Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A mortalidade infantil en Moaña en 1930

O xarampón e o tifus causaron numerosas mortes entre os menores de 10 anos

Alumnas do grupo de Quintela. Profesora Purificación Pazó. | // A.C.NÓS

No centro o alcalde Ernesto Carballo, en 1924. | // PACHECO; ARQUIVO A.C.NÓS

O inspector de sanidade José Soage Hermida. | // ARQUIVO DA A.C.NÓS

A evolución da mortandade en Moaña durante o ano 1930 segundo grupos de poboación. | // ELABORACIÓN DO AUTOR

A evolución entre 1918 e 1932.

O día 10 de abril de 1930 en plena dictablanda de Dámaso Berenguer celébrase un pleno extraordinario da corporación municipal de Moaña no que é nomeado alcalde Ernesto Carballo García en substitución de José Carvajal Quiroga. Carballo xa fora alcalde na dictadura de Primo de Rivera durante 23 meses entre 1923 e 1925, e fora destituído xunto co resto da corporación “dado o estado de opinión dos veciños”.

Pasada a pandemia da gripe española a poboación local incrementouse sensiblemente pasando de 8.020 habitantes en 1920 a 9.634 en 1930 e a mortalidade, pasado o ano 1918, foise incrementando leve e proporcionalmente ao crecemento poboacional.

No mes de maio de 1930 apréciase unha mortalidade infantil moi alta, pois houbo 11 defuncións de menores de 10 anos e tan so 9 de entre 10 e 100 anos. En xuño anúnciase unha campaña de vacinación escolar en todas as parroquias contra a varíola e invitan a vacinarse a todos os veciños que non o estean.

Durante todo o verán a mortalidade de menores de 10 anos continuou incrementándose e pasada a época estival cando xa se coñecía que había unha epidemia de xarampón e tifus con centos de infectados, comeza o curso escolar con evidentes síntomas das enfermidades, e os mestres queixándose da situación. O Inspector Municipal de Sanidade José Soage Hermida indicoulle ao alcalde as medidas hixiénicas a tomar para evitar o avance dos contaxios: conviña pechar as escolas, a catequese e os bailes públicos.

A Inspección de Primeira Ensinanza toma a decisión de pechar as escolas nacionais de nenos e nenas nº1 de Moaña (grupo escolar) en vista da pouca seguridade que ofrecían para os nenos as aulas. O goberno municipal discrepaba da situación sanitaria e non tomou medidas para evitar a propagación da epidemia.

O enfrontamento do alcalde cos mestres

En novembro os mestres dicían que o abandono escolar era incalificable e que se levaban gastado grande cantidade de diñeiro en obras no grupo escolar pero por falla de mantenemento o edificio estaba en risco de afundirse (tiña 18 anos), a escola de nenas estaba sen clases e o Concello utilizaba as habitacións da casa da mestra que estaban declaradas en perigo, para dar clases de música e as aulas de nenos estaban en moi mal estado. A Inspección pediulle ao Concello a rápida reparación do edificio.

No mandato anterior o alcalde Carballo xa tivera enfrontamentos cos mestres e chegou a pechar a escola de Tirán que estaba no baixo dunha casa e agora o Grupo de Tirán, recén construído en 1927 estaba destartalándose ante a indiferencia do alcalde mentras el estaba afanado en conseguir un empréstito para facer grandes obras ás que se opoñía o vecindario.

A principios de decembro despois da mortalidade nos meses de outubro e novembro (26 e 29 defuncións), os datos sobre a situación sanitaria son abrumadores. No núcleo urbano hai esterqueiras e todo tipo de inmundicias, incluídos residuos e filtracións de retretes, pocilgas de porcos e augas estancadas.

As catro principais fontes: Fonte Can, Fonte Bieita, Riasón e a Martinga, son depósitos de lixo e antihixiénicas. Analizadas as augas foron declaradas perxudiciais para a saúde, sendo o alcalde coñecedor da situación pola Inspección de Sanidade, que lle propón medidas para atallar o problema, pero nin sequera reúne a Xunta de Sanidade local.

Non se eliminaron os focos de infección, non se clausuraron as escolas, non se aillaron os enfermos, non se desinfectaron vivendas nin as roupas. A mortalidade infantil segue sendo altísima, de maio a decembro morreron 96 menores de 12 anos, a maioría por enfermidades infecto-contaxiosas e a situación vai a peor. O alcalde é acusado de desidia, e entre tanto manda instalar doce puntos de luz na Xunqueira, lugar por onde el vai á súa casa. Frecuentemente ridiculizaba aos mestres e coidábase de que non tiveran casa-habitación en condicións. Non arranxaba nin pintaba e branqueaba as escolas no verán, prohibía conferencias, enfrontábase ás organizacións mariñeiras e falaba con nostalxia públicamente das súas viaxes e aventuras por Italia, Francia e Suíza, países que segundo el dicía recorrera.

Ernesto Carballo dicía que as imputacións eran calumniosas e que Moaña non era vítima da súa deixadez nin incuria, que non tiña responsabilidade nas 96 defuncións infantís entre maio e decembro e que as causas constaban no rexistro civil, sendo tan só tres por xarampón. Alegaba que como se podía ver a culpa principal de case a totalidade das defuncións era de todos os que estaban obrigados a ensinar, e non procuraron de que os pais tiveran os coñecementos necesarios para unha boa alimentación e crianza dos seus fillos (en alusión directa ós mestres).

Os ensinantes contestaban dicindo que o alcalde era o presidente da Xunta de Sanidade da Vila e que non debía descargar a responsabilidade sobre eles. Preguntábanse quen era o culpable de non analizar o leite, de que non se recoñeza o peixe, do sacrificio de reses sen control, das escolas sen branquear, do estado das fontes e lavadoiros, etc.

De volta das vacacións de Nadal a Deputación Provincial concedera 10.000 pesetas, para reparar o Grupo Escolar de Moaña e en febreiro de 1931 o pleno da corporación municipal aprobou un suplemento de creto para atender pagos por reparación do mesmo grupo, entre outras obras.

O enfrontamento entre o alcalde Carballo e os ensinantes continuou ata o 13 de abril. O domingo 12 celebráronse as eleccións municipais e o resultado foi contundente, os antidinásticos conseguiron 14 concellais e os monárquicos soamente dous. O alcalde perdera as eleccións de forma contundente, e o luns 13 de abril un grupo de xente armada liderada por Ernesto Carballo e o seu irmán Ramón, liáronse a tiros contra o mestre José Corbacho co que xa tiveran graves discrepancias anteriores. Corbacho conseguiu escapar indemne do tiroteo, pero unha veciña chamada Cándida Lago Veiga que estaba acompañada dun fillo menor resultou morta a consecuencia dos disparos.

Ao día seguinte cando todos os concellos celebraban a proclamación da República, Moaña estaba de loito e o dito acto non se celebraría ata o día 15 de abril. Catro días máis tarde sería elexido alcalde José Romero Piñeiro.

Ese ano de 1931 a situación sanitaria mudou e a mortandade baixou a 78 menores de 10 anos e 85 de entre 10 e 100 anos.

*Veciño de Moaña e membro da A.C.Nós

Compartir el artículo

stats