tivera conflitos nas escolas no seu mandato anterior, agrávase a situación.

O ano 1931 comeza cunha situación social moi tensa, producíndose varias detencións de mariñeiros e os dous líderes máis descatados a favor da República, José Romero e o mestre José Corbacho Pajares, son multados por manifestación ilegal. A primeiros de xaneiro celébrase unha asemblea de armadores das rías de Vigo e Pontevedra coa intención de constituír unha Confederación Patronal que vai ter sede na vila.

José Romero Piñeiro, elexido como alcalde de Moaña o 19 de abril de 1931 tras proclamarse a II República | //ARQUIVO A.C.NÓS

Uns días despois son detidos cinco mariñeiros sospeitosos de danos nunha rede de pesca propiedade dun armador local e son trasladados a Pontevedra onde o xuíz instrutor a petición do representante de Bugallal na provincia, inhíbese a favor da xurisdición militar de mariña. Estiveron detidos vintesete días e logo devoltos á xurisdición civil e postos en liberdade. Entre os detidos estaba José Paz Pena, que máis tarde sería presidente de Fraternidad Marinera.

En febreiro anúnciase a creación dun “sindicato libre” (Confraternidad Marinera) que ten unha sección chamada Legionarios del Mar formada por 50 homes que din estar dispostos a defender aos mariñeiros custe o que custe, son elementos de orde. Segundo versión de José Romero, trátase dunha banda de pistoleiros que promoven liortas para amedrentar a veciñanza e que logo tomarían parte nos acontecementos do 13 de abril.

Os mariñeiros de Solidaridad Marinera acusan a este “sindicato” de estar manexado polos armadores e din que se prevén conflitos. A través da prensa comenza a notarse a inquietude e en tres periódicos de tendencias distintas chaman a atención do Gobernador con preguntas como “¿Qué ocurre en Moaña?”, “¿Qué pasa en Moaña señor Gobernador?” ou pedíndolle que tome medidas, nun deles chegan a dicir literalmente “mucho nos tememos que nos den un día de luto”.

Pregunta: “¿Quen reclama este luxo de fusiles e baionetas?” Resposta: “Son reclamados polos políticos caducos e as autoridades sen prestixio nin votos, os caciques de 0,15, os homes sen cultura nin conciencia”.

decoration

Ao pouco de constituírse en Madrid o goberno do Almirante Aznar, do que formaba parte Gabino Bugallal, un político natural de Ponteareas partidario do uso da violencia para manter a monarquía, son convocadas as eleccións municipais e todos os sectores sociais se involucran na campaña electoral, celebrándose grandes mitins sobre todo polo sector prorepublicano e o mestre Enrique Vidal de Bustamante é nomeado presidente do Centro Republicano sendo tamén presidente da Asociación de Mestres do Partido de Pontevedra. Nos mitins acusaban ao alcalde e os armadores de ser Bugallalistas.

Varias mulleres foron denunciadas polo gobernador civil por escándalo e provocación á tripulación dunha lancha boicoteada. Son destinados a Moaña 30 gardas civís e un oficial,a petición do presidente da patronal Jesús Seoane.

Isto era considerado como unha humillación para Moaña polos sectores republicanos e dicían que non había sitio onde non se atopase un cos individuos da benemérita, preguntando “¿Quen reclama este luxo de fusiles e baionetas?” para logo contestarse: “Son reclamados polos políticos caducos e as autoridades sen prestixio nin votos, os caciques de 0,15, os homes sen cultura nin conciencia”.

O día 26 de marzo, un acontecemento vai a enconar máis a situación porque durante un enterro que pasaba polo Grupo Escolar uns nenos insultaron a outros, o que ocasionou un enfrontamento entre os participantes no duelo e o mestre José Corbacho que tivo que escapar, sendo ameazado con armas por consideralo provocador dos insultos. Os mestres defendérose dicindo que era frecuente escoitar aos fillos dos mariñeiros a aos dos armadores insultarse mutuamente a pesar de que eles intentaban disuadilos.

Tamén acusan aos asistentes ao enterro de poñer en entredito a conduta profesional e cívica do mestre anunciando que se personarían nunha querella criminal por este asunto. Varias persoas que dicían ser testigos dos feitos contradecían esta versión en carta pública e anunciaron que tamén irían ao xulgado. No tempo que transcorre desde este feito ata as eleccións a tensión é máxima producíndose varias detencións e multas.

