Perto de 200 nenos de Moaña aprenden portugués a través do galego
Concello e AGAL organizan os obradoiros “O Mundo de INHO”

Os estudantes do CEIP Abelendo durante o obradoiro. / Fran G. Sas
Uns 200 estudantes de 5º e 6º de Primaria dos sete colexios de Moaña participan, desde comezos de semana, nunha nova edición dos obradoiros “O Mundo de INHO”, organizados polo Concello e con monitores da AGAL (Associaçom Galega da Língua).
Xa pasaron por esta formación a maioría dos centros. Este luns será o turno dos pequenos de Tirán e A Guía. Cada sesión consta de 100 minutos nos que os nenos aprenden a relacionarse co mundo da lusofonía a través do galego, descubrindo as posibilidades do idioma propio para relacionarse cun ámbito cultural de máis de 250 millóns de falantes, ademais de recoñecer as potencialidades do galego de cara ao futuro laboral.
Os obradoiros comezan coa identificación de vocabulario en textos arredor de distintas profesións. A alumnos realizan tamén traballos en equipo e escoitan audios en portugués para identificar as palabras que teñen a mesma pronuncia aínda que se escriban de xeito diferente.
Boa parte das sesións céntranse na variante brasileira do portugués, da que os nenos deben identificar as enormes semellanzas que ten con respecto ao galego.
Esta nova edición de “O Mundo de INHO” en Moaña enmárcase dentro das actividades organizadas polo Concello cos escolares no marco da proposta “21 días en galego”. Unha faixa na fachada da casa consistorial lembra que os estudantes están inmersos no reto de falar ao longo de 21 días só no idioma propio de Galicia.
Este reto comezou o pasado 25 de xaneiro e finalizará o 14 de febreiro. No seu comezo a propia alcaldesa, Leticia Santos, emitiu un bando animando aos veciños que empregan habitualmente o castelán “a que asuman o desafío de botarse a falar en galego as 24 horas do día durante esta campaña”. Engadiu que a veciñanza “vivirá os problemas cos que se atopan as persoas galegofalantes e sentirá a satisfacción de recuperar o noso xeito de falar”.
O alumnado de entre 3º de Primaria e Bacharelato adquire o compromiso de falar só en galego durante 21 días. Os estudantes levan unha insignia identificativa e participan na gravación de vídeos colectivos que se farán públicos na web Caranvexo.gal.
Como non pode haber gala final, quen acade o reto levará de premio unha camisola da marca local “Afouta”, coa colaboración do grupo musical NAO Galiza. Os estudantes máis pequenos participarán en diferentes actividades.
- Una vecina de Aldán, mordida por una serpiente en la mejilla
- Movilizado un operativo de búsqueda en la ría de Vigo por una falsa alarma
- Menduiña frena la instalación de una caseta en las dunas de la playa
- La concentración motera de Bueu, a superar los 6.000 participantes
- Cangas plantea señales de prohibido el paso excepto residentes en el tráfico a las playas
- Leti, corredora de fondo; madre al sprint
- Hasta 22 moañeses instalan casetas de murciélagos en sus terrenos para luchar contra el mosquito tigre
- Helicóptero sobre la playa de Lagos