Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Morte de Cándida Lago Veiga (I)

Cándido Giráldez e Cándida Lago. | // ARQUIVO DA A. C. NÓS

O luns 13 de abril (dia seguinte ás eleccións municipais) pola mañán cando o mestre nacional da escola do Casal Enrique Vidal de Bustamente se dirixía á súa escola, un grupo de mulleres de armadores e crebafolgas abucheáronno e insultáronno, chegando un dos presentes a ameazalo con sacar unha pistola. Tamén insultaron e ameazaron á muller do mestre e os seus fillos.

Ás cinco da tarde un grupo de mulleres e nenos fillos de mariñeiros e sen ningunha presenza masculina manifestáronse ordenadamente dando vivas e cunha bandeira republicana. Saíran do local sindical da Seara pola rúa Concepción Arenal en dirección á praza (que se facía ao aire libre porque non estaba construído o edificio actual), superado o local do concello (que estaba na actual travesía de Fontecan), ao chegar o cuartel da Garda Civil un cabo do corpo diríxese ao mestre José Corbacho que se atopaba alí ao parecer para comprar tabaco, ordenándolle que disolvese os manifestantes por entender que era o organizador do acto. Este díxolle ao cabo que non tiña autoridade algunha sobre as manifestantes e cando intentaba abandonar o lugar, un armador deulle un empuxón tirándoo contra un grupo de homes armados alí concentrados, estes acurralaron de xeito hostil ao mestre e nese momento, unha veciña, Castora Lago Santomé interpúxose entre o grupo armado e o mestre, salvándolle inicialmente a vida a Corbacho, posteriormente comezaron a disparar sobre el, “esta era o sinal da caza do home”.

O mestre abandonou o lugar como puido e intentou entrar no establecemento de Ventura Pérez, pero un fillo do propietario e armador impediullo pechando a porta metálica. No lugar o grupo de homes armados encabezados segundo as testimuñas polo alcalde saínte Ernesto Carballo García e o seu irmán Ramón (oficial do axuntamento e candidato a concelleiro que non saíra elexido), continuaron disparando con armas curtas sobre o ensinante, este fuxíu dos agresores ata que a altura do Casino outros dous individuos do mesmo grupo tamén comezaron a disparar sen conseguir ferilo. Entre os dous grupos chegaron a disparar de xeito cruzado máis de corenta tiros de arma curta mentras proferían gritos de morte.

O mestre conseguiu fuxir pola Canexa arriba ata o forno de Heliodoro Diz, que era un dos concelleiros elexidos o día anterior en representación do Partido Republicano Radical, ocultándose no fallado ata que veu a Garda Civil e levouno detido e esposado, acusado de ter sacado un revólver durante a persecución, logo sería levado a Pontevedra onde permanecería encarcerado varios días.

Mentras todo isto estaba ocurrindo, un suceso moito máis grave acontecía. Durante o tiroteo orixinouse un tumulto e as mulleres e nenos que se manifestaban disolvéronse buscando refuxio onde podían e unha veciña da Seara Cándida Lago Veiga levando da man o seu fillo José intentou protexerse nunha das primeiras casas da Canexa onde lle impediron a entrada, e nese lugar foi agredida segundo contarían varias testemuñas. Cándida morreu ás 19 horas, como reflexa a acta de defunción: ”morreu por causa indeterminada por agora, segundo resultado das dilixencias practicadas por este xulgado”, deixaba dous fillos José de cinco anos e Cándida de catro meses, tiña 26 anos e o seu viúvo Cándido Giraldez Coloret era mariñeiro e membro do sindicato Solidaridad Marinera.

A noticia foi publicada en distintos medios de comunicación madrileños como Heraldo de Madrid, Mundo Gráfico, etc. con información escueta, e noutros diarios galegos ofrecíase información máis dubidosa como a seguinte: Mátanna a patadas e tíranna á rúa. Sobre as seis da tarde, un grupo dunha ducia de mulleres con guitarra e cantando coplas galegas ían por Concepción Arenal invitándoas a Garda Civil a disolverse, e pedíullo tamén o mestre Corbacho que consideraban o inspirador da algarada. Disolto o grupo Corbacho foi acometido a tiros tendo que refuxiarse nunha taberna. Ao escoitar os tiros as mulleres que estaban na Praza do Peixe, trataron de buscar amparo e Cándida Lago fíxoo nunha taberna donde lle pecharon a porta, e onde foi agredida e ferida mortalmente.

O cadáver foi velado toda a noite por forzas republicanas, e a familia do aínda alcalde Ernesto Carballo pasou a noite nun barco pesqueiro no medio da ría por medo a represalias.

O martes 14 de abril os restos mortais de Cándida Lago foron levados ao depósito do cemiterio de Moaña e o pobo acudiu en masa ao acompañamento e paralizáronse os traballos en todos os gremios, foi unha importante manifestación de pesar e protesta. O cadáver foi cuberto pola bandeira tricolor e os actos celebrados foron de carácter civil sen ningunha presenza relixiosa.

Na tarde do xoves 16 realizouse a autopsia por parte do médico forense de Pontevedra Amancio Caamaño Cimadevila e os de Moaña Luis Caamaño Pato e José Soage Hermida, en presenza do xuíz municipal. Ao cadáver fóronlle apreciadas diversas magulladuras en varias partes do corpo así como unha ferida de arma de lume que lle atravesou os dous pulmóns, aloxándose o proxectil nun deles.

Rematada a autopsia constituiuse o Xulgado na casa do señor Pereira e Enrique Vidal de Bustamante reclamou xustiza, ao que contestaron pedíndolle probas, aportando este as que espontáneamente lle facilitaron varios veciños que declararon ante o xuíz, e ordeando este prisión para tres veciños, que non tardaron en saír en liberdade e posteriormente dous deles non serían procesados no xuízo. As testimuñas denunciaron tamén a 10 ou 12 individuos que dispararon contra o mestre.

Días despois, a prensa da época facíase varias preguntas como ¿Por que despois de tanto tempo segue sin aclararse o sucedido? ¿Cal é o motivo da lenta apatía? e, sobre todo ¿Por que non se tomaron medidas contra o exalcalde Ernesto Carballo, verdadeiro inductor moral do tumulto no que acabou morta unha veciña e puido tamén acabar morto un mestre?, afirmando que Carballo non fixera nada para evitar o suceso máis ben está clara a súa parcialidade delictiva como autoridade. O 24 de marzo de 1935 a corporación municipal en sesión ordinaria e a petición do Centro Radical que presidía o edil Heliodoro Diz acorda por unanumidade dar nome a varias rúas da vila entre elas decide que o primeiro tramo da Canexa desde a Praia ata a estrada de Cangas se chame “Cándida Lago Veiga”.

Os antecedentes

A comezos do ano 1931 en Moaña había unha grande conflitividade social debido aos continuos enfrontamentos entre os mariñeiros organizados no sindicato Solidaridad Marinera presidido por José Romero e os armadores e conserveiros que formaran o seu propio “sindicato libre” que tiña unha sección chamada Legionarios del Mar composta por 50 homes que a dicir de Romero, eran unha banda de pistoleiros. Outro factor de conflito era o enfrontamento entre o alcalde Ernesto Carballo e os Mestres pois culpábanse mutuamente da alta mortalidade infantil e do deplorable estado das escolas. A situación estaba tan crispada en Moaña, que na prensa da época, dirixíanse ao Gobernador Civil pedíndolle que tomara medidas e nunha crónica chegouse a dicir literalmente: ”mucho nos tememos que nos den un día de luto”.

*Agrupación Cultural Nós

Compartir el artículo

stats