As eleccións en Moaña celebráronse sen incidentes e o resultado foi ben claro: dos 16 concelleiros elixidos tan só dous eran monárquicos os 14 restantes eran antidinásticos de distintas tendencias

decoration

Durante a campaña electoral celebráronse 14 actos todos masivos entre eles un gran mitin dos Centros Republicanos de Moaña cunha asistencia de 4.000 almas segundo os organizadores. Todo indicaba que as forzas republicanas estaban en maioría, e a xunta electoral proclama 33 candidatos monárquicos e 20 antidinásticos.

O domingo 12 de abril de 1931, celebráronse as eleccións municipais –non se sabe que houbese incidentes– e o resultado foi ben claro: dos 16 concelleiros elixidos tan só dous eran monárquicos os 14 restantes eran antidinásticos de distintas tendencias. O periódico El Pueblo Gallego, dando conta dos resultados electorais nas distintas vilas, é contundente: “Moaña derrota al cacique”.

Ao día seguinte tiveron lugar os acontecementos que desembocaron no cruel asesinato de Cándida Lago Veiga.

A proclamación da República

En España: O día 15 de abril de 1931 ás 4:00 horas o rei Alfonso XIII, que se involucrara en favor das candidaturas monárquicas, despois de coñecer os resultados electorais e tendo en conta as distintas manifestacións de apio e adhesión á República abandona España vía marítima por Cartaxena con dirección a Francia para logo exiliarse definitivamente en Roma.

O día 14 ás 6:00 da mañá a nova corporación elixida en Eibar izara a bandeira tricolor na fachada do concello proclamando a República, sendo a primeira localidade en facelo e ao longo dese mesmo día sería proclamada en distintos concellos das principais capitales.

Unha das primeiras medidas tomadas polo presidente do Goberno Provisional da República foi a disolución dos somaténs, que foran creados pola ditadura.

O novo Gobernador Civil de Pontevedra, Vicente Varela Radio, envía o día 20 de abril un telegrama aos alcaldes explicando o decreto sobre a disolución dos somaténs e a recollida de armas de propiedade pública así como algunhas de carácter privado advertindo que o ter armas privadas, non significaba autorización para o seu uso.

Caricatura de Enrique Vidal Bustamante, o encargado de proclamar a II República en Moaña o 15 de abril de 1931. | //ARQUIVO A.C.NÓS

En Moaña: A vila vivira unha xornada tráxica o día 13 e o 14 estaba de loito polo que non se puido proclamar a República o mesmo día que na maioría dos concellos, facéndoo o mércores 15 ás 10 de mañán desde o balcón da casa consitorial. O encargado da proclamación foi Enrique Vidal de Bustamante e fíxoo en presenza de once concelleiros republicanos elixidos o domingo anterior. No momento de izar a bandeira tricolor, pronunciaron discursos de intenso fervor democrático e dirixidos á multitude o socialista José Riobó Casqueiro e Enrique Vidal. As ovacións foran atronadoras e duraron longo rato con mostras de extraordinaria alegría, acto seguido organizouse unha manifestación que percorreu as rúas no máis completo orde, dirixíndose logo ao cimiterio para rendir tributo aos restos de Cándida Lago Veiga “inocente víctima dun réxime que crían felizmente fundido para sempre e dunha tiranía que na súa agonía aínda tivo alento para matar a pobre nai de dous desgraciados pequeniños”. ¡Sangue inocente que se verte en aras da liberdade!

A nova Corporación Municipal

O mesmo día 15 de abril tomaron posesión dos seus cargos a maioria dos edís facéndoo en nome do Goberno da República e ante o Delegado Gobernativo, Maximiliano Pérez, por estar desaparecido o alcalde anterior.

Días antes da elección de alcalde, José Romero mandara unha carta aos medios de comunicación en nome de Solidaridad Marinera na que se relataban os actos do enterro de Cándida Lago dicindo que se trataba dunha vítima da cobardía caciquil e dando explicación dos actos da proclamación da República na vila, criticando os abusos cometidos e demandando xustiza.

O 19 de abril procedeuse, mediante votación segreda, á elección de alcalde. José Romero Piñeiro foi elexido rexedor tras obter doce apoios

decoration

O día 19 en sesión extraordinaria e mediante votación secreta procédese á elección de alcalde. José Romero Piñeiro obtivo doce votos, Benito Rosales dous votos, houbo un voto en branco e había un edil ausente. Durante a sesión Manuel Piñeiro Otero (Vidal) e José García Núñez din terse presentado como monárquicos pero instaurada a República por vontade popular comprométense a traballar polo benestar moral e material da nación.

A II República rematou en Galicia o día 18 de xullo de 1936 cando un grupo de militares facciosos encabezados polo xeneral Franco dá un golpe de estado que posteriormente provocou unha guerra civil.

Xesús Cancelas Franco

*Veciño de Moaña e integrante da Asociación Cultural Nós

Compartir el artículo

stats