Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A morte de Cándida Lago Veiga (II)

Cándido Giráldez, tras enviuvar de Cándida, casou coa súa cuñada, Carmen Lago. | // ARQUIVO AC NÓS

A tarde do 30 de abril de 1931 unha comisión composta polo exdiputado a cortes por Barcelona e abogado Emiliano Iglesias Ambrosio, o abogado de Pontevedra encargado da acusación Tomás Salgado Pérez e o mestre José Corbacho Pajares visitan en Madrid ao Fiscal do Tribunal Supremo, explicándolle os graves sucesos acaecidos en Moaña nos que pretendían asesinar ao citado mestre e acabaron causándolle a morte a Cándida Lago Veiga, dándose o vergoñento caso de que o único detido por estes feitos foi o mestre.

Dada a gravidade do asunto e para informarse detalladamente do sumario que se tramitaba no xulgado de instrucción de Pontevedra, o fiscal cita a comisión para o día seguinte.

O primeiro de maio asisten os tres comisionados a requerimento do Fiscal da República onde lle explican pormenorizadamente os sucesos provocados por algúns adictos de Bugallal e a actuación do alcalde Ernesto Carballo, protestando pola detención do mestre Corbacho que sería levado a Pontevedra e que foi posto en liberdade con motivo da proclamación da República, mentras algúns dos autores do crime andan soltos.

Tamén se queixaron ante o Fiscal dos últimos atropelos sufridos en Moaña durante o réxime anterior informándolle de que foran formuladas denuncias por escrito. O Fiscal despois de oír atentamente o relato prometeulles que se esixirían as debidas responsabilidades.

A medida en que ía pasando o tempo as forzas republicanas, os mestres e, sobre todo, a familia de Cándida Lago tiñan a sensación de que a xustiza actuaba con parcialidade e non tardarían en confirmalo.

O día 27 de marzo de 1933, ás 15:00h, celébrase no Tribunal do Xurado de Pontevedra a vista da causa instruída contra Ernesto Carballo García, Ramón Carballo García e oito veciños máis polos delitos de homicidio e alteración da orde, o Fiscal pide un ano, oito meses e un día de prisión correccional para todos eles. A acusación relata como ocurriu o tiroteo con fogo cruzado desde o Casino e pide para un dos acusados a condena de doce anos e un día de prisión e vinte mil pesetas de indemnización por consideralo autor do disparo que lle causou a morte a Cándida Lago Veiga. Compareceron a declarar 56 testigos e o xurado a 01:30h. da madrugada do 28 de de marzo de 1933 dictou veredicto de INCULPABILIDADE, absolvendo a todos os procesados. Parecía que nada tiña ocurrido.

O fatal desenlace

O 18 de xullo de 1936, un golpe de estado militar liderado por Francisco Franco provoca unha guerra que acabaría coa ll República impoñendo unha ditadura ideoloxicamente moi cercana aos rexímenes imperantes en Alemania e Italia (nazismo e fascismo).

Na nosa vila igual que no resto de Galicia os militares facciosos controlaron a situación desde os primeiros días, e marcáronse como obxectivo descabezar as organizacións sociais, matando para elo a moitos dos seus líderes, reprimindo e encarcerando a outros e borrando na medida do posible todo o que recordase a República.

A Comisión Xestora Municipal imposta polos golpistas, en sesión extraordinaria do 8 de outubro de 1936 decide cambiar o nome de varias rúas entre elas e sen nomeala cambia a dedicada a Cándida Lago Veiga dicindo que o tramo da Canexa entre a estrada de Cangas a Vilaboa e o ramal do muelle pasa a chamarse “Calle del 18 de julio”.

Cándido Giraldez Coloret despois de enviuvar de Cándida Lago, casara coa súa cuñada Carmen Lago que criou os seus dous sobriños. O matrimonio tivo outros dous fillos chamados Libertad e Carmen Vida. Cándido que era membro da xunta directiva de Fraternidad Marinera, foi detido en novembro de 1936 polas forzas falanxistas locais lideradas polo alemán José Brumo Schweiger e asesinado xunto cos seus compañeiros da directiva do sindicato mariñeiro. Os seus corpos nunca apareceron. Carmen foi rapada, ameazada e asustada, chegando a dormir o aire libre debaixo dunha viña por medo a que viñeran buscala pola noite á súa casa e a levaran cos seus fillos e sobriños que por certo criou como fillos.

A situación económica e de precariedade na que quedou Carmen foi valorada nun escrito do alcalde franquista Jesús Seoane dirixido ao Gobernador Civil o día de Noiteboa de 1936 no que se dicía que “carecía do máis imprescindible para o seu sustento e dos seus fillos”.

A Comisión Nacional de Depuración del Magisterio creada polo rexime franquista sancionou a José Corbacho cun traslado forzoso e tres meses sen emprego nin soldo, e Enrique Vidal, foi apartado do servizo e inhabilitado para cargos públicos e ademáis foi detido dúas veces.

*Agrupación Cultural Nós

Compartir el artículo

stats